Definición estratéxica - CRTVG
Definición estratéxica
A modo de definición estratéxica, reprodúcese o artigo 4 da Lei 9/2011 de Servizo Público de Comunicación Audiovisual de Galicia, no que se recollen os “principios inspiradores e alcance” atribuído á CRTVG.
"1. A actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG inspírarase nos seguintes principios:
a) O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia e dos dereitos e das liberdades que neles se recoñecen e garanten.
b) A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia.
c) O fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.
d) O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.
e) O respecto á dignidade humana, ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe.
f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade, á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.
g) A protección da xuventude e da infancia.
h) A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.
i) A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.
j) A garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio.
k) A procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da comunidade autónoma.
l) A garantía do dereito das persoas con discapacidade ao acceso de forma efectiva aos contidos emitidos.
m) A garantía dos dereitos dos consumidores e usuarios en relación coa programación, coa publicidade e coas outras modalidades de promoción comercial.
n) O fomento do coñecemento dos valores ecolóxicos e do respecto e protección do medio ambiente.
ñ) A conservación e custodia dos documentos que de acordo coa normativa de patrimonio cultural deban integrar o patrimonio documental de Galicia.
2. A Corporación RTVG deberá cumprir coa misión de servizo público de comunicación audiovisual que lle sexa encomendada, e a súa programación inspirarase nos principios definidos na alínea precedente”.