div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contenidos

A TVG achega o especial 'Os Satélites e amigos', coas estrelas da verbena galega e as cancións das súas vidas

Santiago, 21.12.2024.-   A TVG ofrece esta noite, ás 22:55 h, un especial centrado na orquestra Los Satélites, que contará tamén coa presenza doutras estrelas da verbena galega. Alba Mancebo e Arturo Fernández presentarán este programa, en que os artistas convidados interpretarán as cancións das súas vidas e tamén lembrarán os momentos musicais máis felices doutras celebracións de Nadal.

En ‘Os Satélites e amigos’, os espectadores gozarán das intervencións de Blas Piñón, da orquestra París de Noia; Irene Iglesias, Mario Álvarez e Fátima Pego, da Panorama; César Romero, da Cinema; Paco Lodeiro, o presentador de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'; Alejandra Pais, gañadora da primeira edición deste concurso e vocalista de Fania Blanco Show, e a cantante e presentadora da TVG, Tania Veiras.

ler máis

A G2 e AGalega.gal ofrecen esta fin de semana os partidos de fútbol máis destacados dos equipos galegos en 1ª e 2ª RFEF

Santiago, 20.12.2024.-      A fin de semana deportiva comeza para os usuarios da G2 e da plataforma AGalega.gal este sábado ás 16:00 h co partido de fútbol de 2ª RFEF entre o R. Valladolidad Promesas e a S. D. Compostela. O equipo compostelán desprazarase a Valladolid para xogar no Estadio José Zorrilla.

O mesmo día, as xogadoras de fútbol sala do equipo do Poio Pescamar F. S. xogarán na casa contra o S. F. Castro Bloques Cando nun partido de 1ª RFEF feminina. O encontro terá lugar ás 18:00 h, sendo esta a 15ª xornada de competición.

O domingo deportivo arrancará ás 12:00 h cun partido de Primeira Federación entre a Real Sociedade B e o Ourense C. F. O equipo ourensán, que só perdeu un partido nos últimos dous meses desde que chegou o novo adestrador, Pablo López, viaxará a Donostia para xogar no Real Arena o seu último partido do ano.

A tarde do domingo tamén estará cargada de fútbol, comenzando cun de Segunda RFEF entre o Coruxo C. F. e o C. D. Guijuelo ás 16:30 h, correspondente á última xornada da primeira volta. A continuación, a partir das 18:30 h, ofrecerase na G2 a segunda parte doutro encontro desta categoría: o Bergantiños C. F.-Raio Cantabria.

Para rematar a fin de semana, os espectadores poderán gozar ás 19:30 h dun partido de Primeira Federación entre o Zamora C. F. e o C. D. Arenteiro, que actualmente mantén a sexta posición na táboa clasificatoria.

ler máis

Xabarin.gal amplía a súa oferta para un Nadal cheo de aventuras e divertimento infantil

Santiago, 20.12.2024.-   A plataforma infantil da CRTVG Xabarín.gal amplía este Nadal a súa oferta audiovisual coa incorporación de máis contidos, entre eles 20 novos episodios de ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego, coproducida pola CRTVG con Undodez e dirixida a nenos de ata 4 anos, que Xabarín.gal estreou en exclusiva este mes.

O luns, 23 de decembro, Xabarín.gal estreará unha sección especial de Nadal, amais dun especial protagonizado por Betty Atómica. O día de Noiteboa a cativada poderá gozar de ‘A LEGO película’, unha aventura chea de humor e acción que conta a historia de Emmet, unha figuriña de Lego destinada a salvar o mundo.

Xabarín.gal despide o ano coa estrea de 30 capítulos da serie familiar ‘Chupóns’ (27 de decembro), unha banda de amigos cuxas personalidades chocan constantemente; e coa película ‘Happy Feet: Na gran colonia dos pingüíns emperador’ (31 de decembro), onde o pingüín bailarín Mumble trasladará os espectadores ata a Antártida. Complétanse as estreas infantís de Nadal co lanzamento da serie clásica ‘Marco’ (3 de xaneiro) e a película ‘Cegoñas’ (6 de xaneiro).

A plataforma dispón tamén de tres longametraxes recentemente estreadas: ‘3 minutos para salvar ao mundo’ e ‘Mil e unha aventuras’, coas peripecias de Shin Chan e Doraemon como protagonistas, respectivamente, ou a serie ‘Os Bolechas. Orquestra de Nadal’, cos seus personaxes rodeados de música, ledicia, ritmos e instrumentos musicais.

Xabarín.gal é a maior oferta audiovisual en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia, con 4.500 contidos dispoñibles. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. O mellor xeito para desfrutar de Xabarín.gal é rexistrándose gratuitamente na plataforma. Está tamén dispoñible para descargar en versión iOS e Android.

Ademais, e no marco das súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG está levando a cabo neste mes de decembro unha campaña de presentación dos seus contidos infantís en galego á comunidade educativa. Esta iniciativa, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dando a coñecer a plataforma en centros de Educación Infantil e de Primaria das principais cidades de Galicia co obxecto de incrementar o emprego do galego entre os máis cativos.

Esta acción divulgativa terá continuidade no 2025, ano en que os medios públicos galegos celebrarán o seu 40º aniversario, cun plan de actividades para achegarlle á cidadanía os contidos e canles da Corporación.

ler máis

A Radio Galega retransmite esta fin de semana a última xornada de 2024 na Liga Profesional

Santiago, 19.12.2024.-    A Radio Galega chega esta fin de semana á última xornada de ano 2024 na Liga de Fútbol Profesional. O fútbol marcha de vacacións ata o 3 de xaneiro, a diferenza do baloncesto, un deporte que, como é tradición, mantén os calendarios regulares durante as datas do Nadal.

O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo conduce o ‘Galicia en Goles’ ata as 00:00 h, con atención especial á xornada da Primeira Federación de baloncesto. O Obradoiro visita a cancha do Castelló, coa dirección no banco dun técnico interino tras o despedimento de Gonzalo Rodríguez. Mentres, o Ourense recibe no Paco Paz o Betis coa intención de facer esquecer aos seus afeccionados o mal partido da xornada pasada en Palencia.

O sábado, desde as 14:30 h, Xoán Galán dirixe unha edición con protagonismo para o fútbol de Primeira División, co Celta-Real Sociedade desde o estadio de Balaídos. O equipo de Claudio Giráldez está sendo sólido na casa e nesta xornada debe demostralo ante un rival que volve aspirar a postos europeos na clasificación.

Cando remate o encontro de Vigo comezará na Romareda a segunda función do día, coa visita do Rácing de Ferrol ao Real Zaragoza. O equipo de Cristóbal semellaba estar recuperado tras gañar en Xixón por 1-3, pero o mércores volveu ser goleado na Malata, desta volta polo Almería. Na cidade do Pilar tampouco están contentos e o martes pola noite, tras perder diante do Real Oviedo, o preparador Víctor Fernández anunciaba a súa dimisión. O programa tamén estará pendente do fútbol da Segunda RFEF, coas saídas do Compostela a Valladolid e do Pontevedra a Ávila.

Xa o domingo, o interese estará posto en Riazor desde as 14:30 h, coa retransmisión do encontro da Segunda División entre o Deportivo da Coruña e o Mirandés, un conxunto que se converteu este curso na revelación do campionato. Durante a tarde, o programa conectará co Coruxo-Guijuelo, Bergantiños-Raio Cantabria e Torrelavega-Fabril, da Segunda RFEF. A xornada da Terceira RFEF e o balonmán da Liga Asobal co Cangas-Anaitasuna completarán a axenda de conexións do día.

Retransmisións en AgalegaAudio.Gal

O deporte tamén estará presente esta fin de semana na plataforma AGalegaAudio.gal. O sábado, a partir das 17:55 h, o Pazo de Lugo acollerá o Breogán-Xirona. Vai ser o primeiro encontro de Luis Casimiro na casa, tras dirixir os dous primeiros partidos a domicilio. No equipo catalán vai ser a estrea do preparador santiagués Moncho Fernández.

O domingo, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ chegará desta volta a través da páxina web, xa que pola FM estará en antena durante toda a mañá o sorteo da lotaría do Nadal. Desde as 11:45 h, os oíntes poderán seguir o Básquet Coruña-Joventut, da Liga ACB, xunto a tres citas da Primeira RFEF: Sestao-Celta Fortuna, Segoviana-Lugo e Real Sociedade B-Ourense. Completa o cadro de conexións a cita de Abegondo, onde o Deportivo feminino recibe a Real Sociedade nos oitavos de final da Copa da Raíña.

Audios de Radio Galega nas televisións

Esta xornada, os espectadores que sigan os partidos por televisión poderán combinar a imaxe co audio da Radio Galega nas seguintes retransmisións: Celta-Real Sociedade, no dial 54 de Movistar; Breogán-Xirona, no dial 63 de Movistar; Zaragoza-Rácing de Ferrol e Deportivo-Mirandés, no dial 56 de Movistar.

#GaliciaEnXogo

O sábado, de 23:00 a 00:00 h, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo pechará a emisión deportiva do día. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez actualizará a información do motor producida na última semana. Logo chegará a quenda de Toni López García, coa crónica dos deportistas olímpicos que marcan no calendario o ano 2028 co obxectivo de competir nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.

ler máis

O 'Atrápame se podes' da Televisión de Galicia recibe o Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024

Santiago, 18.12.2024.- O programa ‘Atrápame se podes’, emitido pola Televisión de Galicia, foi galardoado co Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024, un recoñecemento outorgado pola Academia de Televisión e das Ciencias e das Artes do Audiovisual. O organismo recoñece a calidade e éxito deste concurso familiar, con versións en case todas as canles autonómicas e destacados premios económicos. 

A Academia de Televisión destaca este “formato de gran valor para a televisión do noso país”, adaptado e consolidado nas distintas canles autonómicas como un dos espazos favoritos da audiencia. Na concesión deste premio salientouse tamén que neste concurso cultural teñen moito peso os contidos autonómicos propios, con preguntas sobre a historia, o deporte, a música, a política e a cultura de cada comunidade en que se emite. Amais da TVG, este concurso achégase con éxito na maioría das canles autonómicas de FORTA (ETB2, Aragón TV, TV3, CMMedia, Canal Sur, IB3, TVC, Á Punt, Telemadrid e Canal Estremadura). 

O concurso, presentado por Paco Lodeiro na Televisión de Galicia, combina humor, cultura xeral e a participación activa dos concursantes, logrando cativar tanto a espectadores de todas as idades como á crítica especializada. Desde a súa estrea en  2021, o espazo das noites da TVG leva repartida unha cantidade de diñeiro que supera os 320.000 € a máis de 780 participantes no concurso ordinario, tanto a través dos tres botes gañados coma dos premios diarios de 200 euros, que levan aqueles concursantes que completan a escaleira antes que o rival, aínda fallando algunha das cinco preguntas finais. Cómpre salientar que no tempo que leva en antena, o ‘Atrápame se podes’ entregou o maior premio na historia da TVG, consistente en 101.800 euros. 

A Academia de Televisión fixo público tamén hoxe a concesión do Mellor Presentador Autonómico a Manu Sánchez, por ‘Somos música’ (Canal Sur). A entrega do premio terá lugar o próximo 14 de xaneiro no Gran Teatro Caixabank Príncipe Pío en Madrid, nunha gala que reunirá os principais profesionais do sector audiovisual español. 
 

ler máis

Alba López proclámase gañadora da quinta edición de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

Santiago, 12.12.2024.-    Alba López, unha das concursantes preferidas desde o principio, proclamouse onte gañadora da quinta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. A de Arteixo conseguía a vitoria tras recibir a máxima puntuación por parte do xurado, formado por Iago Pico, Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa. Alba tamén recibiu a máxima puntuación por parte do público, e quedou segunda na puntuación dos padriños.

Os catro padriños das grandes orquestras galegas (Lito, da Panorama; Blas, da París de Noia; Diego Barbazán, da Olympus, e Noly, de Los Satélites) decidiron dar a súa máxima puntuación a Yamohe, outra das favoritas, que quedou de segunda tras a suma de todos os puntos. Terceira quedou a concursante Cristina Eirós

A final de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ tivo tres fases e contou coa participación de cinco finalistas: Costas, de Fornelos de Montes; Carlos Cereijo, de Begonte; Yamohe, de Cuba; Cristina, de Ourense, e Alba, a gañadora, natural de Arteixo. Nas dúas primeiras fases quedaron apeados do concurso Carlos Cereijo e Costas.
 
Na gran final do programa da TVG tamén actuaron nun divertido medley os tres concursantes non finalistas: Tamy, enfermeira que vive en Salvaterra de Miño; o cantante venezolano-galego Luís Febres e o divertido Iván Iglesias, de Tui. Tamén participou na gala o cantante Daniel Gigirei, gañador da cuarta edición da Liga, que interpretou o tema co que o ano pasado conseguiu a vitoria e lle fixo entrega do trofeo á súa sucesora.

A gañadora, Alba López, será a protagonista dunha gran gala coral con toda a familia de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. Esta quinta edición do concurso serviu, unha vez máis, para unir a familia das orquestras coa da televisión e descubrir novos talentos. O programa presentado pola carismática e polifacética María Mera foi case todos os días foi líder de audiencia na súa franxa horaria, con gran fidelidade e cifras de visionado espectaculares tamén nas redes.

ler máis

A TVG remata o ano como a canle máis vista de Galicia

Santiago, 10.12.2024.-   Televisión de Galicia remata o ano como comezou, sendo a  canle máis vista de Galicia, segundo os datos coñecidos hoxe da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM), no que están reflectidos os resultados de todos os grandes grupos de comunicación de España, tanto públicos como privados.

A TVG liderou en todas as ondas dos EXM do ano, e a terceira onda do Estudo Xeral de Medios non foi unha excepción. Os datos de todo o ano 2024 apoian este liderado cunha cota do 20,1%, case duplicando os resultados de TVE (11,3%) e avantaxando en máis de 7 puntos a seguinte canle privada (Antena 3, cun 12,7%). 
        
Líderes en informativos

Os galegos elixen maioritariamente a TVG para informarse. Na franxa da mañá (08:00 a 13:30 h), a que abrangue desde o ‘Bos días’ ata ‘O Termómetro’, a cota é do 20,9%, superando o seu competidor máis próximo nesta franxa, La Sexta (16,8%), en 4,1 puntos de share. E na franxa de informativos máis vista do día, a do mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h, co bloque informativo ‘Galicia Noticias’ mais ‘Telexornal Mediodía’), a TVG segue a liderar e sobe unha vez máis en audiencia, ata acadar o 35,8% de cota de pantalla, superando a Antena 3 (10,8%) e a RTVE con 5,6%.

Líder tamén entre as canles autonómicas

Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia tamén remata o ano sendo a canle máis vista todos os días da semana, superando en 1,9 puntos a seguinte canle máis vista da Federación de Organismos Autonómicos.

Por días da semana, destacan as cotas de pantalla acadadas por TVG os venres (23,3%) e sábados (29,6%).

A Radio Galega é a emisora pública líder de Galicia e coa audiencia máis fiel

A Radio Galega é a emisora pública máis escoitada de Galicia. Os datos desta terceira onda do ano do EXM reflicten que o conxunto das emisoras de Radio Galega alcanzan os 152.000 oíntes de luns a venres, un 11% con respecto á onda anterior. A Radio Galega acada os 117.000 de luns a domingo, cuadruplicando en audiencia a outra emisora pública que emite no país (RNE, 28.000 oíntes). No acumulado anual, o conxunto das emisoras da CRTVG logra 133.000 diarios de luns a domingo.

Cómpre salientar o liderado da RG en media de minutos de escoita por oínte, con 138 minutos por oínte, por diante da Cadena SER (135 minutos) e EsRadio (119 minutos). Este dato é o indicador de fidelidade da audiencia, polo que a audiencia da Radio Galega é a máis fiel de Galicia.

Deportes e entretemento na madrugada

‘Galicia en goles’, conducido por Xoán Galán, marca a mellor cifra da súa historia, con 150.000 oíntes na fin de semana. O programa da madrugada, ‘Pensando en ti’, segue a ser líder, con 37.000 ‘orellas peludas’, como se denominan os oíntes do programa conducido por Raquel Rosa, de luns a venres, e por Marcial Mouzo nas fins de semana. 

Esta última onda do EXM deste ano reflicte ademais a notoria suba de Radio Galega Música, que chega aos 39.000 oíntes de luns a venres, o que supón un incremento, o segundo consecutivo, do 160%, con 24.000 novos oíntes con respecto á onda anterior.
 

ler máis

Xabarin.gal reforza as súas estreas de cara ao Nadal

Santiago, 9.12.2024.-   Xabarin.gal reforza a súa oferta infantil este Nadal cunha programación especial para os máis pequenos da casa, coas longametraxes e series dos seus personaxes de animación favoritos. Shin Chan, Doraemon, Os Bolechas, Betty Atómica, Bibopalula, Cegoñas ou os pingüíns de ‘Happy Feet’, estarán estas festas a disposición da rapazada na plataforma infantil da CRTVG.  

Esta programación especial de Nadal iniciouse co lanzamento, en formato longametraxe, das alegres peripecias de Shin Chan e Doraemon. Os protagonistas de ambos mangas de éxito chegaron á plataforma infantil da Galega grazas á estrea de dúas películas: ‘3 minutos para salvar ao mundo’ e ‘Mil e unha aventuras’. Na primeira delas, os Nohara, a familia de Shin Chan, deberá enfrontarse a monstros que ameazan o equilibrio e a paz do mundo humano. Pola súa parte, no filme ‘Mil e unha aventuras’, Doraemon ten unhas zapatillas que permiten somerxerse dentro dos libros e vivir as súas peripecias. 

Os Bolechas tamén acompañarán a rapazada estas festas desde o 13 de decembro, en que Xabarin.gal estrea a serie ‘Os Bolechas. Orquestra de Nadal’. Os seus divertidos personaxes, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto con seu can Chispa, queren vivir ao grande o Nadal coas nenas e nenos de toda Galicia, nesta ocasión, rodeados de música, ledicia, ritmos e instrumentos musicais.

O seguinte venres, 20 de decembro, chegan á plataforma 20 novos capítulos de ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego, coproducida pola CRTVG con Undodez e dirixida a espectadores principiantes, de ata 4 anos, que Xabarin.gal estreou en exclusiva este mes de decembro.

Na antesala dos días grandes de Nadal, o 23 de decembro, os pequenos disporán dunha nova sección con contidos de Nadal das nosas series, amais dun especial de Betty Atómica. E xa o 24 de decembro poderán gozar coa estrea de ‘A LEGO película’, longametraxe que amosa as aventuras de Emmet, unha figuriña de Lego, que un día é sinalado como a persoa máis extraordinaria e clave para salvar o mundo, malia que é mentira. 

Xabarin.gal despide o ano coa estrea de 30 capítulos da serie familiar ‘Chupóns’ (27 de decembro), unha banda de amigos cuxas personalidades chocan constantemente; e coa película ‘Happy Feet: Na gran colonia dos pingüíns emperador’ (31 de decembro), que traslada os espectadores ata a Antártida, onde Mumble, un pingüín que naceu bailando claqué, é moi cuestionado pola súa comunidade porque non sabe cantar. 

A serie clásica ‘Marco’ (3 de xaneiro), sobre un neno xenovés que vai á Arxentina na busca da súa nai, será a primeira produción que se atopará a rapazada en 2025. E a película ‘Cegoñas’ completa as estreas para este Nadal na plataforma infantil da Galega. Esta longametraxe de animación, con Junior, unha cegoña que traballa nunha compañía repartidora de paquetes como protagonista, poderase ver o mesmo día de Reis (6 de xaneiro). 

Xabarín.gal é a maior oferta audiovisual en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia, con 4.500 contidos dispoñibles. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. A plataforma tamén se disparou en seguemento en novembro con crecementos de máis do 50% do número de usuarios.

ler máis

AGalega.gal ascende ao TOP 10 das plataformas máis vistas de España

Santiago, 06.12.2024.-   As plataformas da CRTVG seguen a medrar e, sen alcanzar aínda ao ano de vida, a AGalega.gal acaba de colocarse no TOP 10 das OTT máis vistas de España, segundo reflicte o informe do mes de novembro da consultora Barlovento. Cabe destacar que nos primeiros 10 postos da lista só hai dúas OTT que non emiten en castelán, AGalega.gal e 3CAT, o que incrementa a relevancia da posición da plataforma galega xa que o seu público albo é moito menor que noutras ofertas.

O 17 de xaneiro de 2025 cumprirase o primeiro aniversario do lanzamento das tres OTT da CRTVG, e AGalega.gal xa acadou a día de hoxe máis de 1.400.000 usuarios únicos, con máis de catro millóns e medio de sesións iniciadas, e foi descargada en máis de 200 países, sendo a maior plataforma de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario.

O máis visto do mes de novembro

 AGalega.gal é xa unha das novas fiestras consolidadas para ver a emisión en lineal da TVG, G2 e os eventos especiais de deportes. No caso dos informativos, o máis visto en AGalega.gal é o ‘Telexornal mediodía’

En canto aos programas máis consumidos deste mes de novembro destacan ‘Curando o mundo’ do doutor Diego González Rivas, e os clásicos da TVG ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Hora galega’ ou ‘Galicia bonita’. A ficción segue a ter un peso fundamental no consumo baixo demanda, e as series clásicas ‘Matalobos’, ‘Mareas vivas’ e ‘Pratos combinados’ conviven con estreas máis recentes como ‘Na Gloria’, sendo todas elas produtos de consumo recorrente.
    

No mes de novembro destaca tamén ‘Pringadas’ como o contido máis consumido na sección Xeración Zeta, sumando audiencias novas para a plataforma. O cine e os documentais tamén son un dos piares da oferta, especialmente os galegos, onde destacan as recentes estreas dos filmes ‘O corpo aberto’ e ‘Sica’

Xunto con AGalega, naceron AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. AGalegaAudio.gal xa está consolidada non só como a plataforma de referencia da radio en galego senón como o lugar onde atopar os mellores podcasts e os contidos nativos dixitais da radio.

Explosión de Xabarín.gal con ‘Bibopalula’

Pola súa banda, Xabarín.gal segue a medrar como o que é, a maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. Os clásicos do Xabarín como ‘Shin Chan’ teñen un público fiel na plataforma que a sitúa a esta serie como o segundo contido máis visto xunto cos vídeos do Xabarín.

O primeiro posto é para á ultima irrupción en Xabarín.gal. A serie musical para os máis pequerrechos, ‘Bibopalula’, situouse dende o seu lanzamento o pasado venres como o máis visto en Xabarin.gal. Esta última fin de semana de novembro, o consumo en Xabarin.gal medrou máis do 50 % no número de usuarios con respecto a semana anterior, aumentando tamén o número de descargas da app Xabarín tanto en IOS como en Android.


 

 

ler máis

As presentadoras Rocío Delgado e Rocío Durán acompañarán a Xosé Ramón Gayoso nas badaladas de Fin de Ano da TVG

Santiago, 04.12.2024.-    As presentadoras Rocío Delgado e Rocío Durán, actualmente á fronte dos magazines ‘O Termómetro’ e ‘Hora Galega’ respectivamente, acompañarán a Xosé Ramón Gayoso na emisión das badaladas de Fin de Ano da Televisión de Galicia.

Estas tres caras tan coñecidas para os espectadores serán as encargadas de tomar as uvas cos galegos e galegas, na conta atrás para recibir por todo o alto o 2025, desde a praza do Obradoiro, coa que se conectará durante o transcurso da ‘Gala de Fin de Ano’.

Gayoso é un auténtico experto nestas lides, e Rocío Durán, que triunfa na pantalla coa emisión do programa ‘Hora Galega’ nas tardes da TVG, xa acompañou os espectadores na Noitevella do ano pasado. A debutante neste caso é Rocío Delgado, xornalista viguesa que conduce desde o pasado mes de setembro o magazine matinal ‘O Termómetro’ na Televisión de Galicia.

ler máis

'A liga dos cantantes extraordinarios' celebra este mércores as súas semifinais

Santiago, 4.12.2024.-    O programa ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (23:00 h) chega hoxe ás semifinais. Dúas concursantes xa están clasificadas para a gran final da vindeira semana e hoxe non compiten, pero o resto de compañeiros loitarán por conseguir un lugar. 

O concurso presentado por María Mera deixa así atrás once programas onde os aspirantes acumularon puntos e desa clasificación saíron as primeiras dúas finalistas. O resto dos concursantes están hoxe cos nervios a flor de pel, xa que tres deles incorporaranse á final xunto a elas e outros tres quedarán fóra do soño de converterse en gañador.

Pola contra, Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa, os membros do xurado, respirarán esta noite un pouco ao saber que o público e os padriños tamén participarán na elección dos concursantes que pasan á final. 

Será un programa decisivo con moitas sorpresas da man dos seis protagonistas que quedan na loita do gran agasallo, sen esquecer un obxectivo: coroarse como o ‘mellor cantante galego’ e lograr o premio de cantar nunha espectacular gala coas caras máis coñecidas do panorama verbeneiro galego.

ler máis

Xabarín.gal estrea 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego

Santiago, 29.11.2024.-    A plataforma infantil Xabarin.gal estrea hoxe en exclusiva ‘Bibopalula’, a primeira serie de animación musical en galego, coproducida pola CRTVG, que este mesmo domingo tamén se presentará no Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebra en Pontevedra.

Producida por Undodez e a Televisión de Galicia e dirixida por Laura Mahía e Andrés Mahía, trátase dunha serie musical deseñada para ver múltiples veces por espectadores principiantes, de ata 4 anos. Colorida, divertida e ambientada nun bosque amable, ‘Bibopalula’ componse de historias de cinco minutos protagonizadas por paxaros que teñen un grupo musical e en que a natureza -e os seus ciclos- ocupa sempre un lugar principal.

Este grupo musical, chamado a Banda do Bosque, está formado pola pega Pegui, o merlo Merli, o paporrubio Robin e o peto Carpin. A eles uniranse en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces de intérpretes galegos coñecidos polo público como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán. Cada capítulo remata cun vídeo dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.

‘Bibopalula’ busca presentarlles a vida natural próxima a nós ás nenas e nenos que se achegan por vez primeira ao audiovisual. Na súa primeira temporada, a serie conta con 55 capítulos de 5 minutos de duración, dos que os 20 primeiros están dispoñibles desde este venres en Xabarin.gal.

Presenza en Culturgal

Despois da súa estrea na plataforma infantil dos medios públicos galegos, a serie  chegará este domingo, 1 de decembro, a Culturgal. A partir das 11:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra proxectaranse dous capítulos e as máis pequenas e pequenos coñecerán un dos protagonistas da serie, que repartirá un agasallo moi especial a todos os asistentes. Xosé A. Touriñán será o encargado de presentar o acto.

Proximamente, ‘Bibopalula’ viaxará tamén a outros territorios, onde se adaptará a outras linguas grazas a diferentes operadores.

ler máis

'Prefiro condenarme', película documental apoiada pola TVG, obtén mención especial no Festival de Sevilla

Santiago, 19.11.2024.-   A película documental ‘Prefiro condenarme’ foi distinguida esta fin de semana coa mención especial do xurado da sección ‘Las Nuevas Olas’ no Festival de Sevilla. Esta nova película da cineasta galega Margarita Ledo Andión, que contou co apoio da CRTVG do 6 % a producións audiovisuais de interese, é un documental creativo que conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da directora.

Producida por Nós Produtora Cinematográfica Galega, narra a historia das mil caras de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, que desafiou as normas sociais e eclesiásticas da época na súa loita polo amor e a igualdade. Nai díscola, cunha esfera familiar en perpetuo desasosego, afrontou un xuízo por adulterio aos 33 anos en 1972, a causa da filla que ten co seu amante. A película, en cuxa narración se empregan imaxes de arquivo e os lugares como ferramentas para que aflore a memoria, aborda os temas da violencia, os malos tratos, a opresión social e a loita polos dereitos. Ademais da participación de Sagrario, conta no elenco con Nardo Beceiro, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo.

‘Prefiro condenarme’ chega aos cines o 22 de novembro -e proximamente na TVG e en AGalega.gal-, en datas previas á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro) e ten a distinción de “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero” por parte do Ministerio de Cultura.

ler máis

A Radio Galega convida os oíntes a ver este xoves 'Ao Contraataque' desde A Sede

Santiago, 18.11.2024.-   O programa deportivo da Radio Galega 'Ao Contraataque' convida os oíntes para presenciar en directo a emisión este xoves dunha edición dedicada ao Celta desde A Sede, na rúa Príncipe. 

A presidenta, Marián Mouriño, e o adestrador do primeiro equipo, Claudio Giráldez, serán os protagonistas a partir das dez da noite. Pedro Pablo Alonso, director do espazo, tamén dará visibilidade ao recén creado equipo feminino, que compite na Terceira Federación. 

A presenza de 'Ao Contraataque' esta semana en Vigo prodúcese na semana en que o equipo vigués afronta un dos partidos máis atractivos da temporada, recibindo o sábado en Balaídos o FC Barcelona. Tras o paro polos compromisos das seleccións, o Celta regresa á competición ligueira enfrontándose ao líder, aínda que na última xornada perdeu en San Sebastián fronte á Real Sociedade.

Marián Mouriño analizará nos micrófonos da Radio Galega o primeiro ano de xestión á fronte do club centenario. Mentres, Claudio fará balance da primeira parte do campionato e responderá ás moitas preguntas que xurdirán sobre o encontro fronte ao Barça.

'Ao Contraataque' tamén reservará un tempo para a presentación do equipo feminino, denominado As Celta, e acaba de estrearse na Terceira RFEF co obxectivo de ir ascendendo de categorías nas próximas temporadas para achegarse á categoría profesional de Primeira F.

Como cada día, a emisión de 'Ao Contraataque' chegará a través da FM da Radio Galega e a plataforma AgalegaAudio.Gal, onde ao remate do programa xa estará dispoñible o enlace para a escoita en diferido.

ler máis

As curtas escolares de animación do certame 'Nós tamén creamos!', xa dispoñibles na plataforma Xabarin.gal

Santiago, 08.11.2024.-   Alumnos de educación infantil e primaria de sete centros escolares galegos recolleron este venres os seus premios como gañadores do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos! 2024’, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e OQO editora. Todas as curtas premiadas e as do resto dos 24 centros participantes están realizados coa técnica stop-motion e están xa dispoñibles na plataforma infantil da CRTVG, Xabarin.gal. 

O primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de educación Infantil foi para o proxecto Caracola, da EEI do Vao (Pontevedra) e déuselle un accésit a Quen levou o pemento de Padrón das EEI de Escravitude, de Pontecesures. O premio para 1º e 2º de educación primaria foi parar ao audiovisual Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares, de Nigrán (Pontevedra), mentres que a distinción en 3º e 4º de educación primaria recaeu en Quen levou a Lúa?, do colexio CEIP  A Igrexa-Calo, de Teo (A Coruña). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Chocolata, do CEIP Plurillingüe Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras (Ourense).

Finalmente, na categoría de 5º e 6ª de primaria, o primeiro galardón foi para o traballo O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra). A maiores, distinguiuse cun accésit á curtametraxe A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña). 

No acto participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero; e a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández Sánchez.

Xabarin.gal ofrece preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís en galego

AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app. 

Dentro de Xabarin.gal atópanse preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís, en galego, tanto de ficción como de animación, e entre os traballos desta 12ª convocatoria de curtas de animación 'Nós tamén creamos!'.         

ler máis

A CRTVG aposta polo deseño galego co novo videopodcast 'Movendo marcos'

Dani Bembibre.

Santiago, 06.11.2024.-  A Radio Galega estrea novo videopodcast co deseño e a creatividade como protagonistas. 'Movendo marcos', dispoñible desde esta semana nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio, tanto en formato de vídeo como de son, vai poñer cara aos creadores e creadoras que fan deseño en Galicia ou que, sendo de Galicia, fan deseño arredor do mundo. Desde o deseño gráfico ata a arquitectura, pasando pola ilustración, o deseño de interiores e a artesanía, entre outros moitos eidos, cada capítulo proporá unha hora de conversa en profundidade con algúns dos profesionais máis relevantes de Galicia.

'Movendo marcos' é conducido polo deseñador Daniel Portela e a xornalista Clara Rial e nas súas primeiras tres entregas ofrece entrevistas con Dani Bembibre, do estudo Costa, sobre o concepto de rebranding ou redeseño de identidades corporativas; coa deseñadora Uqui Permui, nunha conversa centrada no deseño social; e co deseñador e educador Marcos Dopico, neste caso arredor da formación académica e a tipografía.  Cada episodio explora o traballo dos profesionais e os seus proxectos máis emblemáticos, co fin de dar a coñecer a importancia do deseño galego, o seu impacto social e tamén económico, tanto a nivel local como internacional.

'Movendo marcos' pode seguirse nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio e é unha mostra máis do compromiso da CRTVG co talento e a creatividade do país, dando un espazo para recoñecer e visibilizar os grandes nomes do deseño galego, ao tempo que se achega ao público un contido ameno e en formato accesible.

AGalega.gal ofrece preto de 22.000 contidos en galego, en aberto

AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app.

Ademais dos podcasts de todos os programas de Radio Galega e Radio Galega Música, na plataforma AGalegaAudio.gal poden atoparse podcasts e videopodcasts exclusivos de humor, cine,  historia,  ficción, cultura, música, etc. 
 

ler máis

As Tanxugueiras visitan o 'Quen Anda Aí?' para festexar o programa 1.000

Santiago, 04.11.2024.-    O espazo da TVG ‘Quen Anda Aí?’ celebra este mércores 1.000 tardes acompañando os espectadores da Televisión de Galicia, con tres horas de directo diarias, de luns a venres. A participación da audiencia, os concursos, o humor e a música teñen un gran peso no magazine, que celebrará o programa nº 1.000 coa actuación especial de Tanxugueiras e coa presenza do cantante Rayden.

O programa está presentado por Roberto Vilar, Juan Fuentes e Raquel Atanes, e conta coa colaboración doutras caras coñecidas para os espectadores como Marcial Mouzo e Eva Iglesias. Durante os case cinco anos que leva en antena -desde xaneiro de 2020- polo seu estudio pasaron multitude de colaboradores e máis de 5.000 convidados. Realizáronse neste tempo máis de 2.000 conexións en directo con reporteiros que percorren a xeografía galega para achegarlle ao público todo que suceda.  

20.000 minutos cociñando en directo

A súa popular sección ‘A voltas co prato’, presentada por Fran Cañotas,  acumula 20.000 minutos de cociña en directo. Este particular duelo entre dous cociñeiros que traballan contra o reloxo para preparar unha receita que conquiste o padal do convidado da xornada é tamén un dos grandes éxitos destes 1.000 programas.

ler máis

A canle @g24noticias da CRTVG supera a fronteira dos 100.000 seguidores en Instagram

Santiago, 10.10.2024.-  Arredor de 7 millóns de persoas informáronse a través da conta de Instagram @g24noticias no último mes. A conta @g24noticias nesta rede social acaba de alcanzar os 100.000 seguidores, e as visualizacións disparáronse ata os 33 millóns, datos que consolidan a cada vez maior presenza dixital dos servizos informativos da Galega como referentes da información.

@g24noticias ten presenza, ademais de en Instagram, en X, Facebook, Tiktok e YouTube, e conta cunha canle de WhatsApp, ofrecendo un servizo integral en tempo real que completa a oferta informativa que supón o portal G24.gal.

Neste último mes, a conta @g24noticias chegou a dous millóns de espectadores únicos en TikTok, e a 3,1 millóns en Facebook. O incremento total das redes sociais da CRTVG no que va de ano, supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado.

AGalega.gal ofrece 20.500 contidos en galego, en aberto

 AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, superou en setembro o millón de usuarios, en apenas 8 meses de vida. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a canle para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 20.500 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das apps.

ler máis

Todos os encontros europeos do Baxi Ferrol, na Galega desde este mércores

Santiago, 8.10.2024.-   Os medios públicos galegos ofrecerán, en directo, os partidos do Baxi Ferrol na Eurocup feminina de baloncesto. A primeira retransmisión da competición será este mércores, ás 20:00 horas desde A Malata, contra o Galatasaray turco, un dos conxuntos máis potentes do seu grupo.

A G2 e AGalega.gal, que mañá acompañan ás ferrolás no seu debut no grupo J da competición regular europea, emitirán tamén os restantes encontros nos que o Baxi Ferrol se medirá nesta fase de grupos, co Brno da República Checa e co Sportiva Azores luso. A Galega emitirá os seis partidos que as xogadoras da cidade naval enfrontarán cos tres clubs de baloncesto. Os partidos disputaranse en mércores, entre o 9 de outubro e o 27 de novembro.

As xogadoras de Lino López compiten este ano en dous torneos moi esixentes, como son a Liga Feminina Endesa e a competición europea, á que chegaron tras unha fase previa impecable. Todo un fito histórico para as xogadoras ferrolás, que compiten nun campionato que reúne algúns dos mellores equipos europeos desta disciplina. Co Baxi Ferrol-Galatasaray arranca mañá unha ilusionante temporada de baloncesto nos medios públicos galegos.
 

ler máis

A Galega.gal supera o millón de usuarios

Santiago, 27.09.2024.-  AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, acaba de superar o millón de usuarios (1.096.845) en apenas 8 meses de vida. Neste tempo AGalega.gal chegou tamén a máis de 200 países, e segue situada no Top 20 das plataformas de España. Ademais, o mes pasado AGalega.gal marcou o seu máximo histórico, ao situarse nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, segundo o informe de SigmaDos30, subindo tres décimas con respecto ao informe anterior.  Estes datos foron achegados polo director xeral da CRTVG este venres no Parlamento de Galicia, na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control aos medios públicos galegos.

Máis de 400 millóns de impresións

G24.gal, a web informativa, alcanzou no que levamos de 2024 un total de 1,5 millóns de usuarios activos, que xeraron 9 millóns de visitas. Máis da metade dos usuarios (790.000) acceden directamente á canle, o que é un importante baremo en termos de fidelidade.  

En relación ás redes sociais, segue a expansión, e no que vai de ano as contas das cinco principais redes sociais (Facebook, TikTok, X, Instagram e YouTube) levan 416 millóns de impresións, o que supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, logrando unha interacción con más de 11 millóns de persoas. 

ler máis
— 20 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 20 de 65 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade