A CRTVG presenta a súa plataforma dixital AGalega no marco da Cátedra CIRCOM-UVigo - CRTVG
A CRTVG presenta a súa plataforma dixital AGalega no marco da Cátedra CIRCOM-UVigo
A Cátedra CIRCOM-UVigo debate este venres os retos dos medios na era dixital e as innovacións e procesos de modernización nas televisións públicas europeas
O director de Contidos da CRTVG, e secretario xeral de CIRCOM, Fernando R. Ojea, e o reitor da Universidade, Pachi Reigosa, inauguraron a xornada
AGalega é a maior plataforma de contidos audiovisuais en galego do mundo
Santiago, 26.04.2023.- A CRTVG presentou este venres a súa plataforma dixital AGalega (AGalega.gal, AGalegaAudio e Xabarín), creada en xaneiro, no marco do workshop ‘Shaping Media for the Future’ ou ‘Moldeando os medios de comunicación para o futuro’ da Cátedra CIRCOM-UVigo, xornada que reúne profesionais e académicos nacionais e internacionais para debater sobre xestión e innovación nos medios de comunicación. O director de Contidos da CRTVG, e secretario xeral de CIRCOM, Fernando R. Ojea, e o reitor da Universidade, Pachi Reigosa, inauguraron a xornada.
A directora do proxecto da nova OTT da CRTVG, María Sabucedo, realizou a primeira intervención do taller, que conta coa participación de profesionais de canles como RTVE, a televisión de Suecia SVT, a RTP de Portugal e de universidades como a London School of Economics. Este evento, o primeiro que organiza a Cátedra CIRCOM-UVigo creada en 2023, conta con relatorios sobre innovación nos medios de comunicación de servizo público e o novo relato informativo no eido dos medios na era dixital, facendo unha análise sobre os procesos de modernización nas televisións públicas europeas.
A Cátedra CIRCOM-UVigo está xestionada desde as dúas institucións, a universidade viguesa e CIRCOM Regional, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Os principais responsables do proxecto son o profesor e xornalista da TV pública eslovena Zoran Medved e o profesor Xosé Rúas, da Universidade de Vigo.
O obradoiro está sendo seguido presencialmente por universitarios e profesorado galego e tamén en streaming desde distintos puntos de Europa.
AGalega, AGalegaAudio e Xabarín incorporan a día de hoxe máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua do mundo. As tres plataformas están a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web, e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, e nas principais televisións intelixentes.