div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Celta-Real Madrid e Deportivo-Eldense protagonizan o 'Galicia en goles' do sábado

O domingo destaca o Rácing de Ferrol-Huesca

crtvg.gal 17/10/2024 11:31

Santiago, 18.10.2024.-  A xornada desta fin de semana está marcada polo partido que disputan o sábado en Balaídos o Celta e o Real Madrid. Así, o venres desde as oito e media do serán Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición para analizar en profundidade esta cita, escoitando as comparecencias na previa dos adestradores Claudio Giráldez e Carlo Ancelotti. Ata as doce da noite, o programa tamén ofrecerá a rolda de prensa de Imanol Idiakez antes de recibir ao Eldense en Riazor.

O Celta-Real Madrid e o Deportivo-Eldense protagonizarán a sesión do sábado, da man de Xoán Galán, desde as dúas e media da tarde e ata as doce da noite. A volta da Liga de Primeira servirá para comprobar o estado do equipo vigués, que foi quen de gañar nas Palmas hai quince días, ante un rival que é o segundo da clasificación, pero que está ofrecendo moitas dúbidas no seu xogo. 

Na Segunda División, o obxetivo é rematar coa seca goleadora en Riazor ante un adversario que é, a priori, o máis feble dos próximos que ten no calendario o conxunto herculino.
O Lugo-Celta Fortuna, da Primeira RFEF, completa o calendario de retransmisións da xornada.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto do mediodía co Éibar-Deportivo, da Primeira feminina, como cita máis destacada. Ademais haberá cobertura para o Compostela-Guijuelo, da Segunda RFEF, e o Uni Ferrol-Salamanca, da Liga feminina de baloncesto. A partir das dúas e media da tarde, a atención estará posta na Malata, co Rácing de Ferrol-Huesca da Segunda División como punto de referencia. Logo chegará o derbi provincial da Primeira RFEF entre o Ourense CF e o Arenteiro. Na Segunda RFEF destacan o Pontevedra-Rayo Cantabria e o Fabril-Escobedo, xunto ao Cangas-Huesca da Asobal de balonmán. A partir das dez da noite, os especialistas de 'Ao Contraataque' pasarán consulta para analizar os resultados dos nosos equipos nas competicións profesionais.

Baloncesto en AGalegaAudio.gal

O sábado, desde as seis menos cinco da tarde, os afeccionados ao baloncesto teñen unha cita na plataforma AgalegaAudio.Gal para escoitar os partidos da cuarta xornada da Liga ACB de baloncesto. Primeiro xogará o Breogán de Lugo en Badalona, ante o Joventut, mentres o Basquet Coruña iniciará unha hora máis tarde o seu enfrontamento no Coliseum ante o Unicaja Málaga.

#GaliciaEnXogo

Este sábado, o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo ofrecerá unha única edición, centrada na información olímpica. Chegará contra as doce menos vintecinco da noite, no último treito do 'Galicia en goles' tras a retransmisión do Celta-Real Madrid.

Os partidos de 'Galicia en goles', nas canles de audio dos operadores de televisión

Esta xornada, a oferta de retransmisións da Radio Galega nas plataformas de televisión comeza o sábado ás catro e cuarto da tarde coa narración do Deportivo-Eldense na opción de audio número 2 dos distintos operadores con dereitos da Segunda División. Ás sete da tarde, no dial Movistar Deportes 4, os afeccionados disporán no audio 2 da retransmisión do Basquet Coruña-Unicaja Málaga. O domingo, ás catro e cuarto, a emisión radiofónica do Rácing de Ferrol-Huesca chegará a través do audio 2 da canle cos dereitos da Liga Hypermotion.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade