div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

'Prefiro condenarme', película documental apoiada pola TVG, obtén mención especial no Festival de Sevilla

Esta longametraxe, que chega aos cines o venres e proximamente na TVG e en AGalega.gal, conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da cineasta Margarita Ledo

crtvg.gal 19/11/2024 15:09

Santiago, 19.11.2024.-   A película documental ‘Prefiro condenarme’ foi distinguida esta fin de semana coa mención especial do xurado da sección ‘Las Nuevas Olas’ no Festival de Sevilla. Esta nova película da cineasta galega Margarita Ledo Andión, que contou co apoio da CRTVG do 6 % a producións audiovisuais de interese, é un documental creativo que conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da directora.

Producida por Nós Produtora Cinematográfica Galega, narra a historia das mil caras de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, que desafiou as normas sociais e eclesiásticas da época na súa loita polo amor e a igualdade. Nai díscola, cunha esfera familiar en perpetuo desasosego, afrontou un xuízo por adulterio aos 33 anos en 1972, a causa da filla que ten co seu amante. A película, en cuxa narración se empregan imaxes de arquivo e os lugares como ferramentas para que aflore a memoria, aborda os temas da violencia, os malos tratos, a opresión social e a loita polos dereitos. Ademais da participación de Sagrario, conta no elenco con Nardo Beceiro, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo.

‘Prefiro condenarme’ chega aos cines o 22 de novembro -e proximamente na TVG e en AGalega.gal-, en datas previas á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro) e ten a distinción de “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero” por parte do Ministerio de Cultura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade