div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

A CRTVG convoca os 'Premios AGalega.gal' para celebrar o aniversario das súas tres plataformas

AGalega,gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal cumpren un ano de vida con preto de dous millóns de usuarios, e máis de 11 millóns de páxinas vistas
 
O 60% do consumo das plataformas faise desde dispositivos móbiles
 
As tres OTT superan os 25.000 contidos no que é a maior oferta audiovisual integramente en galego do mundo
 
AGalega.gal sitúase no TOP 10 de consumo de plataformas en España e foi visualizada en máis de 200 países

O ‘Telexornal mediodía’ é o informativo máis visto de AGalega.gal. No entretemento, ‘Na Gloria’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Curando o mundo’ ou ‘Pringadas’ figuran entre os contidos máis visitados

Xabarin.gal estrea nova sección: os aniversarios do Xabarín Club

crtvg.gal 17/01/2025 12:33

Santiago, 17.01.2025.- Nos seus 40 anos de historia a CRTVG foi, e segue sendo, un dos actores fundamentais para a difusión da lingua e a cultura galegas. O último fito desenvolvido pola Corporación para dotar de aínda máis relevancia a nosa lingua de forma global foi o nacemento o 17 de xaneiro de 2024 das súas tres plataformas: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal.

Este venres, as tres OTT cumpren un ano de vida e os datos reflicten unha penetración extraordinaria na sociedade galega e fóra de Galicia, o que levou a AGalega.gal a colocarse no TOP 10 de plataformas máis vistas de España, sendo xunto coa de 3CAT as dúas únicas OTT deses dez primeiros postos que non emiten en castelán. AGalega.gal foi tamén visualizada en máis de 200 (203) países, entre os que destacan, polo seu consumo, O Reino Unido, os Estados Unidos, Suíza ou A Arxentina.

Para celebrar este aniversario, a CRTVG anuncia a convocatoria dos ‘I Premios AGalega.gal’. Será un concurso aberto a todos os seguidores rexistrados nas plataformas, que poderán votar as súas series favoritas, os mellores contidos para escoitar no coche ou para ver no autobús, o mellor podcast, o espazo de entretemento máis valorado ou a mellor serie infantil.

Millóns de interaccións e máis de 25.000 de contidos

Entre as tres plataformas, a cifra de usuarios chega xa preto dos dous millóns (1.860.000) e superando os 11 millóns de páxinas vistas. O 60% do consumo faise desde dispositivos móbiles, o que cumpre co obxectivo marcado en xaneiro de 2024 de achegar os contidos en galego á audiencia máis nova. En total, a día de hoxe, son 25.403 os contidos dispoñibles para o seu consumo a demanda, formando, tanto de forma individual como no conxunto das tres plataformas, a maior oferta de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. Esta oferta compleméntase coa emisión do sinal en directo das canles TVG, G2, Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galicia Radio, Radio Picariña, e das canles temáticas de Xabarín: Pequerrech@s, Cativ@s e Mociñ@s. 

O máis visto de AGalega.gal

O contido informativo máis visto deste ano a través de AGalega.gal foi o ‘Telexornal Mediodía’. E entre os contidos de entretemento repártense protagonismo series exclusivas como ‘Na Gloria’; programas como o ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Curando o Mundo’ co cirurxián Diego González Rivas; series históricas como ‘Matalobos’ e ‘Pratos Combinados’; contidos nativos dixitais como ‘Raíña-me’, ‘Sexo con senso’ e ‘Pringadas’. En series documentais descaca ‘Historias de aquí’ co capítulo ‘Marín. Escola de oficiais’. E entre as longametraxes destacan ‘Cuñados’, ‘A esmorga’ e ‘O que arde’.

‘Pensando en ti’ lidera tamén en AGalegaAudio.gal

En AGalegaAudio.gal lidera as audiencias de ‘Pensando en ti’ e as emisións en directo, moi especialmente as deportivas, seguido dos espazos informativos. AGalegaAudio.gal é xa a plataforma de referencia da radio en galego e o lugar onde atopar os mellores podcasts nativos con curiosidades do cinema en ‘Superando a ficción’, narrando a historia de Galicia en ‘Arredor de nós’ ou recreando os clásicos da literatura en ‘Un ollo de vidro’.

Xabarin.gal estrea sección

Xabarin.gal conta coa maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Os contidos de anime seguen a ser un dos sinais de identidade dos espazos infantís e xuvenís, e son tamén os contidos máis vistos neste primeiro ano de vida, entre eles ‘O detective Conan’, ‘Sakura’, ‘Shin Chan’ e ‘Gardiáns da noite’. O filme galego ‘Valentina’ e series galegas como ‘Os bolechas’ son tamén algún dos contidos máis visitados, destacando a irrupción de “Bibopalula”, que se converteu na serie máis vista de Xabarín.gal desde a súa estrea no mes de novembro. 

Este venres, no día do seu primeiro aniversario, Xabarin.gal estrea unha nova sección: os aniversarios do Xabarín Club. Deste xeito, os socios do club da Galega que fagan anos poderán verse en todos os dispositivos e compartilo con amigos e familiares. Ademais, este día estréase tamén o filme ‘Pan: viaxe a nunca xamais’, protagonizado por Hugh Jackman, Levi Miller, Rooney Mara, Garrett Hedlund e Amanda Seyfried.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade