‘Galicia en goles’ retransmite este sábado a xornada de baloncesto: Basquet Coruña-Bilbao, Unicaja-Breogán e Celta-Uni Ferrol - CRTVG
‘Galicia en goles’ retransmite este sábado a xornada de baloncesto: Basquet Coruña-Bilbao, Unicaja-Breogán e Celta-Uni Ferrol
O venres pola noite, edición especial de ‘Galicia en Xogo Olímpico’ para resumir o sucedido nos Xogos de París
Santiago, 26.12.2024.- Esta fin de semana as ligas de fútbol teñen descanso polas vacacións de Nadal, pero o ‘Galicia en goles’ estará na antena da Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal para retransmitir a xornada nas competición de baloncesto, fútbol sala e balonmán. O venres, desde as oito e media do serán, Paco Santos conduce a primeira edición da semana, con atención ao Santa Coloma-Burela, da Primeira División de fútbol sala masculino. A partir das dez da noite, Toni López pechará o ano 2024 cunha entrega extraordinaria do ‘Galicia en Xogo olímpico’, lembrando os mellores momentos dos deportistas galegos nos Xogos de París.
O sábado, o deporte será o protagonista desde as dúas e media da tarde a ata as doce da noite. Na primeira hora, a atención estará posta no pavillón Agustín Mourís, co desenlace do Noia-Inter de fútbol sala. Logo, Xoán Galán instalará o estudio móbil no Sporting Club Casino da Coruña, para falar da iniciativa solidaria da San Silvestre a beneficio da Cociña Económica. Outro dos puntos de directo estará no club de tenis de Boiro, onde o campionato provincial cumpre vinte anos, convertíndose xa nun clásico galego por estas datas de final de ano. A partir das cinco e media, Rodrigo Pérez conducirá a retransmisión da xornada da Liga ACB de baloncesto, en que os dous equipos galegos comparten horario. O Basquet Coruña recibe no Coliseum o Bilbao, mentres o Breogán de Lugo visita o Unicaja Málaga. Durante a tarde, o programa tamén seguirá o derbi femenino de Navia, entre o Celta e o Uni Ferrol, xunto ao encontro de rivalidade entre o Guardés e O Porriño desde A Sangriña, na División de Honra femenina. Cando remate a competición, a partir das dez da noite, o atletismo volverá ser protagonista, desta volta coa celebración en Vigo o próximo día 31 doutra carreira San Silvestre moi solidaria cos máis necesitados.
Xa o domingo, o ‘Galicia en goles’ retransmitirá desde as sete da tarde o derbi galego da Primeira Federación de baloncesto entre o Obradoiro e o Ourense, no multiusos Fontes do Sar. Ao remate, contra as dez da noite, Pedro Pablo Alonso abrirá unha edición extraordinaria do faladoiro de ‘Ao Contraataque’, para analizar as noticias máis destacadas da semana. Un dos argumentos principais será a renovación por unha temporada de Iago Aspas no Celta de Vigo.
A próxima semana, deporte de xoves a domingo
As retransmisións deportivas do ano 2025 chegarán moi pronto á Radio Galega é á plataforma AGalegaAudio.gal. O xoves día 2, desde as sete menos cuarto da tarde, Roberto Carlos Carballo conducirá a emisión do Breogán-Manresa, da Liga ACB de baloncesto. O venres, tamén desde as sete menos cuarto, o fútbol volverá tomar o protagonismo coa xornada da Copa do Rei de fútbol. O Rácing de Ferrol recibe na Malata o Raio Vallecano, mentres en Pasarón o Pontevedra enfróntase ao Mallorca.
A eliminatoria copeira chega nun mal momento para o equipo departamental, xa que a situación na Liga é preocupante tras rematar na primeira volta na antepenúltima praza con tan só 18 puntos, a cinco da salvación. Todo o contrario sucede no equipo do Lérez, que fixo unha primeira parte do curso case perfecta na Segunda RFEF. É líder, con tres puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Numancia, e sácalle doce ao terceiro, o Real Ávila.