div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Emoción, entretemento e moita diversión, na programación de Nadal da TVG

Rostros coñecidos da canle pública sentarán na Noiteboa á mesa cos seus seguidores en ‘A Gran Velada’,  nun especial presentado por Arturo Fernández

A Galega comezará a celebrar o seu 40 aniversario na ‘Gala de Fin de Ano’, cos grandes éxitos musicais destas catro décadas, a cargo das mellores orquestras galegas, mentres que X. R. Gayoso, Rocío Durán e Rocío Delgado tomarán as uvas no Obradoiro

Tamén se ofrecerán senllas edicións de ‘A Cabina dos Desexos’, con cámaras ocultas no Día dos Inocentes e coas cabalgatas de Reis, e os especiais ‘A Gran Gala do Supermartes’, ‘A mellor troula do ano’ e ‘O primeiro día do resto das nosas vidas’

crtvg.gal 19/12/2024 14:36

Santiago, 19.12.2024.-    Co tradicional sorteo da Lotaría de Nadal arranca este domingo a programación especial da Televisión de Galicia, que durante estas festas lles ofrecerá aos seus espectadores espazos de entretemento para toda a familia. Desde as 08:30 h ofrecerase un programa especial, presentado por Sevi Martínez e Almudena R. de Urzáiz, que despregará unha ampla cobertura por toda Galicia na busca de posibles afortunados.

O día antes, o sábado 21 de decembro, chegarán as agardadas edicións de Nadal do programa ‘Atrápame se podes’, en que durante dúas semanas competirán dez parellas de concursantes famosos para conseguir un bote solidario de 1.500 €, que se irá incrementado día a día e que se destinará a distintas asociacións benéficas.

Xa o 24 de decembro, os espectadores da TVG serán testemuñas dunha cea moi especial: ‘A Gran Velada’. Este novo formato, presentado por Arturo Fernández, convidará rostros coñecidos da canle pública a sentar á mesa con seguidores que buscan moito máis que un autógrafo. Eva Iglesias, Sevi Martínez, Lucía Veiga, Iván Mariñas e Roberto Vilar protagonizarán as citas máis surrealistas, cómicas e emocionantes do prime time da Noiteboa.

E o día de Nadal, a TVG buscará en ‘Nadal Challenge’ a casa mellor decorada de Galicia. Os espectadores veranse abraiados pola cantidade de luces e imaxinación que despregan as galegas e galegos nestas datas tan especiais. Pola noite, será o momento de elixir ‘O Prato Nacional’, unha gran cita televisiva en que Galicia enteira determinará cal é o prato que mellor representa os galegos. A icónica ‘Sala G’ da Televisión de Galicia converterase nun gran gastrobar en que a tradición, a historia e a cultura gastronómica galega se mesturarán cunha boa dose de música, humor e retranca.

Ao día seguinte, o xoves 26, fartos do Nadal, Roberto Vilar e todo o equipo de ‘Land Rober Tunai Show’ uniranse por un día á filosofía do Grinch. O 28 de decembro, Lucía Rodríguez presentará desde Lugo o programa ‘Cabina dos Desexos Especial Santos Inocentes’, nunha tarde chea de emoción, sorpresas e divertidas cámaras ocultas. E, esa mesma noite, nostalxia e diversión daranse a man na ‘Gran Gala do Supermartes’, en que o músico Tonhito de Poi, os presentadores Rafa Durán e Trisha Fernández e a cantante Fátima Pego se enfrontarán ás probas máis lembradas do histórico programa da Televisión de Galicia.

O día 31, a TVG non só celebrará a despedida de 2024, senón tamén o seu 40 aniversario, na ‘Gala de Fin de Ano’, presentada por Xosé Ramón Gayoso e María Lamela. Nesta gran festa, estarán no escenario artistas como David Bustamante, Ana Guerra, Sonia e Selena, Nebulossa, David DeMaría e Tanxugueiras, e as mellores orquestras de Galicia lembrarán os grandes temas musicais destas catro décadas. Uns minutos antes da medianoite, conectarase coa praza do Obradoiro, desde onde Gayoso e as presentadoras Rocío Durán e Rocío Delgado retransmitirán as badaladas.

Na tarde de Aninovo, a Televisión de Galicia sairá na procura de ‘A mellor troula do ano’, un programa especial en que os espectadores descubrirán cal foi a festa que conquistou os corazóns dos galegos en 2024. E pola noite celebrará coa súa audiencia ‘O primeiro día do resto das nosas vidas’, un programa especial que mesturará ficción e realidade para lembrar as personaxes de ficción máis icónicas dos 40 anos de historia da canle pública galega, que se fan en 2025.

O 5 de xaneiro, véspera de Reis, a cativada terá unha cita co especial ‘A Cabina dos Desexos. Queridos Reis’, que retransmitirá en directo a cabalgata de Vigo, coa presenza do bus da Galega, e tamén ofrecerá a chegada dos Reis Magos ás demais cidades galegas. Nesa noite tan especial, a TVG amenizará a espera polos Magos de Oriente con ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, en que concursantes que participaron na quinta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ amosarán os seus dotes artísticos acompañados no escenario polas súas persoas máis queridas. A programación de Nadal da TVG rematará o 6 de xaneiro co especial de ilusionismo ‘Estrelas Máxicas’.

Todas estas propostas compleméntanse coa programación especial de Nadal que ofrecerán as plataformas AGalega.gal e Xabarin.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade