div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

'Pringadas', mellor serie web no Carballo Interplay de 2022, chega este mércores a AGalega.gal

Producida por Brava para a plataforma dos medios públicos galegos e dirixida por Belén Puime, conta a vida de tres universitarias da USC desde unha mirada feminista e transgresora

A segunda temporada da ficción danesa ‘Carmen Curlers’, sobre o invento do rizador de cabelo, a película ‘Amigos para sempre’ e o documental ‘Julia’ tamén se incorporan esta semana ao catálogo da canle dixital da CRTVG

crtvg.gal 05/11/2024 14:28

Santiago, 05.11.2024.-    AGalega.gal incorpora esta semana ao seu catálogo novas ofertas de ficción. En primeiro lugar, este martes chegará á plataforma dixital dos medios públicos galegos a segunda temporada da serie danesa ‘Carmen Curlers’. Inspirada en feitos reais e ambientada nos anos 60, descobre como o invento do rizador de cabelo eléctrico librou as mulleres de pasar infinitas horas no salón de peiteado. O empresario Axel Byvang patentou o invento e fundou Carmen Curlers, unha empresa que pasou de dúas a 3.500 empregadas en seis anos, e que lles permitiu acceder ao mundo laboral a moitas, ata entón, amas de casa.

O mércores chegará a primeira temporada de ‘Pringadas’, premiada como mellor serie web no Carballo Interplay 2022 e que conta a vida de tres universitarias da USC desde unha mirada feminista e transgresora. Estas tres compañeiras de piso abren o seu diario persoal, que conta situacións que as fixeron sentir así. A ruptura co primeiro amor, o sentimento de non pertencer a nada e o diagnóstico dunha enfermidade de transmisión sexual son os momentos clave en que cada personaxe se converte en protagonista e cóntallo ao espectador de xeito sincero e desenfadado. Todo isto, con Santiago de Compostela como escenario principal. Ese mesmo día presentarase no marco do Outono Cultural da Universidade de Santiago a segunda temporada desta miniserie, dirixida por Belén Puime, producida por Brava para AGalega.gal e que se estreará o día 13.

O xoves 7 de novembro estrearase na canle dixital da CRTVG a película ‘Amigos para sempre’, en que un home de negocios xubilado comeza a ter visións que lle lembran como de pequeno rescatou e criou un pito de pelicano orfo ao que chamou Señor Percival. Estará dispoñible 30 días despois da súa emisión a noite anterior na Televisión de Galicia.

A película documental ‘Julia’ será a novidade do venres en AGalega.gal. Realizada ao longo de oito anos polo director Jacobo Lagüela xunto coa súa avoa, é unha cinta sobre a memoria histórica e pretende dar un toque de atención: se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos. ‘Julia’ documenta a extinción e o abandono da vida rural tal e como a coñecemos a través dos ollos da súa protagonista, unha muller de 87 anos que espera salvar as súas raíces e comunicarlles a súa importancia ás xeracións vindeiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade