div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Bases Concurso "RECANTOS"

1. DESCRICIÓN

CRTVG, domiciliada en San Marcos s/n (Santiago de Compostela) e con C.I.F. A-15073349 , é a entidade responsable do concurso para televisión “Recantos” (en diante, o “Concurso”) que se emitirá no programa Luar, nas cadeas de televisión da SOCIEDADE MERCANTIL CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA, S.A. (en diante, a “Cadea”) e nos seus canais interactivos.

2. NORMAS APLICABLES AO CONCURSO

O Concurso réxese polas presentes regras particulares accesibles na dirección www.crtvg.es. O mero feito da participación, por calquera dos medios contemplados nestas regras, implica a súa aceptación incondicional.

A Cadea resérvase o dereito para expulsar do Concurso a calquera concursante que non cumpra coas bases legais en calquera momento do Concurso.

3. LEXITIMACIÓN PARA PARTICIPAR

Poderán participar no Concurso todas aquelas persoas, maiores de 18 anos ou maiores de 16 que se atopen emancipadas, que residan legalmente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúan DNI ou pasaporte vixentes en caso de ser españolas ou NIE e permiso de residencia vixentes en caso de ser estranxeiras e que fosen seleccionadas nos diferentes castings que a CRTVG efectúe para ese efecto e á súa única discrecional idade e que actúe conforme ao procedemento aquí descrito.

Non poderán participar no Concurso os traballadores de CRTVG, das empresas que presten os seus servizos á CRTVG, nin os familiares dos devanditos traballadores ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (incluídas as parellas de feito). Tampouco poderán participar aquelas persoas que manteñan relacións de amizade cos traballadores vinculados ao “Concurso” que teñan capacidade de decisión sobre o mesmo.

O incumprimento destas condicións dará lugar á eliminación automática do concursante e á obrigación de devolver o premio obtido no seu caso.

4. CLAÚSULAS XERAIS

4.1.- Os concursantes, mentres continúen a súa colaboración con Luar, non poderán participar noutros concursos ou programas de televisión sen a autorización da dirección do programa.

Os concursantes seleccionados para unha edición de RECANTOS, unha vez sexan eliminados da competición, non poderán participar no programa luar como artista-invitado, mentres se desenvolva a citada edición dende o seu comezo ata o final.

A figura do artista-invitado, enténdese e esténdese dende o formato de solista, membro de dúo, trío, cuarteto e quinteto. Así como a pertenza á formación dunha orquestra-verbena, grupo, charanga ou formación semellante.

Queda fóra desta disposición a pertenza a formacións musicais como corais, bandas de música ou agrupacións de música e baile tradicional ou semellantes.

4.2.- Regras de Conduta

A CRTVG resérvase o dereito de descualificar a calquera concursante do programa no caso de que considere que a súa actuación é nalgunha forma inadecuada ou contraria a calquera código de emisión, ético, de regulación ou a algunha lei aplicable.

O concursante non poderá, en ningún caso, facer promoción ningún servizo ou produto, nin tampouco poderá utilizar unha linguaxe desapropiada, nin groserías, ou realizar declaracións inxuriosas, calumniosas ou dicir calquera cousa que puidese ofender ou ferir a unha persoa, empresa ou entidade. O concursante acepta que soamente el será responsable das consecuencias dos seus actos ou as súas palabras mentres participe no “Concurso”.

4.3.- Premios

No caso de que o concursante gañase algún premio, a CRTVG esixirá como requisito previo ao seu pago:

A acreditación da identidade do gañador, a cuxo fin este deberá achegar o seu DNI/ NIE, teléfono de contacto e número de conta bancaria con código IBAN da que sexa titular onde desexe recibir o importe do premio.

Os premios caducarán cando, transcorridos cento oitenta días contados a partir do día seguinte á data do Concurso en que se produciu a participación premiada, o gañador non cumprise os requisitos necesarios para poder obter o premio solicitados pola CRTVG.

Os premios aboaranse por calquera dos sistemas de pago admitidos en España, a completa discreción da CRTVG.

Conforme á normativa fiscal vixente, todos os premios están suxeitos a retención e ingreso a conta polo IRPF. Ditas retencións serán deducidas dos premios obtidos en metálico. Anualmente remitirase ao gañador un certificado de retencións e ingresos a conta cos datos do premio e da retención aplicada para que este poida incluílo na súa declaración anual de IRPF.

4.4.- Cesión de dereitos

A participación no Concurso implica obrigatoriamente a aceptación desta cláusula.

O participante, polo mero feito de participar no Concurso, outorga, mediante a aceptación destas bases, o seu consentimento expreso para que a CRTVG poida indistintamente empregar a súa imaxe, nome e/ou voz en calquera medio e a través de calquera forma de comunicación, incluída a publicidade e/ou promoción do Concurso en todo tipo de actividades relacionadas co concurso, xa sexa por si mesmas ou a través de terceiros, sen limitación temporal nin territorial e sen percibir remuneración por iso.

A titulo enunciativo pero non limitativo, a CRTVG poderá emitir as gravacións en que aparezan os concursantes en calquera medio de difusión e/ou programas, promocións ou na web da CRTVG, así como nos seus servizos móbiles, de forma completa ou fraccionada, por separado ou de forma agrupada.

A CRTVG aboará a cada concursante a cantidade bruta de 130€ por cada programa ao que asistan ata quedar eliminados, menos a retención fiscal correspondente, pola cesión de dereitos de imaxe e demais dereitos cedidos. Esta cantidade, menos a retención fiscal correspondente, será aboada previa presentación de factura mensual que cumpra os requisitos legais establecidos.

4.5.- Protección de datos de carácter persoal

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) informa de que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD) e a Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que o PARTICIPANTE nos facilita durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesaria para o desenvolvemento e cumprimento do concurso. Informámoslo de que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. Poderá exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da Corporación RTVG indicada no encabezado do contrato, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.

4.6.- Modificación de Bases

A CRTVG resérvase o dereito de retirar ou cambiar o Concurso por motivos técnicos, operativos, comerciais, ou de audiencia, modificando no necesario as presentes Bases.

4.7.- Aceptación das Bases e Lexislación Aplicable

A participación no Concurso supón a aceptación expresa das presentes bases e a submisión expresa ás decisións interpretativas que delas efectúe a dirección do Concurso, cuxo criterio prevalecerá.

Serán competentes para coñecer os litixios que puidesen exporse os xulgados e tribunais da cidade de Santiago de Compostela, renunciando expresamente os participantes ao foro que lle puidese corresponder.

4.8.- Atención de Reclamacións

O concursante poderá efectuar as súas reclamacións en relación co concurso por calquera destas vías:

  • Por escrito, mediante escrito enviado a CRTVG, domiciliada en San Marcos s/n (Santiago de Compostela).

  • A través da web da cadea CRTVG onde se promova o Concurso: www.crtvg.es

No caso de que se comprobe un erro na interpretación das bases por parte da dirección do Concurso, o participante será convidado a volver participar durante un día que se fixe de mutuo acordo entre o participante e a dirección do Concurso.

5. MECÁNICA DO CONCURSO

A orde e a inclusión ou non das probas que a continuación se describen poderán en calquera momento ser modificadas pola dirección do Concurso. Por outra banda as probas poden sufrir alteracións e mesmo se poderán incluír novas probas.

5.1.- Mecánica

Os Recantos representados corresponden á división xeográfica, tanto de Galicia como de zonas limítrofes no seu caso, feita polo programa seguindo criterios estritamente funcionais.

En cada programa competirán dous representantes de cadanseu recanto interpretando, con voz en directo e acompañamento musical en playback, un tema en solitario cada un máis outro tema a dúo entre os concursantes da noite. Os temas musicais serán en galego, elixidos pola Dirección do Programa.

Despois das interpretacións votará un xurado composto por tres persoeiros de recoñecido prestixio, vinculados ao mundo da música. Cada membro do xurado outorgará a cada concursante de un a dez puntos.

Engadirase un total de dez puntos repartidos entre os dous concursantes de forma proporcional ás chamadas telefónicas e votación polas redes sociais Whatsapp, Facebook e Twitter que se reciban durante o tempo designado no programa. O público poderá chamar desde calquera parte de España ou estranxeiro contabilizarese un voto por chamada coa limitación de cinco chamadas desde o mesmo número de teléfono por cada programa. A votación dende as redes sociais estará limitada a un voto por usuario e programa.

Engadirase un punto para o recanteiro que consiga máis votos dos seus compañeiros presentes, sen que ningún concursante poida absterse deste cometido. En caso de empate nesa votación dos compañeiros, o punto será para quen obtivese máis chamadas do público.

O resultado da suma das votacións do xurado, dos espectadores e dos recanteiros será exposto nunha táboa clasificatoria.

5.2.- Fases

No concurso poderá haber cantas fases decida a Dirección do Programa atendendo a criterios de audiencia. A Dirección resérvase o dereito a engadir “Fases de Perigo”, “Títulos de Inmunidade” ou “Repescas” cando requira recuperar concursantes descualificados, enfrontar concursantes ou garantir a continuidade dun concursante.

Na primeira fase participarán todos os concursantes e ao remate da rolda pasarán á seguinte fase os mellor puntuados. En caso de empate, o xurado deberá decidir quen pasa, pode solicitar previamente que os recanteiros afectados canten o tema que decida a Dirección do Programa.

Nas seguintes fases participarán os concursantes promovidos e comezará unha nova táboa de clasificación partindo as puntuacións de cero. O número de concursantes que pasen será determinado pola Dirección do Programa atendendo ás necesidades de programación.

Os concursantes deberán participar en solitario, formando duetos ou calquera outra formación que a Dirección do Programa estime oportuno, seguindo en todo caso coa puntuación individual e co mesmo mecanismo porcentual.

Ao remate das eliminatorias, os concursantes mellor puntuados competirán en semifinais e final. O número concreto de concursantes seleccionados para semifinais e final, será comunicado á audiencia durante o programa Luar antes da celebración destas fases.

5.3.- Premio

O concurso ten como premio unha dotación económica de 5.000 € para o campión e de 2.000 € para o subcampión.

5.4.- Outros

Os concursantes comprometeranse a presentarse puntualmente no lugar e durante o tempo que se lles sinale para efectuar os ensaios previos, así como seguir as instrucións de participación durante o programa.

Os participantes que desexen abandonar o concurso comprometeranse a presentar a renuncia por escrito cunha antelación suficiente para non prexudicar o desenvolvemento do programa.

 

En Santiago de Compostela, a 11 de setembro de 2024

div-crtvg-top2

Publicidade