div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

A CRTVG acode esta semana ao 45º Celtic Media Festival, en Gales, con 14 candidaturas

A xefa de Contidos,  Montse Besada, intervirá como xurado na sesións de pitching de presentación de proxectos, e María Sabucedo, xestora da nova plataforma dixital AGalega.gal, participará nun panel dedicado á programación infantil

No festival participan canles europeas de orixe celta e nel a Corporación traballa para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional

crtvg.gal 03/06/2024 14:41

Santiago, 03.06.2024.-    Cardiff, a capital de Gales, acolle esta semana a 45ª edición do Celtic Media Festival, certame internacional do sector audiovisual en que a CRTVG ten unha presenza activa e ao que acode con 14 candidaturas. Doce producións teñen o selo da canle pública (a película ‘O Corno’ é candidata en dúas categorías) mentres que a Radio Galega pode ser nomeada a ‘Estación de radio do ano’. Os galardóns iranse anunciando entre o 4 e o 6 de xuño.

Outras producións candidatas aos premios son o filme de animación ‘O soño da sultá’; os documentais ‘María Casares’, a muller que viviu mil vidas’ e ‘Galegos D’Ouro’; a serie ‘Operación Marea Negra’ e o concurso escolar ‘Pim Pam Experimenta’. As candidaturas da Televisión de Galicia aos Premios Celtic Media Festival 2024 complétanse cos programas ‘Galicia Bonita’, ‘Unha historia de crimes’, ‘Comisión de Festas’, ‘O mellor tractor do mundo’, ‘Coa luz do corazón’ e ‘Ondas Novas’.

No programa de traballo do festival, a xefa de Contidos da CRTVG, Montse Besada, intervirá como xurado na sesións de pitching de presentación de proxectos. Ademais, o mércores día 6, María Sabucedo, xestora da nova plataforma dixital AGalega.gal, participará no panel dedicado á programación infantil e o consumo dixital de contidos ‘Where are the kids?’ (‘Onde están os nenos?’), en que se reflexionará sobre o abandono da televisión como canle para a programación infantil e xuvenil, o que nos medios públicos galegos se aborda coa ampliación da oferta para este público na plataforma Xabarin.gal.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada en que participan canles de orixe celta, como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne. A CRTVG participa anualmente nela para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Os seus foros e programas de actividades supoñen un interesante espazo de traballo do que xorden proxectos audiovisuais e intercambio de coñecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade