AGalega.gal ascende ao TOP 10 das plataformas máis vistas de España - CRTVG
AGalega.gal ascende ao TOP 10 das plataformas máis vistas de España
A onda do mes de novembro do medidor Barlovento destaca o crecemento continuo da OTT da Galega
A plataforma Xabarín.gal tamén se disparou en novembro con crecementos de máis do 50% do número de usuarios
Santiago, 06.12.2024.- As plataformas da CRTVG seguen a medrar e, sen alcanzar aínda ao ano de vida, a AGalega.gal acaba de colocarse no TOP 10 das OTT máis vistas de España, segundo reflicte o informe do mes de novembro da consultora Barlovento. Cabe destacar que nos primeiros 10 postos da lista só hai dúas OTT que non emiten en castelán, AGalega.gal e 3CAT, o que incrementa a relevancia da posición da plataforma galega xa que o seu público albo é moito menor que noutras ofertas.
O 17 de xaneiro de 2025 cumprirase o primeiro aniversario do lanzamento das tres OTT da CRTVG, e AGalega.gal xa acadou a día de hoxe máis de 1.400.000 usuarios únicos, con máis de catro millóns e medio de sesións iniciadas, e foi descargada en máis de 200 países, sendo a maior plataforma de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario.
O máis visto do mes de novembro
AGalega.gal é xa unha das novas fiestras consolidadas para ver a emisión en lineal da TVG, G2 e os eventos especiais de deportes. No caso dos informativos, o máis visto en AGalega.gal é o ‘Telexornal mediodía’.
En canto aos programas máis consumidos deste mes de novembro destacan ‘Curando o mundo’ do doutor Diego González Rivas, e os clásicos da TVG ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Hora galega’ ou ‘Galicia bonita’. A ficción segue a ter un peso fundamental no consumo baixo demanda, e as series clásicas ‘Matalobos’, ‘Mareas vivas’ e ‘Pratos combinados’ conviven con estreas máis recentes como ‘Na Gloria’, sendo todas elas produtos de consumo recorrente.
No mes de novembro destaca tamén ‘Pringadas’ como o contido máis consumido na sección Xeración Zeta, sumando audiencias novas para a plataforma. O cine e os documentais tamén son un dos piares da oferta, especialmente os galegos, onde destacan as recentes estreas dos filmes ‘O corpo aberto’ e ‘Sica’.
Xunto con AGalega, naceron AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. AGalegaAudio.gal xa está consolidada non só como a plataforma de referencia da radio en galego senón como o lugar onde atopar os mellores podcasts e os contidos nativos dixitais da radio.
Explosión de Xabarín.gal con ‘Bibopalula’
Pola súa banda, Xabarín.gal segue a medrar como o que é, a maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. Os clásicos do Xabarín como ‘Shin Chan’ teñen un público fiel na plataforma que a sitúa a esta serie como o segundo contido máis visto xunto cos vídeos do Xabarín.
O primeiro posto é para á ultima irrupción en Xabarín.gal. A serie musical para os máis pequerrechos, ‘Bibopalula’, situouse dende o seu lanzamento o pasado venres como o máis visto en Xabarin.gal. Esta última fin de semana de novembro, o consumo en Xabarin.gal medrou máis do 50 % no número de usuarios con respecto a semana anterior, aumentando tamén o número de descargas da app Xabarín tanto en IOS como en Android.