A pretemporada do Celta continúa na TVG, esta noite, co amigable contra o Spórting de Braga - CSAG
A pretemporada do Celta continúa na TVG, esta noite, co amigable contra o Spórting de Braga
O equipo de Claudio Giráldez enfróntase ás 21:00 h ao conxunto portugués, un dos máis destacados do país veciño, nun encontro que se disputará no Estadio Municipal de Braga

Santiago, 19.07.2025.- A Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal ofrecen esta noite en directo, a partir das 21:00 h, o segundo partido de pretemporada do novo EuroCelta, un equipo renovado que se prepara para escribir unha nova páxina no seu camiño por Europa.
Despois do seu enfrontamento contra o F. C. Famalicão no primeiro encontro da intensa pretemporada 25/26, o conxunto dirixido por Claudio Giráldez medirase hoxe con outro equipo portugués, o Spórting de Braga, un dos clubs máis destacados do país veciño e habitual nas competicións europeas. Cuarto clasificado na Liga de Portugal, o S. C. Braga acumula unha ampla traxectoria de éxitos no fútbol luso. No plano internacional, competiu en tres ocasións na UEFA Champions League e é un conxunto habitual da UEFA Europa League, consolidándose como un dos grandes embaixadores do fútbol portugués.
O conxunto celeste desprazarase ata o Estadio Municipal de Braga para disputar un partido que será, á súa vez, un duelo entre adestradores españois tras a recente chegada de Carlos Vicens ao equipo portugués, deixando atrás a súa exitosa etapa como asistente de Pep Guardiola no Manchester City.
Os espectadores poderán seguir cada detalle do partido coa máxima calidade, grazas á cobertura en Ultra Alta Definición (UHD) da canle pública galega, así como desde calquera punto do Estado a través da plataforma AGalega.gal.
A Televisión de Galicia continúa así a súa cobertura integral da pretemporada do Celta durante este verán, acompañando o equipo vigués nun camiño que esperta grande ilusión entre a súa afección. As seguintes citas no calendario serán contra o C. D. Nacional Madeira, o VfB Stuttgart, o Grasshopper, o Vitória Guimarães e o Wolverhampton Wanderers.