div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

As #AccionsG da CRTVG súmanse á campaña #SomosInfancia de UNICEF

Ao longo da Semana coa Infancia, as caras máis coñecidas da TVG e Radio Galega serán os altofalantes de UNICEF

Esta nova #AcciónG da Corporación porá o foco nos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes con contidos nos informativos e espazos de entretemento e nas redes sociais 
 
No ‘Bos días’ do luns 18 entrevistarase a María Montalvo, presidenta de UNICEF Galicia, e o mércores a Sandra Astete, experta en saúde mental de UNICEF España

crtvg.gal 15/11/2024 12:30

Santiago, 15.11.2024.-  No marco da súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG súmase, entre o 18 e o 24 de novembro, á campaña #SomosInfancia de UNICEF que celebra a súa XIV Semana coa Infancia. Con esta campaña promoverase que a sociedade defenda os dereitos da infancia mirando o mundo a través dos seus ollos. A iniciativa busca deste xeito colocar os dereitos de nenas, nenos e adolescentes no centro da conversa social, das prioridades e das políticas.

 Ao longo da semana, xornalistas e presentadores da TVG e da Radio Galega divulgarán cuestións clave como a importancia de coidar a saúde mental, a vacinación, a loita contra a pobreza ou a protección da infancia fronte a violencia, a explotación e o abuso. Marta Darriba,  Almudena R. de Urzáiz, Pablo Muñoz, Sabela Romar, María Solar, Terio Carrera, Sevi Martínez, Raquel Domínguez, Diego Viaño, Ana Celia Vázquez, Kiko Novoa, Cristina García e Xoán Galán son, entre outros, as voces e o rostros da campaña. 

Ademais, programas informativos como ‘Bos días’, ‘Galicia noticias’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’ colaborarán emitindo contidos, mentres que outros espazos contarán con entrevistas con expertos de Unicef. Este é o caso de ‘O termómetro’  na TVG e de ‘Galicia por diante’, ‘A bóla extra’, ‘A tarde’, ‘A crónica’, e ‘Galicia en goles’ na RG. Entre outras cuestións, abordarase o impacto das tecnoloxías na saúde mental dos adolescentes, a situación da infancia migrante nas Canarias ou a  devastadora situación que vive a infancia afectada polos conflitos en Gaza ou Líbano.  

Así, no ‘Bos días’ do luns 18 entrevistarase a María Montalvo, presidenta de UNICEF Galicia, e o mércores a Sandra Astete, experta en saúde mental de UNICEF España. O venres 22 será Sara Casero, especialista en migracións de UNICEF Canarias, quen trasladará as últimas novas sobre a situación da infancia nas illas. 
    
O magazine matinal ‘O Termómetro’ acompañará aos cativos do centro educativo CEIP Manuel Sueiro de Ourense na celebración do Día Mundial da Infancia e entrevistará, o martes, a María Solar, Amiga de UNICEF Comité Galicia, ademais dunha colaboración moi especial de David Espiño e Rocío Durán. No espazo cultural ‘ZigZag’, María Solar, que tamén goza do recoñecemento de Amiga de UNICEF Comité Galicia, e o seu convidado recibirán un agasallo moi especial da man de dous pequenos. 

As tardes da Galega e ‘Luar’, con UNICEF
O programa de actualidade das tardes ‘Hora galega’ achegarase ata a Casa da Xuventude de Burela para coñecer todo o que argallaron desde o Grupo de Participación Adolescente do municipio. E o venres 22, no prime time da TVG, ‘Luar’ emitirá unha edición especial para achegar á súa audiencia o traballo de UNICEF e que incluirá unha sorpresa moi especial para todo o público asistente. 

A Radio Galega súmase á campaña    

Na Radio Galega, os espazos ‘Galicia por diante’, ‘A tarde’ e ‘Galicia en goles’ súmanse ao labor divulgativo con contidos relacionados coa saúde mental, a participación infantil, ou o dereito ao xogo e ao deporte para o correcto desenvolvemento da rapazada. En ‘A crónica’, será o xoves 21 cunha conversa con Lucía Martínez, especialista en cooperación internacional e emerxencias de UNICEF España. Xa no tempo de deporte da fin de semana, o ‘Galicia en goles’ convidará rapaces que serán entrevistados e compartirán, durante uns minutos, tarefas de presentación con Xoán Galán, xefe de Deportes da emisora.

A campaña compleméntase con anuncios e cuñas que promoverán, durante toda a semana, o coñecemento do traballo de UNICEF para defender os dereitos da infancia en todo o mundo. A isto cómpre engadir o labor das canles dixitais da CRTVG, a través do cancelo #SemanacoaInfancia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade