div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

O documental 'A Cero.5' participado pola TVG gaña o Prix Europeo CIRCOM na categoría 'Minorías sociais'

O vigués Gonzalo Suárez recolleu o galardón polo documental que narra a súa vivencia despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. 'A Cero.5' está dispoñible na plataforma AGalega.gal

Novo recoñecemento este xoves para a TVG nestes premios europeos do audiovisual, creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa

crtvg.gal 23/05/2024 13:31

Santiago, 23.05.2024.-    O documental ‘A Cero.5’, participado pola Televisión de Galicia, foi premiado co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais na gala celebrada este xoves en Poznan (Polonia), no marco da 40ª conferencia anual de CIRCOM, a rede de 250 medios públicos e centros de produción rexionais presentes en 29 países de Europa. O galardón ao documental ‘A Cero.5’ foi recollido polo seu autor e protagonista, o vigués ‘Gonzalo Suárez, de mans do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, quen tamén ostenta a Secretaría Xeral da entidade europea.

‘A Cero.5’ é o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo lle axudaron a superalo. ‘A Cero.5’ está dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.

O xurado dos premios estivo formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, que tiveron que elixir entre producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.

Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción.
    
En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.

E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

* Imaxe, cedida por CIRCOM

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade