div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

O reality 'Bailamos Celebrity', de TVG, trending topic na noite do domingo

Santiago, 04.08.2025.-  Os bailes dos concursantes de ‘Bailamos Celebrity’, o reality da  Televisión de Galicia da noite do domingo, suscitou onte unha gran conversa nas redes, chegando a ser trendig topic contra as 23:30 horas, ocupando a primeira posición de España.

Os ‘tuiteiros’ galegos entregáronse durante a emisión do concurso de baile a comentar en X as actuacións e o debate do xurado, que aínda conta con máis entregas ata alcanzar a gran e esperada final prevista para finais de agosto. Os famosos dan o mellor de si en cada entrega de ‘Bailamos Celebrity’, espazo presentado por Juan Fuentes, e que conta no seu xurado co coreógrafo Fran Sieira, a artista drag Marisa Prisa e a actriz Silvana Sestelo.

No programa deste domingo Eddy Insua interpretaba con Miguel Canalejo ‘Terra’, de Tanxugueiras; Noelia Rodríguez e Noelia Rey dérono todo ao ritmo de ‘Toxic’, de Britney Spears, e Miguel Mandayo e Fran Cañotas transformáronse con ‘Uptown funk’, de Mark Ronson e Bruno Mars. Ademais, ‘Everybody needs somebody’, de The Blues Brothers, amosou a mellor versión de Roi Méndez e Luís Iglesia, e, para espectáculo, o que deron Eva Iglesias e María Mera bailando xuntas. Finalmente, a Trisha Fernández e Sabela Silva tocoulles bailar un exitazo: ‘Nochentera’, de Vicco. 
 

ler máis

TVG retransmitirá 15 partidos de liga do R. C. Deportivo

Santiago, 04.08.2025.-    A Televisión de Galicia emitirá pola primeira canle un total de 15 partidos do Deportivo da Coruña, desde setembro, durante a temporada 2025-2026 na Segunda División do fútbol profesional. O campionato principia o 15 de agosto coa participación de 22 clubs. A canle pública chegou a un acordo para acompañar o Dépor, que, tras asentarse na categoría o curso pasado, busca agora competir polo ascenso á Primeira División, ben polo acceso directo nas dúas primeiras prazas da clasificación ou gañando a promoción na que compite ata o sexto clasificado da liga regular.  

Ademais, TVG emitirá outros cinco partidos de liga do Dépor Abanca, da primeira división feminina.

Pretemporada: torneos de verán Emma Cuervo e Teresa Herrera

Ademais, a primeira canle da TVG e a plataforma dixital AGalega.gal emiten os encontros de pretemporada do Deportivo nos clásicos torneos de verán de Ribadeo, o Torneo Emma Cuervo, e da Coruña, o Teresa Herrera. O mércores 6 de agosto emítese o Dépor-Real Oviedo desde o campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo (19:00 h). O Trofeo Emma Cuervo, fundado en 1952, é o segundo torneo de verán máis antigo de España, só superado precisamente polo Teresa Herrera coruñés, de 1946. E o sábado 9 de agosto, desde Riazor, emitirase o encontro Dépor-Le Havre AC, equipo da primeira división francesa (20:00 h). Tamén, TVG emitirá, pola plataforma dixital AGalega.gal, o Torneo Teresa Herrera feminino, que celebra a súa décimo terceira edición co choque Dépor Abanca-Sporting Braga. Será o sábado 9 ás 17:00 horas.

A Galega segue reiterando o seu compromiso inquebrantable co fútbol galego, facilitando que a afección do Dépor poida vivir cada encontro coa máxima calidade de imaxe e son e coas mellores narracións na nosa lingua.

ler máis

Falece Emi Atrio, cámara da TVG e referente do audiovisual galego

Imaxe, Estudo Momento

Santiago de Compostela, 30.07.2025.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) despide con fonda tristura ao compañeiro Emi Atrio, cámara de primeira, reporteiro gráfico e unha das figuras máis queridas e recoñecidas da historia da televisión pública galega.

Incorporouse á TVG no ano 1989. Durante máis de tres décadas, foi parte esencial de todos os informativos e programas da CRTVG, sempre cunha cámara ao ombreiro e unha mirada sensible e profesional que marcou xeracións de contidos audiovisuais.

Especialista en retransmisións, Emi Atrio foi un dos profesionais máis valorados polos realizadores da Corporación, pola súa precisión técnica e a súa sensibilidade á hora de construír o relato visual. Estivo presente en acontecementos históricos como a visita do papa Bieito XVI a Santiago en 2010, a saída da Volvo Ocean Race desde Sanxenxo e Vigo en 2005, o Europeo de Piragüismo no encoro de Verducido en 2007, ou os encontros da liga ACT de traiñeiras, que cubriu durante anos.

Natural da Coruña e veciño de Ames, tiña 58 anos. Estaba casado e tiña unha filla, á que dedicaba todo o seu tempo cando non estaba detrás da cámara.

Marcha un grande profesional, pero sobre todo un compañeiro moi querido, cun trato próximo, discreto e sempre comprometido co traballo ben feito. Queda o seu legado nas imaxes que contou e no recordo agarimoso dos que compartiron con el esta profesión.

Desde a Corporación poñemos a disposición o enderezo dir.comunicacion@crtvg.gal para facilitar a comunicación a toda persoa, entidade ou institución que desexe trasladarlle condolencias á familia de Emi a través de nós.

ler máis

Máis dun milleiro de convidados arroupan a Televisión de Galicia na súa gala de 40 aniversario

Santiago, 23.07.2025.-   A Televisión de Galicia celebrou este mércores catro décadas de vida cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos de Santiago. O evento, presentado por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, rendeu homenaxe á traxectoria da canle pública nun emotivo programa que se emitirá o venres 25, Día de Galicia, no prime time baixo o título ‘Día G’.

O encontro reuniu representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da canle. Entre as autoridades acudiron á cita o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Tamén participaron figuras destacadas das producións informativas e de entretemento da TVG e da Radio Galega, ademais de centos de traballadores actuais e xubilados, nun recoñecemento colectivo ao labor e compromiso que fixeron posible a historia dos medios públicos galegos.

A gala ‘Día G’ ofrécese como unha homenaxe audiovisual, participativa e cargada de emoción, cun repaso á evolución da canle a través da presenza de rostros históricos e actuacións de artistas emblemáticos da cultura galega como Luz Casal, Treixadura, Tanxugueiras, Fredi Leis, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.

Unha programación especial para celebrar o país

A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial. O xoves 24, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano distinguen os alcaldes do Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio. Esa mesma noite, o espazo ‘Mirade arriba’, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño e Rocío Delgado, iluminará o ceo da vila cunha espectacular coreografía aérea con máis de 200 drons, acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da TVG. A noite culminará coa conexión en directo cos tradicionais Fogos do Apóstolo desde tres escenarios emblemáticos de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.

Xa o venres 25, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión en directo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago desde a Catedral, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como delegado rexio.

A cultura galega, protagonista

O aniversario da TVG será tamén unha celebración do audiovisual galego. Os días 24 e 25 emitiranse dúas longametraxes galegas: ‘Amigos ata a morte’, comedia dramática de Javier Veiga, e ‘Salta!’, unha proposta familiar de ciencia ficción protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas. O domingo 27, o programa ‘No Foco’ ofrecerá unha edición especial centrada nos 40 anos da TVG, mentres outros espazos como ‘Treixaromaría’ (xoves 24) e ‘Búscate nas festas’ (sábado 26) achegarán, desde a memoria e o entretemento, novas olladas sobre a historia compartida entre a canle e o seu público.

ler máis

A TVG retransmitirá toda a pretemporada da volta do Celta a Europa

Santiago, 09.07.2025.-    O corazón do fútbol galego latexa con forza neste verán de 2025. A Televisión de Galicia e a plataforma dixital AGalega.gal emitirán, en directo, todos os encontros de pretemporada do novo EuroCelta, un equipo renovado que se prepara para escribir unha nova páxina no seu camiño por Europa.

Desde Afouteza ata Birmingham, pasando por Braga, Reutlingen e Zúric, a Galega levará a todos os fogares os primeiros pasos dos de Giráldez nesta pretemporada e na máxima calidade, xa que os partidos emitidos en TVG poderán verse en UHD (Ultra Alta Definición). Tamén se poderá gozar do fútbol do Celta en toda España, xa que serán retransmitidos pola plataforma AGalega.gal.

Este é o calendario de partidos confirmados:

1.- Primeiro alento do novo ciclo, na casa celeste:
Martes 15 de xullo, 18:00 h 
Celta-Famalicão, en Afouteza (Porta pechada) 

2.- O debut internacional fronte a unha potencia lusa:
Sábado 19 de xullo, 21:00 h 
Sporting de Braga-Celta, en Braga (Portugal)

3.- A engrenaxe celeste de novo na casa:
Martes 22 de xullo, 12:30 h 
Celta-C. D. Nacional Madeira, en Afouteza (Porta pechada)
A engrenaxe celeste afínase no silencio.

4.- Choque de tradicións no corazón de Europa:
Sábado 26 de xullo, 15:30 h 
VfB Stuttgart-Celta, en Reutlingen (Alemaña)

5.- Choque de precisión contra a maquinaria suíza:
 Martes 29 de xullo, 15:00 h 
 Grasshopper-Celta, en Zúric (Suíza)

6.- A última proba contra o fútbol luso:
Venres 1 de agosto, 21:00 h 
Vitória Guimarães-Celta, en Guimarães (Portugal)

7.- O epílogo da xesta preparatoria, en territorio Premier:
Sábado 9 de agosto, 16:00 h 
Wolverhampton Wanderers-Celta, en Birmingham (Reino Unido)

A Galega reitera así o seu compromiso inquebrantable co fútbol galego e co Celta na súa volta a Europa, garantindo unha cobertura íntegra, próxima e vibrante da pretempada máis ilusionante dos últimos tempos. A través da TVG e de AGalega.gal, a audiencia poderá vivir cada encontro coa máxima calidade de imaxe e son e coas mellores narracións na nosa lingua.

ler máis

A Televisión de Galicia, galardoada polo seu labor divulgativo nos premios portugueses Vinhos do Atlântico

Santiago, 19.06.2025.-    A Televisión de Galicia recibiu a pasada fin de semana, na localidade portuguesa de Valença do Minho, o Prémio Vinhos do Atlântico na categoría de comunicación social, en recoñecemento polo seu labor divulgativo dos viños galegos e da cultura atlántica. O galardón foi recollido polo director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

No certame, ademais de recoñecer o labor da CRTVG, entregáronse galardóns a distintas persoas, empresas e proxectos relacionados coa produción, a investigación, a innovación, a divulgación, o turismo e a sustentabilidade.

Concibidos como distincións honoríficas e non competitivas, estes galardóns recoñecen o mérito e o compromiso de figuras e proxectos de Galicia e dos Vinhos Verdes (variedade portuguesa elaborada na rexión entre o Douro e o Miño) que destacan pola súa contribución ao sector e que elevan os viños atlánticos a un novo nivel de excelencia e relevancia internacional. Estes premios teñen tamén como obxectivo reforzar lazos entre esta rexión lusa e Galicia, afirmando o viño como produto cultural, económico e identitario.

ler máis

Os premios de curtas en galego 'Nós tamén creamos!' galardoan o traballo de alumnos de Lalín, Vilamartín de Valdeorras, Vigo, Aldán, A Coruña e Pontevedra

Santiago, 18.06.2025.-    Alumnos de Educación Infantil e Primaria de seis centros escolares de Lalín, Vilamartín de Valdeorras, Vigo, Aldán, A Coruña e Pontevedra recolleron este mércores os premios do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos!' que organizan cada curso a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e OQO editora. As curtas premiadas, e tamén as do resto de centros participantes, pódense ver xa na plataforma Xabarin.gal da CRTVG.

Na categoría de 2º ciclo de Educación Infantil o galardón foi para o proxecto ‘Árbores no camiño’, do CEIP Xesús Golmar, de Lalín, e déuselle un accésit á peza ‘O avó de Zulaimar’, do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras (Ourense). No caso de 1º e 2º de Educación Primaria gañou o premio a curta ‘Valentina nunca calas…’, creada por alumnos do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo. Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao traballo ‘Coas mans baleiras’, do CEIP da Espiñeira-Aldán (Pontevedra).

A distinción en 3º e 4º de Primaria foi para o vídeo ‘Navega, caracol’, do CEIP Emilia Pardo Bazán de A Coruña, mentres que, na categoría de 5º e 6ª de Primaria, gañou o premio a curta ‘O avó de Zulaimar’, do CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra).

‘Nós tamén creamos!’ é un programa escolar de dinamización lingüística no que participan curtametraxes de animación editadas nos centros escolares coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias, sempre en galego.

No acto, celebrado no CGAC, participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho, o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero, e a xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, Marta Fernández.

O certame fomenta a creatividade e o uso do galego no traballo de aula achegando os cativos ao eido audiovisual e ás TIC. Tamén supón unha oportunidade para fomentar a lectura e o ocio en galego entre os máis pequenos. A CRTVG conta cunha sección especial ‘Nós tamén creamos!’ na súa plataforma dixital infantil Xabarin.gal, a maior oferta de contidos audiovisuais infantís en galego, na que se poden ver as curtas producidas nesta edición 2024/2025 do certame.

ler máis

A orquestra Os Satélites, co tema 'O chirimbolo', gaña o concurso 'A Canción do Verán 2025' da CRTVG

Santiago, 12.06.2025.-    A orquestra Os Satélites gañou o concurso ‘A Canción do Verán 2025’ da CRTVG co seu tema ‘O chirimbolo’, que entrará a formar parte  da banda sonora dos medios galegos durante os vindeiros meses de verán.

O xurado da novena edición do concurso estivo composto por Fernando R. Ojea, director de Contidos da Corporación; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG; Natalia Penas, xefa de Contidos da Radio Galega; e os cantantes e xurados do concurso ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ Roi Casal e Carolina Rubirosa.

O xurado salientou a calidade musical das propostas presentadas e a realización dos vídeos que as acompañan, que en cada edición é máis coidada. A deliberación foi complexa entre varios temas favoritos, aínda que ao final a decisión se decantou polo merengue estival ‘O chirimbolo’, dos Satélites, que xa se pode ver nas canles e redes sociais da Corporación.

Os Satélites é actualmente a orquestra máis antiga de Galicia, con máis de 80 anos de traxectoria, e segue a contar cunha completa banda de músicos profesionais.

O premio do concurso ‘A Canción do Verán’, que cada ano convoca a CRTVG, está dotado de 1.500 euros e a visibilización durante todo o verán do tema gañador en todas as canles dixitais, de televisión e radio dos medios públicos.

ler máis

A TVG lidera e acada o seu mellor dato histórico no Estudo Xeral de Medios desde 2008

Santiago, 22.04.2025.-  A Televisión de Galicia segue a medrar e segue a ser a canle líder en Galicia, e en todas as franxas de emisión, segundo o Estudo Xeral de Medios (EXM) coñecido este martes, un estudo en que están reflectidos os resultados de todos os grandes grupos de comunicación de España, tanto públicos como privados.

Esta primeira onda do ano do EXM sinala que a TVG lidera cunha cota do 23,2% no conxunto da semana e un 24,5% de luns a venres. Esta de luns a venres é a maior cota de audiencia desde o ano 2008 en Galicia. A audiencia da canle non para de medrar e  creceu respecto á onda inmediatamente anterior case un 30% (28,9%). Con respecto ao mesmo período de hai un ano, a TVG incrementa a súa cota en 2,6 puntos de share (unha suba porcentual do 12,6%).

A TVG sitúase en Galicia moi por riba do resto de competidores públicos e privados, con máis de 8 puntos de vantaxe sobre a seguinte canle, e, entre os entes autonómicos da rede de FORTA, unha vez máis a TVG é a líder de audiencia, superando a segunda canle autonómica en 5,3 puntos.

Líder en todas as franxas

TVG lidera en todas as franxas de emisión do día. Pola mañá de 08:00 a 13:30 h, cun 27,2% (con picos de audiencia do 47%) supera o competidor máis próximo, La1, en 14,9 puntos de share. Na franxa de sobremesa (13:30 a 17:00 h), a que contén o bloque informativo formado polo espazo de proximidade ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’, media unha cota do 36,3% (e con picos do 45%), superando a La1 en 21,6 puntos de share.

Xa pola tarde (17:00 a 20:00 h), TVG acada unha cota do 21,8%, con 6,3 puntos máis que o segundo operador. E na franxa de noite (20:00 a 04:00 h), a Galega ten unha cota do 17,7%, 2,6 puntos por riba da seguinte canle.

Nesta primeira onda do ano, salientan ademais as cotas de pantalla acadadas os martes (32,1%), luns (27,1%) e mércores (25,5%).

ler máis

A Radio Galega é a emisora pública líder en Galicia, medrando un 19% con respecto á mesma onda de 2024

Santiago, 22.04.2025.-   A Radio Galega reforza o seu papel como emisora pública de referencia en Galicia tras os resultados da primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2025, publicada este martes. A emisora pública galega acada 118.000 oíntes diarios de luns a venres, o que supón un incremento do 19% respecto á mesma onda do ano anterior.

Este aumento convértese na maior suba porcentual entre todas as emisoras xeralistas que operan en Galicia con respecto ao mesmo período do ano pasado, e todo isto nun contexto de descenso das cifras de audiencia  da radio xeralista en ámbito Galicia.

Tamén Radio Galega Música experimenta unha evolución moi positiva, con 19.000 oíntes diarios, incrementando un 90% a súa audiencia de hai un ano. O conxunto de emisoras da Radio Galega suma 137.000 oíntes de luns a venres e 129.000 no global da semana, o que representa un notable incremento respecto á mesma onda do ano anterior: un 25,69% máis de luns a venres (con 28.000 novos oíntes) e un 14,16% máis no total da semana (con 16.000 novos oíntes).

Estes algarismos fan que a Radio Galega sexa de novo a emisora pública líder en Galicia, duplicando amplamente os datos de RNE (45.000). A Radio Galega tamén é a radio pública líder en canto a share, cun 15%, e a segunda con mellores datos de todas as canles que operan en Galicia.

ler máis

Anita Mateu desvela o novo proxecto da TVG para espallar o galego entre os neofalantes

Santiago, 10.04.2025.-   ‘Instagal’, ‘DígochoEu’ e agora tamén ‘Bótalle Azucre’. A TVG segue a promover o galego tamén nas redes sociais, e para iso deseñou un proxecto específico dirixido desta volta aos neofalantes. A complicidade de Anita Mateu foi chave para levar adiante este novo reto lingüístico da TVG, ‘Bótalle Azucre’, en que a influencer asumiu o reto de aprender galego en 100 días. Mateu, que leva xa máis de dous meses detrás desta iniciativa, ten que ser quen de manter unha primeira conversa fluída en galego nese tempo, prazo que se cumpre xustamente o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

A youtuber e influencer cubana está aprendendo galego con esta iniciativa dos medios públicos, coa que xa conectaron máis de medio millón de persoas en YouTube, Instagram e TikTok. Nos seus posts, Mateu comparte diariamente anécdotas arredor da lingua, reflexións e aplicacións que vai descubrindo a medida que usa o galego no seu día a día.

Ata agora, xa se emitiron 10 episodios semanais deste reality na nova canle de Youtube youtube.com/@botalleazucre, aínda que os seus progresos tamén se poden seguir en pequenas pílulas nas contas de @botalleazucre en Instagram e TikTok. Nestes episodios, Anita vai aprendendo galego pola súa conta, atendendo tamén as interaccións do público, que a axuda a mellorar mediante correccións nos comentarios. O proxecto está tendo unha grande acollida e milleiros de persoas están apoiando a Anita, que xa se está convertendo en toda unha ‘embaixadora do galego’ entre as persoas de fóra que veñen vivir a Galicia.

Anita Mateu, que reside en Carballo (A Coruña) desde hai dous anos, conta na actualidade con máis de 1 millón de seguidores en redes sociais: case medio millón en Youtube, 370.000 en Instagram e 280.000 en TikTok.

Con este novo proxecto, a TVG está a achegarse á gran comunidade composta polos novos galegos, moitos deles procedentes de América, que coñecen a nosa lingua pero aínda non a falan.

ler máis

A serie documental da TVG 'Curando o mundo', co cirurxián Diego González Rivas, recibe o Premio Medicina Siglo XXI

Santiago, 03.04.2025.-    O programa da Televisión de Galicia ‘Curando o mundo’ foi galardoado nos Premios Medicina Siglo XXI 2025, que se entregaron nunha gala celebrada en Madrid este mércores á noite. O premio, concedido no apartado de comunicación, foi recollido polo director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

‘Curando o mundo’ é unha serie documental en que o cirurxián coruñés Diego González Rivas, que está a revolucionar a cirurxía torácica, percorre o mundo ensinando a súa técnica minimamente invasiva para operacións de pulmón. González Rivas, un dos médicos máis recoñecidos do mundo, é creador e referente mundial da técnica UniportalVATSeRats, coa que operou xa máis de 7.000 pacientes en 129 países. En cada lugar que visita, os espectadores poden adentrarse en como xestiona o choque cultural, o tratamento da morte e da esperanza ou as condicións de vida.

A Televisión de Galicia estreou o pasado outono o programa ‘Curando o mundo’, que está dispoñible en AGalega.gal, a plataforma dixital dos medios públicos galegos.

Os Premios Medicina Siglo XXI, organizados por El Suplemento, teñen como obxectivo recoñecer e promover a excelencia no ámbito sanitario, destacando o labor de profesionais e entidades que contribúen ao avance da medicina en España.

ler máis

O documental 'Salvaxe, Salvaxe', participado pola TVG e que compite nos Mestre Mateo desta fin de semana, preestréase o xoves na MICE de Santiago

Santiago, 12.03.2025.-    ‘Salvaxe, Salvaxe’, a primeira longametraxe do cineasta Emilio Fonseca, participada pola TVG e candidata a mellor documental nos Premios Mestre Mateo que se entregan o 15 de marzo, terá este xoves a súa preestrea na MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela.

Antes da súa chegada ás salas de cine o vindeiro 21 de marzo, a película fará tamén algunhas paradas especiais, como a do día 14 na Capela de Santa Ana de Corcubión e no Cine Alfonsetti de Betanzos, a o do 18 en Pontedeume ou a do 19 en Oleiros. A xira de preestreas rematará cunha premiere nos Cines Cantones da Coruña o 20 de marzo. Ademais, ‘Salvaxe, Salvaxe’ puido verse xa fóra das nosas fronteiras, no Festival Internacional de Documentais de Tesalónica.

Este documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.

‘Salvaxe, Salvaxe’ é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a ollada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. O filme rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, atravesando unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio, e enfrontándose a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os límites entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido.

Este proxecto de Walkie Talkie Films, producido por Animala e Xiana do Teixeiro, obtivo recoñecementos en festivais como o de Málaga (premio mellor documental), FICG Guadalajara (mención especial Premio Socioambiental), Play-Doc (mellor documental galego), Alcances (mención especial), Ourense (mellor dirección Galicia) ou Another Way (premio do público Impacto). Tamén estivo en competición noutros certames como o Festival de Documentais de Tesalónica, Porto/Post/Doc, MajorDocs, Cinespaña Toulouse ou L’Alternativa de Barcelona.

ler máis

Televisión de Galicia renova por dous anos máis o acordo para a emisión do MXGP

Santiago, 29.01.2025.-     O Mundial de Motocrós volve en marzo á Televisión de Galicia. A canle galega e Infront Moto Racing renovaron esta semana o acordo para a emisión do campionato por dous anos máis. As emisións terán lugar pola TVG, a través da súa segunda canle, a G2, e pola plataforma dixital AGalega.gal xeolocalizado para España.

Deste xeito, os 20 grandes premios previstos entre marzo e setembro, entre eles o Gran Premio de España en Lugo, poderán seguirse nos medios públicos galegos.

A primeira emisión será a do Gran Premio da Arxentina, o domingo 2 de marzo, en que o público poderá seguir o único piloto galego na categoría raíña do motocrós, o vigués Rubén Fernández, quen renovou o seu contrato con Honda HRC a finais de 2024.

ler máis

A TVG foi a canle máis vista en Galicia toda a fin de semana

Santiago, 27.01.2025.-    A TVG foi a canle máis vista na fin de semana, liderando todos os días desde o venres ata o domingo. Na xornada do venres 24, a TVG foi líder co 11,7 % no conxunto do día, destacando tanto os programas informativos, cun ‘Galicia Noticias’ no 22,4 % de cota, como no entretemento, co ‘Luar’ preto do 10 % (9,9 %) e liderando o competidísimo prime time dos venres.

O sábado a TVG repetiu primeiro posto no conxunto da xornada (9,4 %) e tamén no prime time, con case dous puntos máis que o seguinte competidor, e coincidindo coa emisión de ‘40 anos, 40 programas’, espazo co que Televisión de Galicia está a celebrar os seus corenta anos de vida e a lembrar os programas e series máis destacados destas catro décadas. Ao igual que o venres, a TVG contou o sábado con 5 dos 10 programas máis vistos de Galicia.

Onte domingo a TVG volveu liderar, e foi unha das dúas únicas canles en Galicia que chegaron ao 10 % de cota. Destaca na xornada de onte a audiencia do ‘Telexornal Serán’, que, cun 20,4 %, foi o espazo de televisión máis visto en Galicia do día. Seis dos dez programas máis vistos en Galicia desta xornada foron da TVG.

A Galega segue a ser un mes máis a canle líder en informativos en canto a emisión lineal, e o alcance destes viuse multiplicado polas canles informativas da CRTVG en servizos dixitais, tanto en X como en Instagram. A información das contas de @G24Noticias nestas dúas redes tivo un extraordinario comportamento. A conta de X chegou aos seis millóns e trescentas mil impresións cun crecemento do 126 % nunha semana, e os vídeos de Instagram alcanzaron os cinco millóns e medio de visualizacións, cun crecemento do 50 % con respecto da semana anterior.

ler máis

Emoción, entretemento e moita diversión, na programación de Nadal da TVG

Santiago, 19.12.2024.-    Co tradicional sorteo da Lotaría de Nadal arranca este domingo a programación especial da Televisión de Galicia, que durante estas festas lles ofrecerá aos seus espectadores espazos de entretemento para toda a familia. Desde as 08:30 h ofrecerase un programa especial, presentado por Sevi Martínez e Almudena R. de Urzáiz, que despregará unha ampla cobertura por toda Galicia na busca de posibles afortunados.

O día antes, o sábado 21 de decembro, chegarán as agardadas edicións de Nadal do programa ‘Atrápame se podes’, en que durante dúas semanas competirán dez parellas de concursantes famosos para conseguir un bote solidario de 1.500 €, que se irá incrementado día a día e que se destinará a distintas asociacións benéficas.

Xa o 24 de decembro, os espectadores da TVG serán testemuñas dunha cea moi especial: ‘A Gran Velada’. Este novo formato, presentado por Arturo Fernández, convidará rostros coñecidos da canle pública a sentar á mesa con seguidores que buscan moito máis que un autógrafo. Eva Iglesias, Sevi Martínez, Lucía Veiga, Iván Mariñas e Roberto Vilar protagonizarán as citas máis surrealistas, cómicas e emocionantes do prime time da Noiteboa.

E o día de Nadal, a TVG buscará en ‘Nadal Challenge’ a casa mellor decorada de Galicia. Os espectadores veranse abraiados pola cantidade de luces e imaxinación que despregan as galegas e galegos nestas datas tan especiais. Pola noite, será o momento de elixir ‘O Prato Nacional’, unha gran cita televisiva en que Galicia enteira determinará cal é o prato que mellor representa os galegos. A icónica ‘Sala G’ da Televisión de Galicia converterase nun gran gastrobar en que a tradición, a historia e a cultura gastronómica galega se mesturarán cunha boa dose de música, humor e retranca.

Ao día seguinte, o xoves 26, fartos do Nadal, Roberto Vilar e todo o equipo de ‘Land Rober Tunai Show’ uniranse por un día á filosofía do Grinch. O 28 de decembro, Lucía Rodríguez presentará desde Lugo o programa ‘Cabina dos Desexos Especial Santos Inocentes’, nunha tarde chea de emoción, sorpresas e divertidas cámaras ocultas. E, esa mesma noite, nostalxia e diversión daranse a man na ‘Gran Gala do Supermartes’, en que o músico Tonhito de Poi, os presentadores Rafa Durán e Trisha Fernández e a cantante Fátima Pego se enfrontarán ás probas máis lembradas do histórico programa da Televisión de Galicia.

O día 31, a TVG non só celebrará a despedida de 2024, senón tamén o seu 40 aniversario, na ‘Gala de Fin de Ano’, presentada por Xosé Ramón Gayoso e María Lamela. Nesta gran festa, estarán no escenario artistas como David Bustamante, Ana Guerra, Sonia e Selena, Nebulossa, David DeMaría e Tanxugueiras, e as mellores orquestras de Galicia lembrarán os grandes temas musicais destas catro décadas. Uns minutos antes da medianoite, conectarase coa praza do Obradoiro, desde onde Gayoso e as presentadoras Rocío Durán e Rocío Delgado retransmitirán as badaladas.

Na tarde de Aninovo, a Televisión de Galicia sairá na procura de ‘A mellor troula do ano’, un programa especial en que os espectadores descubrirán cal foi a festa que conquistou os corazóns dos galegos en 2024. E pola noite celebrará coa súa audiencia ‘O primeiro día do resto das nosas vidas’, un programa especial que mesturará ficción e realidade para lembrar as personaxes de ficción máis icónicas dos 40 anos de historia da canle pública galega, que se fan en 2025.

O 5 de xaneiro, véspera de Reis, a cativada terá unha cita co especial ‘A Cabina dos Desexos. Queridos Reis’, que retransmitirá en directo a cabalgata de Vigo, coa presenza do bus da Galega, e tamén ofrecerá a chegada dos Reis Magos ás demais cidades galegas. Nesa noite tan especial, a TVG amenizará a espera polos Magos de Oriente con ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, en que concursantes que participaron na quinta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ amosarán os seus dotes artísticos acompañados no escenario polas súas persoas máis queridas. A programación de Nadal da TVG rematará o 6 de xaneiro co especial de ilusionismo ‘Estrelas Máxicas’.

Todas estas propostas compleméntanse coa programación especial de Nadal que ofrecerán as plataformas AGalega.gal e Xabarin.gal.

ler máis

O tema 'Luz xigante', de Christian Pensado, gaña o concurso da Canción do Nadal da CRTVG

Santiago, 10.12.2024.-    O tema ‘Luz xigante’, de Christian Pensado, é o gañador do concurso da Canción do Nadal da CRTVG. Será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2024, xa que o tema gañador poderá escoitarse na TVG, a Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG durante todo o Nadal.  

O xurado, composto por Carolina Rubirosa, cantante e xurado de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’; Iago Pico, músico e tamén xurado deste programa; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG, e Natalia Penas, xefa de Programas da Radio Galega, elixiu por unanimidade esta proposta, da que destacaron que cumpre con todos os requisitos para ser unha canción ‘top’ do Nadal.

Entre as propostas recibidas na presente edición do concurso, o xurado seleccionou a gañadora e cinco finalistas, no canto de catro, o que dá idea da dificultade da elección, debido á grande calidade das cancións participantes. Os seus membros destacaron tamén a variedade de proxectos que se presentaron ao concurso en canto a estilos musicais, desde tradicionais e tipo panxoliña ata pop rock e urban.

O artista mazaricán Christian Pensado, que recibirá un premio económico de 1.500 euros, participou hai sete anos no concurso ‘Recantos’ de ‘Luar’, foi vocalista da orquestra Los Príncipes e actualmente desenvolve a súa carreira en solitario e está a preparar o seu primeiro disco.

Esta é a décima edición do concurso musical da CRTVG, que anteriormente gañaron, entre outros, o grupo Xeración M, coa canción ‘Soará o Nadal’; Noa, o seu pai Juan Antonio e o seu avó Arturo, co tema ‘‘Vivamos xuntos o Nadal’; a banda xuvenil King Kids, con ‘Un bo Nadal’; Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’, e Kiko Bea, con ‘Un Nadal distinto’.

ler máis

A CRTVG pon en marcha os IV Premios DígochoEu de vídeos escolares en galego

Santiago, 03.12.2024.-    O prazo de presentación de candidaturas para os Premios DígochoEu da CRTVG neste curso 2024/2025 está xa aberto, e os centros escolares poden presentar as súas propostas de vídeos escolares ata o 22 de decembro.

Como en anteriores edicións, poderán participar centros educativos de Primaria e Secundaria de Galicia e tamén aqueles de fóra da comunidade que impartan a materia de Lingua Galega. Os profesores deberá presentar a candidatura enviando un correo electrónico a digochoeu@crtvg.gal. As bases completas están dispoñibles na web www.crtvg.gal.

Entre todas as recibidas, seleccionaranse as 12 propostas de contido máis orixinais, creativas e innovadoras, que serán gravadas en 2025 en cada centro escolar coa participación da cativada e da presentadora do programa, Esther Estévez, e serán emitidas nas canles da CRTVG.

Unha vez emitidos todos os episodios -previsiblemente no mes de maio, coincidindo co mes das Letras Galegas-, un xurado de profesionais do audiovisual alleo ao equipo do ‘DígochoEu’ avaliará todas as propostas e outorgará seis premios en dúas categorías, Primaria e Secundaria, e con cantidades de 500, 300 e 200 euros, respectivamente. Os criterios de valoración serán a calidade lingüística e expresividade dos participantes e a orixinalidade e innovación do contido.

Desde a súa creación en 2020, ‘DígochoEu’ achega o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. O proxecto recibiu neste tempo destacados premios, como dous recentes Premio Mestre Mateo para Esther Estévez como mellor comunicadora, así como recoñecementos no eido da normalización lingüística en Galicia ou o Premio da Cultura Galega. Máis de 150 millóns de reproducións dos seus vídeos, 334.000 seguidores na conta de TikTok e 144 na súa conta de Instagram, as máis usadas pola cativada, e 10 millóns de gústame nas publicacións son algúns dos datos que amosan o impacto do ‘DígochoEu’ na sociedade galega, tanto na comunidade coma no exterior.

ler máis

Novo éxito do 'DígochoEu', caso de estudo internacional esta semana no Consello de Europa

Santiago, 20.11.2024.-  Máis de 150 millóns de reproducións dos seus vídeos, 334.000 seguidores na conta de TikTok e 144 na súa conta de Instagram, as máis usadas pola cativada, e 10 millóns de likes nas publicacións. Estes son algúns dos datos que amosan o impacto do ‘DígochoEu’ na sociedade galega, tanto na comunidade coma no exterior.

O ‘DígochoEu’, que xa foi un caso de estudo no certame internacional de CIRCOM, a asociación de televisións rexionais europeas, foi tamén protagonista este martes en Estrasburgo ante o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no Consello de Europa. Este comité é un organismo de expertos independentes encargado de supervisar a aplicación da Carta, a convención do Consello de Europa para a protección e promoción das linguas rexionais ou minoritarias.

O xornalista e creador do espazo, Carlos F. Amado, foi convidado a explicar neste foro europeo a orixe e evolución de ‘DígochoEu’ desde que comezou en xaneiro de 2020 ata a actualidade. Carlos Amado salientou que nestes “preto de cinco anos de vida, ‘DígochoEu’ segue a traballar pola lingua coa emisión de vídeos en galego editados nunha linguaxe visual e lingüística adaptada aos gustos e usos do público máis novo, unha das razóns do seu éxito”.

Presentado pola tamén xornalista Esther Estévez, ‘DígochoEu’ recibiu neste tempo destacados premios, como dous recentes Premio Mestre Mateo para Esther Estévez como mellor comunicadora, así como recoñecementos no eido da normalización lingüística en Galicia ou o Premio da Cultura Galega.
    
O Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias traballa seguindo o desenvolvemento e o crecente papel dos novos medios e as redes sociais, que contribúen ao uso e promoción das linguas rexionais, especialmente entre a mocidade, como é o caso do ‘DígochoEu’ da CRTVG.  

Record de alcance de @g24noticias  
    
‘DígochoEu’ é unha das canles dixitais da CRTVG, entre as que tamén destaca o proxecto dos servizos informativos @g24noticias que alcanzou os 102 millóns de visualizacións nos últimos 365 días e que chegou no último ano a 14 millóns de persoas na rede social Instagram, e ata 25 millóns na súa conta de TikTok, nun crecemento sostido que está a consolidar a cada vez maior presenza dixital dos servizos informativos da Galega como referentes da información.

@g24noticias ten presenza, ademais de en Instagram, en X, Facebook, TikTok e YouTube, e conta cunha canle de WhatsApp, ofrecendo un servizo integral en tempo real que completa a oferta informativa que supón o portal G24.gal.

ler máis

A promoción da sociedade dixital, liña central do orzamento da CRTVG para 2025, con 135,7 millóns de euros

Santiago, 31.10.2024.-   O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2025, por importe de 135,7 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 4,5 millóns de €.

Sánchez Izquierdo explicou que a alza se debe ao efecto do incremento do IPC sobre os custos de produción de programas, informativos e deportes e “tamén por mor da dotación que se reserva para a adquisición de contidos dixitais destinados a nutrir a oferta da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia”. Precisamente, unha das grandes partidas orzamentarias é a adicada á contratación co sector audiovisual galego, do 30,3 % (41 millóns de €), e que dá conta do compromiso e apoio da Corporación neste eido, moi especialmente no que respecta a contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento, segundo explicou o director xeral na súa intervención.

Ademais, o apartado de persoal incrementa a súa dotación para achegarse aos 58 millóns de euros (42,7 % do orzamento) e Sánchez Izquierdo indicou que este é “un orzamento comprometido coa estabilidade no emprego da totalidade do seu cadro de persoal, garantindo un emprego de calidade e axeitadamente retribuído”, en alusión á consolidación de emprego en curso de todo o cadro de traballadores.

Sánchez Izquierdo expuxo que o orzamento recolle “a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital. En consecuencia, un eixe prioritario deste orzamento é a integración, a converxencia e a transformación, mediante a adaptación inclusiva dos sistemas e organizacións tradicionais para a migración da sociedade da información á nova sociedade dixital”.

Entre outros, os investimentos para o ano vindeiro incluirán unha dotación para modernización tecnolóxica por importe de 1.500.000 €, que se destinará ao novo sistema de produción da Radio Galega, a renovación do sistema de control de continuidade da TVG e un novo sistema de iluminación do estudio 300, así como novos equipamentos técnicos por un importe de 650.000 euros, sinalou o director xeral.

Así mesmo, Izquierdo salientou o compromiso da Corporación, que en 2025 fai 40 anos de vida, con eixes estratéxicos como os avances e innovacións no eido da dixitalización ou o desenvolvemento dunha política de calidade do emprego e unha axeitada captación e xestión do talento, para avanzar nun clima sociolaboral que rubrique o compromiso recíproco entre o persoal da Corporación e esta.

Os datos e cifras presentados esta tarde no Parlamento de Galicia poñen de manifesto un feito recorrente: o alto efecto de aplicación do orzamento da CRTVG no tecido produtivo galego. Así, máis do 90 % dos orzamentos da Corporación reverterá directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 89 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade