div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

A CRTVG destinará máis de 10 millóns de euros para desenvolver contidos de AGalega.gal en 2025

En só catro meses chegou a 193 países

Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións

AGalega.gal está instalada desde o seu nacemento no TOP20 das plataformas máis vistas de España

crtvg.gal 31/05/2024 15:08

Santiago, 31.05.2024.-    O impacto da nova plataforma dixital de contidos da CRTVG, estreada en xaneiro, chegou ata agora a 193 países, segundo explicou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, este venres na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, onde anunciou que os orzamentos de 2025 dos medios públicos galegos contarán cunha partida de máis de 10 millóns de euros destinados en exclusiva ao desenvolvemento de contidos da plataforma.

Sánchez Izquierdo indicou que desde o seu nacemento “AGalega.gal entrou e mantense entre as 20 primeiras plataformas de España. E non é menor o dato de que a maioría destas 20 plataformas teñen contidos en castelán, polo que o seu abano de público e moito máis amplo que o de AGalega.gal pero, con todo, estamos desde o inicio nese grupo de cabeceira das plataformas máis consumidas de España”. Tras España, os países desde os que máis se ven os contidos son: os Estados Unidos, o Reino Unido, Suíza, Alemaña, Portugal, Francia e A Arxentina. Completan a lista de 193 países algúns tan dispares como Fiji, Yemen ou Surinam, a onde tamén chegou AGalega.gal.

Xunto con AGalega.gal os medios públicos lanzaron en xaneiro de 2024 as súas xemelgas, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. En total, agora mesmo hai subidos máis de 13.000 contidos de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta audiovisual na nosa lingua. En AGalegaAudio.gal atópase toda a programación da Radio Galega e un amplo abano de podcasts e extras, mentres que Xabarin.gal reúne múltiples canles con toda oferta para a xuventude e para os máis cativos.

AGalega en cifras

Amais de chegar a 193 países, desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión liñal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Dispositivos móbiles e televisores intelixentes

Actualmente, a AGalega.gal pode accederse vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes. Tanto AGalega.gal como a AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal son gratuítas.

Novidades e estreas exclusivas

A plataforma suma estes días, e coma cada semana, novidades á súa proposta. O domingo incorpórase a ópera ‘Don Pasquale’. Considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a obra foi representada en Vigo o pasado outono, con Fernando Latorre e a soprano madrileña Natalia Labourdette nos papeis principais. E o xoves, 6 de xuño, chegará unha nova entrega da serie documental ‘Historias de aquí’, que repasa capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia. Esta semana en ‘O Edén’ repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguiu á detención do seu líder. Xa o venres incoporarase ao catálogo de ficción a coñecida serie ‘É pecado’, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto do sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo. A estas novidades engádese unha nova temporada de ‘Pratos Combinados’, unha das series máis aclamadas polo público que quedará dispoñible o mércores.

Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de ‘A miña vida en Versalles’, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos, vai vivir co seu tío que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche aprenderá a adaptarse á súa nova vida, no que é un conto de fadas realista e encantador para gozar en familia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade