CSAG Viva - CSAG
CSAG Viva
Gala especial de 'Luar' este venres, en solidariedade con Venezuela

Santiago, 1.7.2026.- ‘Luar’ achega este venres unha edición especial en solidariedade con Venezuela. O musical da TVG desenvolverá unha gala en apoio á poboación afectada polos terremotos rexistrados o pasado 24 de xuño no país suramericano. Unha traxedia que está provocando unha grave crise humanitaria e a mobilización internacional.
Ante a magnitude da catástrofe e co obxectivo de contribuír a esta corrente de axuda, ‘Luar’ (21:40 h) fará durante toda a noite un chamamento á solidariedade, cun pobo especialmente próximo a Galicia polos profundos lazos históricos e culturais que unen ambas as dúas terras. Ao longo da emisión, os espectadores poderán colaborar economicamente a través do número de teléfono habilitado para este fin. O teléfono estará dispoñible tamén para que a audiencia poida achegar as súas historias e experiencias sobre Venezuela.
A gala arrincará e pechará cun tema especialmente emotivo, xa que os artistas venezolanos convidados interpretarán conxuntamente ‘Alma llanera’, unha das composicións máis representativas do país, considerada o segundo himno nacional, composta en 1914 polo músico Pedro Elías Gutiérrez e escrita por Rafael Bolívar.
No apartado musical, o programa contará coa participación de diversos artistas venezolanos que desenvolven a súa carreira en Galicia e que compartirán as súas experiencias persoais cos espectadores. Estarán presentes o grupo Los Coleguitas de Venezuela, Ghaly e Katty, da orquestra Marbella; Arturo Moreno e Javier Saavedra, de Los Satélites; e Eric Hidalgo e Eleonora Marval, integrante da orquestra Principal. A eles sumarase Boris Izaguirre, colaborador habitual do espazo e membro do xurado en cada edición, que achegará a súa visión persoal sobre o difícil momento que atravesa o seu país.
Este especial incluirá, amais, a participación da agrupación cultural Soalleira, a orquestra Bombai e de Los Españoles, formación con integrantes venezolanos, que se unirá a esta noite de fraternidade entre Galicia e Venezuela.
E completan os contidos do programa, o humor do dúo Todo Mal e unha das citas máis importantes da tempada no certame ‘Recantos’, xa que vivirá a súa primeira semifinal, con Lamar e Rocío Souto en competición por un posto na gran final.
A Televisión de Galicia triplica o seu consumo dixital e supera os 300 millóns de reproducións ata xuño

Santiago, 2.07.2026.- Nos primeiros seis meses de 2026 os medios dixitais da CSAG seguiron batendo as súas marcas. A fonda conversión dixital da Corporación desta última década reflíctese nestes resultados, e as cifras evidencian a modernización da Corporación e a súa adaptación aos hábitos de consumo audiovisual da sociedade galega.
Ao distribuír os seus contidos adaptados a cada unha das ventás, tanto dixitais como lineais, a relevancia da Televisión de Galicia e da Corporación xa se expresa tamén a través dun modelo de medición crossmedia, superando a etapa analóxica da TDT.
Os datos agregados nas principais redes da Corporación (Instagram, Facebook, TikTok, «X» e YouTube) revelan que entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2026 a CSAG obtivo:
• 899 millóns de reproducións (+93%)
• 1.320 millóns de impresións (+115%)
• 34,4 millóns de interaccións (engagement) (+74%)
• 2,93 millóns de seguidores (+31%), o que supón 700.000 seguidores máis que no mesmo período do ano anterior.
Na desagregación só das tres principais marcas:
-A Televisión de Galicia protagoniza o maior crecemento da súa historia nas redes sociais, e achégase ao millón de seguidores.
Entre xaneiro e xuño acadou:
• 343 millóns de reproducións dos seus vídeos (+192%)
• 432 millóns de impresións (+177%)
• 13 millóns de interaccións (+205%)
• 995.264 seguidores (+42%)
_G24 practicamente duplica a súa comunidade neste período e medra cara a superar o millón de seguidores antes de final de ano.
• 494 millóns de reproducións (+57%)
• 777 millóns de impresións (+103%)
• 21 millóns de interaccións (+68%)
• 742.432 seguidores (+102%)
_A Radio Galega protagoniza a maior evolución porcentual de todas as marcas da CSAG nas redes sociais.
• 15,4 millóns de reproducións (+27.264%)
• 22 millóns de impresións (+4.147%)
• 784.185 de interaccións (+7.074%)
• 78.519 seguidores (+33%)
As redes do Xabarín seguen a medrar tamén en 2026 e xa teñen unha comunidade de máis de 37.000 seguidores. Tamén o fan as marcas do “En Xogo”, “DígochoEU” ou “Galicia por diante” que cos seus datos complementan o agregado final xunto coas tres principais.
AGalega.gal medra un 5% e G24.gal supera o millón de usuarios
Fóra das redes sociais, a OTT a AGalega.gal tamén segue medrando e achégase aos 800.000 usuarios (781.717) cun crecemento do 5%, e un incremento do 15% de sesións ata superar a barreira dos 3 millóns.
A web informativa G24.gal marca tamén rexistros históricos ao superar por vez primeira o millón de usuarios:
• 1.034.256 usuarios (+32%)
• 3.072.732 sesións (+37%)
• 8.342.015 páxinas vistas (+82%)
Con Google Analytics e Emplify Social Analytics como fontes, os datos da Corporación neste período de 2026 baten xa en moitos casos as marcas de todo 2025, que foi á súa vez tamén un ano de récord.
Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia

Santiago, 2.7.2026.- Ambición, poder, cartos, traizóns e conflitos familiares. A mítica serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, regresa este verán á TVG co malvado X. R. Ewing á fronte. Televisión de Galicia recupera a emisión de ‘Dallas’ para a súa oferta de entretemento, desde o 6 de xullo en horario de late night -00:05 horas-.
De luns a venres, a canle galega emitirá dous episodios diarios desta produción centrada nos Ewing, unha das familias máis poderosas de Texas (EUA), que constrúe a súa fortuna arredor do petróleo e a gandaría, entre loitas polo control do imperio petroleiro, romances, vinganzas, alianzas cambiantes e segredos familiares.
No centro de todas as intrigas atópase X.R. Ewing, interpretado por Larry Hagman, un dos grandes viláns da pequena pantalla. Astuto e implacable nos negocios, o herdeiro de Ewing Oil comparte o rancho Southfork cos seus pais, o seu irmán Bobby e a súa cuñada Pamela. O seu infeliz matrimonio con Sue Ellen deu lugar a algunhas das escenas máis lembradas da televisión e a expresións que quedaron gravadas na nosa memoria.
A chegada de ‘Dallas’ á TVG en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social. Para moitos espectadores foi unha das primeiras grandes producións internacionais, con 150 capítulos, que seguiron en galego de maneira regular, contribuíndo á normalización da lingua e facendo que frases escoitadas na serie pasasen a formar parte das conversas cotiás dos galegos. A serie foi, ademais, unha das producións máis exportadas e dobradas da historia da televisión.
O ‘Galicia en goles’ continúa durante o verán coas retransmisións dos partidos da selección española de fútbol no Mundial 2026

Santiago, 2.7.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen este xoves unha edición especial de ‘Galicia en goles’ para contar o partido de dezaseisavos de final do Mundial 2026 entre as seleccións absolutas de España e Austria. Desde as sete e media da tarde a ata as doce da noite. Lucía Junquera dirixe unha edición especial para vivir desde o punto de vista galego o primeiro cruzamento das eliminatorias finais para o equipo que dirixe Luis de la Fuente.
O SoFi Stadium dos Ánxeles reúne dúas seleccións que van revivir o enfrontamento da Arxentina 78, cando na primeira xornada da fase de grupos Austria gañaba por 2-1 ao cadro daquela dirixido por Ladislao Kubala. Pasaron xa 48 anos dun partido que deixou unha pegada negativa no fútbol español, aínda que vinte e un anos despois a España de Camacho meteulle un histórico 9-0 en partido de clasificación para a Eurocopa.
‘Galicia en goles’ comezará a emisión hora e media antes do inicio para ofrecer a previa máis completa. O programa contará coa participación dos adestradores José Ángel Salgado e Xosé Ramón Valtierra, que debullarán as claves tácticas e as posibilidades da selección española ante un rival que superou a fase de grupos tras un axitado empate a tres goles con Alxeria no último minuto do tempo de desconto.
A continuidade da selección española no Mundial dos Estados Unidos, México e Canadá pasa por eliminar a Austria, aínda que o camiño vai estar cheo de complicacións. De acceder aos oitavos de final, o rival sairá da eliminatoria entre as seleccións de Portugal e Croacia, coas que Luis de la Fuente coincidiu nos últimos anos nas finais da Nations League. Nos dous casos, os partidos remataron con tempo extra de prórroga e decidíronse nos penaltis, con vitoria ante os croatas e derrota fronte aos veciños lusos. De pasar a oitavos e sexa quen sexa o adversario, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal programarán a retransmisión no mesmo horario, de sete e media da tarde a doce da noite.
A Radio Galega tamén estará presente no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, onde o festival Go!Go!Zo! instalou unha pantalla xigante para seguir o España-Austria, con DJ e animación previa ao partido. Esta actividade enmárcase na programación musical e cultural que converte a este lugar no epicentro do verán de Santiago de Compostela, nun recinto que xa demostrou a súa capacidade para acoller eventos masivos e que os vindeiros días recibirá tamén O Gozo Festival, o 11 de xullo, con nomes como Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean e Rita Ora.
Ana Peleteiro e Benjamin Compaoré protagonizan unha noite de humor e complicidade no 'Land Rober non para'

Santiago, 2.7.2026.- A TVG ofrece este xoves en prime time unha nova entrega de ‘Land Rober non para’, o espazo conducido por Roberto Vilar que continúa levando ás noites da Galega unha combinación de humor, música e entretemento para todos os públicos.
Nesta ocasión, o programa recibe a visita dunha das deportistas galegas máis destacadas do panorama internacional, Ana Peleteiro. A campioa de triplo salto acudirá acompañada pola súa parella e adestrador, o tamén atleta Benjamin Compaoré, para falar da etapa que ambos comparten actualmente en Ribeira e dos novos proxectos persoais e profesionais que afrontan xuntos.
A complicidade da parella trasladarase tamén á ficción nun divertido sketch en que participarán xunto ao equipo do programa. Os dous formarán parte dunha peculiar cea en que non faltarán nin as risas nin o lumbrigante.
O espazo contará, ademais, coa presenza doutra parella moi coñecida para a audiencia galega, o creador de contido Xurxo Carreño e a presentadora de ‘Hora galega’, Rocío Durán. Ambos demostrarán o seu sentido do humor e a súa capacidade para afrontar un reto co público, amais de protagonizar unha singular voda.
AGalega.gal estrea este xoves o documental 'Camiño ao podio', que segue o día a día das promesas do deporte galego

Santiago, 01.07.2026.- AGalega.gal continuará reforzando durante o mes de xullo a súa oferta audiovisual coa incorporación das principais novidades da grella da TVG, entre elas, a estrea do novo programa ‘Domar o vento’, que xa está dispoñible.
A plataforma da CSAG tamén ampliará o seu catálogo con novos títulos de ficción e documentais, consolidando unha programación que combina entretemento, cultura e divulgación. Así, este mércores porase á disposición, ata o 15 de agosto, ‘O corno’. O multipremiado filme galego, recoñecido en numerosos festivais internacionais, traslada a acción á Illa de Arousa de 1971 para contar a historia de María, unha mariscadora que tamén exerce como parteira. Un acontecemento inesperado obrígaa a emprender unha perigosa fuxida cara a Portugal na procura da súa liberdade.
O xoves 2 de xullo, AGalega.gal estreará a serie documental ‘Camiño ao podio’, unha produción de cinco episodios que segue o día a día de dez promesas do deporte galego que se forman no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. A serie amosa o esforzo, a disciplina e os soños de cinco rapazas e cinco rapaces chamados a converterse na futura elite deportiva galega, ao tempo que ofrece unha visión do funcionamento do centro nos ámbitos deportivo, académico, residencial, sanitario e nutricional.
Coincidindo coa súa chegada á plataforma, o salón de actos do CGTD acollerá ás 12.30 horas a presentación oficial da serie coa participación de María Sabucedo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia; Suso López, director do CGTD; e Damián Varela e Manuel Darriba, produtores e directores da serie. A produción, realizada por Miramemira, foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de contidos dixitais de AGalega.gal e foi gravada ao longo do primeiro semestre de 2026 nas instalacións do centro e noutros espazos vinculados ao adestramento dos deportistas.
Cara á fin de semana, serán protagonistas na plataforma as estreas de cinema. Así, o venres incorporarase ao catálogo a película ‘Axente oculto’, dispoñible ata o 14 de xullo. Baseada na historia real de Robert Freegard, relata como un estafador consegue facerse pasar por axente do MI5 e manipular numerosas vítimas ata que unha delas logra desenmascaralo.
O sábado 4 a novidade será a película ‘Veda aberta’, protagonizada por un matrimonio que abandona París para buscar unha vida tranquila no rural e descobre que a casa dos seus soños agocha unhas condicións inesperadas que cambiarán os seus plans. Estará dispoñible ata o 27 de decembro de 2027.
E o vindeiro luns, 6 de xullo, chegará a AGalega.gal un novo capítulo de ‘O mellor tractor do mundo’, o programa que percorre Galicia para coñecer as historias das persoas candidatas a conseguir esta singular distinción, coa participación do público na elección final.
O thriller da TVG 'Punto Nemo' gaña o premio á Mellor Serie nos Galardóns La Alcazaba de Ávila

Santiago, 30.6.2026.- A serie de suspense e ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que conta co apoio da Televisión de Galicia, recibiu este luns o premio á Mellor Serie/Thriller nos XXI Galardóns La Alcazaba, en Ávila, que recoñecen cada ano o talento e a excelencia no ámbito da cultura, o audiovisual e o entretemento. O galardón foi recollido por Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones.
‘Punto Nemo’ é unha coprodución de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, realizada coa colaboración da Xunta de Galicia, a Radiotelevisão Portuguesa (RTP), a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia. A súa primeira tempada foi emitida na TVG, e a segunda xa foi rodada e chegará proximamente á canle galega.
Dirixida por Denis Rovira, ‘Punto Nemo’ é un thriller de ciencia ficción que segue unha expedición oceanográfica no Pacífico para concienciar sobre a contaminación mariña causada pola acumulación de plásticos. A serie converteuse nunha das producións máis destacadas da ficción televisiva recente e está protagonizada por Óscar Jaenada, Alba Flores e Maxi Iglesias.
Os novos capítulos, rodados entre Galicia, Portugal e as illas Canarias e dirixidos por Álex Rodrigo, retomarán a historia tras a explosión do laboratorio ruso, cun grupo de superviventes que deberá facer fronte a unha illa cada vez máis hostil, marcada pola escaseza de recursos, os experimentos soviéticos, criaturas híbridas e unha ameaza biolóxica con potencial alcance global.
A TVG bate marcas e lidera a audiencia en Galicia co 26,9% de cota, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios

Santiago, 30.06.2026.- Os datos do Estudo Xeral de Medios outorgan a TVG nesta segunda onda de 2026 o seu segundo mellor dato histórico, cun 26,9%, só por detrás do 27,1% acadado nesta mesma onda de 2025, o que reflicte a consistencia do liderado dos medios públicos galegos ao longo do tempo.
A TVG lidera de forma nítida na franxa da sobremesa (13:30-17:00), que engloba os informativos ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, cun 42,7%, chegando a picos do 54% durante a emisión do ‘Galicia noticias’. Á tarde lidera cun 25,9% e o prime time, a franxa máis competida e de maior consumo do día, é a máis vista de Galicia, cun 20,7%.
Televisión de Galicia supera en máis de dez puntos a Televisión Española (15,7%) no conxunto da semana e acada tamén o liderado entre as canles autonómicas.
A Radio Galega medra un 19,3%
A Radio Galega medra de forma exponencial un 19,35% na segunda onda do Estudo Xeral de Medios e acada os 111.000 oíntes de luns a venres. Así, cos 32.000 oíntes de Radio Galega Música, a cifra da emisora pública galega dispárase ata os 143.000 oíntes entre semana, e todo isto nun contexto de perda de oíntes da radio xeneralista.
Discrepancias con Fifty5Blue
Os datos do Estudo Xeral de Medios, elaborado e avalado pola AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación), volven poñer de relevo as discrepancias cos emitidos por Fifty5Blue (antiga Kantar Media), empresa actualmente propiedade do fondo de investimento HIG Group.
Estas discrepancias aumentaron nos dous últimos anos precisamente cando, por primeira vez na historia, a TVG se viu na obriga de executar as cláusulas de penalización do contrato de Kantar Media en 20 dos 24 meses entre 2024 e 2025 por desviacións nas medicións da canle pública galega. Eses 20 meses de desviacións coinciden coa caída, segundo Kantar Media, da audiencia en 2,5 puntos. Fifty5Blue segue no foco da polémica tras múltiples protestas de diferentes operadores e tras, por exemplo, outorgar o liderado a un programa dunha canle pública estatal incluso durante os 17 minutos que estivo sen emitir por un corte eléctrico o pasado 15 de maio.
Aumento da publicidade
A fortaleza da TVG amósase tamén nos datos de publicidade. A 31 de maio de 2026 o investimento en publicidade galega na TVG medrou un 18% con respecto ao mesmo período do ano anterior. E no apartado dixital, o investimento medrou un 321% con respecto tamén do mesmo período do ano anterior. Isto sucede nun escenario de forte contracción da publicidade a nivel nacional e europeo, o que reflicte tamén a confianza dos anunciantes na capilaridade e relevancia dos medios públicos galegos.
'Decorado', participada pola TVG, gaña o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy

Santiago, 29.06.2026.- A cinta ‘Decorado’, participada pola TVG, acaba de gañar esta fin de semana o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy, onde competiu na Sección Oficial dun dos galardóns máis prestixiosos do mundo da animación, que recoñece a singularidade artística, a innovación e a personalidade da obra.
A cinta galega goza dunha espectacular traxectoria de premios, gañando o Premio Forqué e o Premio Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Días de Cine e a Medalla CEC na mesma categoría, así como o Premio Quirino, o Premio Especial do Xurado no Festival de Cine de Animación e unha Mención Especial do Xurado no Fantastic Fest de Austin, Texas, entre moitos outros recoñecementos. A película foi nomeada á Mellor Película de Comedia nos Premios Feroz e competiu con propostas de 23 países de fala hispana e portuguesa nos Premios Platino de Cine Iberoamericano.
‘Decorado’, do director coruñés Alberto Vázquez, é unha fábula distópica, que combina humor e terror para construír unha alegoría sobre o control social e o artificio da vida contemporánea. Estreouse ademais nos cines estadounidenses o 15 de maio, distribuída por GKIDS Films, o selo estadounidense líder en cine de animación dirixido tanto ao público familiar como ao adulto.
A película está producida por Chelo Loureiro (Abano Producións), Iván Miñambres (Uniko), José María Fernández de Vega (The Glow) e Nuno Beato (Sardinha em Lata). O proxecto conta co apoio de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.
A G2 amplía as súas franxas infantís, desde este luns, durante todo o verán

Santiago, 21.6.2026.- Coas vacacións escolares, a G2 e a plataforma infantil Xabarin.gal seguen sumando estreas e contidos para o público máis novo. A partir deste luns 22 de xuño e ata setembro, a segunda canle da Galega amplía ata as tres horas diarias a súa oferta para a rapazada con novas series e programas. Esta nova franxa infantil de mañá estenderase entre as 9:30 e as 11:00 h e estreará títulos como ‘As tartarugas ninja’ e ‘Inventa que inventa’, espazo de produción propia da canle. Ademais, na banda de 7:00 a 8:30 h incorporarase ‘A patrulla canina’ e a serie irlandesa ‘O mundo de Alva’, nunha oferta que combina diversión, aprendizaxe e entretemento para diferentes idades.
Ciencia, seguridade dixital e alfabetización mediática
Entre as estreas destaca o espazo de produción propia ‘Inventa que inventa’, en que o robot iMigui vai achegar a ciencia, a creatividade, o pensamento crítico e a experimentación ao público infantil. A través dos inventos ideados por nenos e nenas, o programa convida a observar e aprender dun xeito divertido. Súmase tamén a serie ‘O mundo de Alva’, que achega aos máis pequenos ferramentas para desenvolverse con seguridade no ámbito dixital, mediante historias ambientadas nun mundo fantástico inspirado en Internet e nas redes sociais. Creada polo galardoado estudio de animación Kavaleer Productions, e todo un éxito desde a súa estrea en 2021, a serie aborda cuestións vinculadas á alfabetización mediática e dixital, axuda a identificar riscos, e promove o pensamento crítico e o uso responsable da tecnoloxía.
Os famosos cachorros de ‘A patrulla canina’, a serie ‘Aventureira Carly’, que fomenta a curiosidade, o espírito explorador e a superación persoal ou o popular título ‘As tartarugas ninja’, chegan tamén á canle, e poden seguirse na app e plataforma Xabarin.gal.
A programación de verán manterá, ademais, algúns dos títulos favoritos da audiencia infantil, como as aventuras da superheroína adolescente ‘Ladybug’ e do afamado ourizo azul ‘Sonic Boom’. Para os que prefiran os contidos baixo demanda, Xabarin.gal continuará ampliando o seu catálogo durante todo o verán coa incorporación de novos títulos cada venres. A plataforma infantil da Galega, que xa suma 4.046 contidos dispoñibles, consolídase así como o gran espazo dixital de referencia para o público infantil e familiar, cunha ampla oferta estable de series, programas e propostas de entretemento accesibles en calquera momento.
Os documentais e a diversidade protagonizan as novas estreas de AGalega.gal

Santiago, 19.6.2026.- AGalega.gal continúa ampliando o seu catálogo cunha nova selección de estreas que inclúe ficción, documentais e programas de entretemento. Coincidindo coa celebración da Semana do Orgullo 2026, a plataforma incorpora tamén novos contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Estas novidades súmanse á cobertura dos grandes eventos semanais da grella da TVG, como o especial de San Xoán, a Romaría do Corpiño ou as retransmisións deportivas que a plataforma ofrece en directo.
Entre as incorporacións destacadas figura a estrea de dous documentais. O mércores 24 chegará ‘O país dos cen mil hórreos’, unha viaxe pola historia, a evolución e a diversidade destas construcións tradicionais, símbolo do patrimonio cultural galego.
Uns días despois, o venres 26, estrearase ‘Dereito a amar’, unha achega íntima á realidade das persoas maiores LGTBIQ+, centrada nas súas experiencias de vida, identidade, envellecemento e pertenza. Este documental estará dispoñible durante 21 días. A plataforma incorporará tamén o luns 22 ‘Todas as cores do amor’, unha nova sección dedicada a contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero.
O martes 23 estarán dispoñibles novos capítulos de ‘Lambóns de viaxe’, o videopodcast presentado por Carlos García Verdugo, que propón descubrir destinos e experiencias sen saír da casa. Ademais, o luns 29 estrearase unha nova temporada de ‘O mellor tractor do mundo’, o formato dixital que percorre Galicia para coñecer as historias, habilidades e tractores das persoas candidatas a esta singular distinción, coa participación do público na elección final e un novo episodio cada luns.
As novidades complétanse con novos capítulos de ‘Padre Casares’, dispoñibles desde o xoves 18. A popular serie segue as peripecias dun novo cura destinado a unha vila costeira, onde terá que convivir e confrontar as súas diferenzas co alcalde local, un declarado ateo e marxista.
No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrecerá varias estreas ao longo dos próximos días. O venres 19 chegará ‘A morte chega a Venecia’, dispoñible durante 30 días, unha intriga arredor da investigación dunha viúva que, tras a morte do seu marido nun canal veneciano, descobre unha trama relacionada coa falsificación e o roubo dunha obra de Botticelli. O sábado 20 incorporarase ‘A cea perfecta’, tamén dispoñible durante 30 días, a historia de dúas persoas cuxas vidas están relacionadas co mundo da alta gastronomía. Finalmente, o xoves 25 estrearase ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, que relata o inesperado vínculo que xorde entre unha nai solteira e un home casado que inicialmente buscan unha relación sen compromiso sentimental.
O equipo da nova serie da TVG, 'Pensión incompleta' na gala do Festival Internacional Ría de Vigo

Santiago, 12.06.2026.- O equipo de actores e actrices da nova produción da Televisión de Galicia ‘Pensión incompleta’ acudíu este venres en Vigo ao Festival Internacional de Series Ría de Vigo, punto de encontro clave do sector audiovisual, creadores, intérpretes e público afeccionado ás series. A proxección do tráiler da serie, a primeira que se grava nas catro linguas oficiais –galego, castelán, éuscaro e catalán- tivo lugar na gala de clausura do certamen, no que tamén se preestreou a comedia ‘Millonarios’ que chegará á grella da TVG o vindeiro outono.
'Pensión incompleta’ é unha comedia con aires de thriller en que un grupo de viaxeiros do Imserso procedentes de distintas rexións de España se ve envolto nunha trama de roubos de obras de arte. Coproducida por TVG, EiTB e 3Cat, é a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado -galego, éuscaro, catalán e castelán-. Voz Audiovisual produce esta road movie pensada para ser gozada en versión orixinal que pasa por todas as comunidades e na que mandan os maiores de 60.
Como media partner do certame, a Televisión de Galicia tamén adiantou na gala de clausura do festival, o primeiro capítulo da comedia ‘Millonarios’ unha das grandes apostas de ficción da TVG para a vindeira temporada. Protagonizada por Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias, a serie narra as aventuras de Telmo e Luísa, unha parella que ve como a súa vida dá un xiro radical tras gañar o Euromillón. Haberá tamén espazo para o coloquio sobre esta comedia que constrúe unha divertida mirada sobre o contraste entre os códigos de luxo e o sentido común máis galego, seguindo as peripecias dos protagonistas na súa nova realidade.
O Xabarín da TVG anima os 120 equipos de toda Galicia que participaron no Torneo de Fútbol Base de Boiro

Santiago, 14.06.2026- A Televisión de Galicia tivo na súa mascota Xabarín o seu perfecto embaixador no “Torneo de Fútbol Base Abanqueiro S.D. - Trofeo Concello de Boiro”, competición en que participaron 120 equipos de toda Galicia e que congregou nos Campos de Vista Alegre máis de 5.000 persoas ao longo das dúas últimas fins de semana.
O torneo, que xa vai pola súa 17ª edición e que se converteu no gran referente do fútbol base galego, contou con finais para todas as categorías infantís de entre 5 e 11 anos: biberón, prebenxamín, benxamín e alevín, sendo a gran novidade deste ano a estrea da final alevín feminina.
O Xabarín foi protagonista nas dúas fins de semana de competición, pero especialmente na última xornada, disputada o domingo 14 de xuño, e na que a mascota da Galega lle entregou un carné xigante de Socio de Honra do Club Xabarín á Escola de Fútbol Municipal de Boiro, organizadora do torneo.
Ao longo das 4 xornadas de competición, a megafonía dos Campos de Vista Alegre non cesou de repetir a mítica frase “Hai alguén aí?... Non vos oio!”, coa que o Xabarín animou as máis de 5.000 persoas que pasaron por Boiro. Ademais, os 120 equipos participantes non dubidaron en gravar o momento posando para as súas fotos oficiais do torneo diante dun photocall en que a mascota da Galega convidaba a todos a formar parte da súa plataforma dixital Xabarín.gal
TVG, líder en Galicia en informativos e entretemento con 'Galicia Noticias' e 'Land Rober + Show'

Santiago, 11.06.2026.- O informativo ‘Galicia Noticias’ da TVG foi o espazo de televisión máis visto deste mércores en Galicia, cunha cota de pantalla do 25,4 % e picos por riba do 28 %.
Ademais, ‘Land Rober + Show’ liderou un día máis entre os espazos de entretemento do día, cunha cota do 12,7 %.
Os dous programas da Televisión de Galicia foron os máis vistos do día na comunidade, o que reforza a resposta da audiencia ás propostas da canle galega, tanto no eido informativo coma no de entretemento.
‘Land Rober +Show’ contou este mércores cunha audiencia media de 98.000 telespectadores por minuto, e acadou 190.000 contactos de espectadores maiores de 4 anos.
TVG e o Cluster do Audiovisual traen o Celtic Media Festival 2027 a Galicia

Santiago, 05.06.2026.- Galicia acollerá o Celtic Media Festival 2027, na cidade da Coruña do 1 ao 3 de xuño. O labor conxunto da TVG e o Clúster do Audiovisual Galego fixo posible que a 48ª edición do prestixioso certame, o principal encontro internacional dedicado á promoción das linguas, culturas e industrias audiovisuais das nacións celtas, vaia ter lugar en Galicia.
O Celtic Media Festival reúne anualmente a profesionais, produtores, directivos de medios e responsables de contidos dos territorios celtas de Europa e recoñece os seus mellores traballos en televisión, radio, cinema e novos medios. O programa do evento combina conferencias, actividades profesionais, sesións de networking, foros de coprodución e a entrega dos prestixiosos Torc Awards for Excellence, considerados entre os galardóns máis relevantes do sector audiovisual e radiofónico. Nesta contorna, as producións galegas compiten con operadores e plataformas de referencia como a BBC, RTÉ, TG4, S4C, MG ALBA ou France 3 Bretagne. Na edición deste ano, rematada o xoves en Belfast (Irlanda do Norte), a longametraxe da TVG ‘+ Cuñados’, alzouse co premio Celtic Media na categoría de Comedia.
O festival percorreu territorios como Escocia, Irlanda, Gales, Bretaña, Cornualles ou a Illa de Man, consolidándose como unha referencia internacional para a creación audiovisual en linguas minorizadas e para a promoción da diversidade cultural.
Entretemento, compañía e música galega para o verán da Televisión de Galicia

Santiago, 31.5.2026.- Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño cunha renovada aposta polo entretemento e a proximidade. A grella de verán da canle incorpora desde este luns novos formatos pensados para acompañar, emocionar e sorprender a audiencia galega.
As tardes terán un novo punto de encontro con ‘En compañía de Loli’, un espazo diario que chegará ás sobremesas da TVG de luns a venres ás 15:45 horas cunha proposta próxima, cálida e chea de historias compartidas. Programa de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha, ‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público e chega á TVG nun formato moi pegado á realidade galega e conducido por Loli Gómez e Marcial Mouzo. Eles darán especial protagonismo no estudio a persoas que viven situacións de illamento ou queren ter a posibilidade de coñecer xente nova, iniciar novas relacións e compartir as súas vivencias.
A música e a tradición serán protagonistas en ‘Palmira Lará’, un percorrido por toda Galicia para descubrir o enorme patrimonio musical do país da man das súas voces e sons e tradicións. Emitirase os luns á noite despois de ‘Land Rober + Show’. Os espectadores acompañarán a Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile tradicional e divulgadores da nosa cultura, na recollida e recompilación das cancións, bailes e historias, transmitidas de xeración en xeración.
E os martes á noite chega ‘Casa de cor’, un formato dinámico de decoración e organización presentado por Dani Polo. Xunto aos expertos Ana Barja e Eduardo Figueiredo, o programa afrontará en cada entrega o reto de transformar en só 48 horas dúas estancias reais de fogares galegos, con solucións creativas e cun orzamento pechado.
Chega ás tardes da Galega 'En compañía de Loli': emoción, compañía e novas ilusións desde este luns na TVG

Santiago, 31.5.2026.- Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño coa estrea de ‘En compañía de Loli’, programa diario para a sobremesa (15:50 h) presentado por Loli Gómez e Marcial Mouzo. O espazo, un formato de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha que se adapta agora á Galega, chega a TVG para acompañar, escoitar e axudar as persoas que sofren unha soidade non desexada.
‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público nun formato próximo e sensible, moi pegado á realidade galega, en que terán especial protagonismo as persoas que viven situacións de illamento ou a falta de vínculos sociais. Cada tarde, de luns a venres e durante dúas horas de programa en directo, os espectadores coñecerán as historias de vida de dúas persoas, home e muller, que compartirán as súas experiencias e se abrirán á posibilidade de iniciar novas relacións.
Os presentadores son dúas caras ben coñecidas e queridas da canle, a xornalista Loli Gómez e Marcial Mouzo, ata hai pouco presentador do ‘Quen anda aí’ da TVG e do histórico espazo da Radio Galega ‘Pensando en ti’. Eles escoitarán os convidados e axudaranlles para evitar decisións precipitadas. Todo listo no plató para a gran estrea do luns e co teléfono 881 365 999 dispoñible para quen queira participar, contar a súa historia ou axudar a alguén que se sinta só.
AGalega.gal retransmite este mércores, en directo, a gala dos XIII Premios Martín Codax da Música

Santiago, 25.05.2026.- AGalega.gal continúa esta semana reforzando a súa oferta audiovisual, coa incorporación das principais novidades da grella da TVG e dunha selección de contidos destacados para todos os públicos. Entre eles sobresae a retransmisión en directo dos Premios Martín Codax da Música, unha das grandes celebracións anuais da cultura galega contemporánea, xunto coa estrea do documental galego ‘Aurora’, así como a incorporación de dous filmes internacionais.
A plataforma ofrecerá o mércores 27, a partir das 20:30 horas, a décimo terceira gala dos Premios Martín Codax da Música, organizada por Músicas ao Vivo para recoñecer e visibilizar o talento musical galego en estilos e formatos moi diversos. Desde o Pazo da Cultura de Pontevedra, a cerimonia terá como temática ás supersticións e estará dirixida pola actriz Tero Rodríguez. Estes galardóns, que distinguen cada ano artistas, proxectos e iniciativas que contribúen á creación e difusión da música galega, rexistraron nesta convocatoria preto de 450 inscricións nas 15 categorías oficiais. O Premio de Honra outorgarase nesta edición á banda Los Suaves. A retransmisión poderá seguirse en directo en AGalega.gal e quedará posteriormente dispoñible na plataforma.
Entre as novidades da semana destaca tamén a estrea, o xoves 28, da longametraxe documental ‘Aurora’, unha produción galega centrada na relación entre Aurora e Area, dúas mulleres de xeracións e realidades moi diferentes, pero unidas por unha conexión profunda arredor de temas como a memoria, da familia, da guerra, da morte e do papel da muller.
No apartado cinematográfico, AGalega.gal incorporará o venres 29 o thriller ‘O cliente’, a historia dun neno que se converte en testemuña involuntaria dun suicidio relacionado coa mafia e que acaba atrapado entre as presións dun fiscal federal e as ameazas derivadas dos segredos que coñece. Para intentar salvar a súa vida, recorrerá á axuda dunha avogada. O filme estará dispoñible durante sete días.
A programación completarase o sábado 30 coa chegada de ‘Esperanza’, un melodrama ambientado no Nadal que retrata a crise emocional dunha parella de artistas tras recibir ela un diagnóstico terminal. A historia aborda o amor, a convivencia e a fraxilidade da vida nun momento límite. Este título permanecerá dispoñible durante 30 días.
Ademais destes contidos destacados, AGalega.gal seguirá incorporando ao longo da semana todas as estreas e programas máis relevantes da programación da TVG, entre eles, a tradicional Romaría da Franqueira, que estará dispoñible desde mañá martes 26.
USC, CSAG e FORTA impulsan a reflexión sobre o futuro dos profesionais do xornalismo na próxima década

Santiago, 20.05.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) unen forzas para celebrar unha xornada de reflexión prospectiva centrada nunha pregunta clave: como será o profesional sénior dos medios en 2035?
Responsables de Innovación e Transformación das doce canles de televisión que forman a FORTA, docentes universitarios e especialistas do sector debaterán nesta xornada, na que se escoitará tamén a voz dos profesionais júnior e estudantes en prácticas, a xeración que exercerá como sénior en 2035. Deste xeito combinarase a visión institucional e estratéxica desde o interior dos medios coa perspectiva dos formadores e dos profesionais más novos. A Facultade de CC da Comunicación de Santiago acollerá o encontro, aberto e gratuíto, no que xa é posible inscribirse.
O contexto: unha transformación sen precedentes nos medios
A irrupción da intelixencia artificial nos procesos produtivos e informativos, a presión das plataformas globais sobre os medios de proximidade e a necesidade de reformular o papel do profesional con experiencia en organizacións que deben reinventarse sen perder a súa misión de servizo público.
Este é o contexto en que se convoca a xornada, que se celebrará en catro paneis de debate para construír o mapa de competencias do futuro.
• O primeiro pregúntase polo perfil do comunicador sénior en 2035: a súa formación, os seus límites e a hibridación entre o técnico e o xornalístico xa en marcha.
• O segundo porá sobre a mesa as competencias que a automatización consolida e as que vai erosionando, e a forma en que se transmite o oficio cando as referencias cambian máis rápido que os plans de estudo.
• Despois vén a pregunta máis incómoda: ata onde pode substituír a IA o criterio editorial humano, e que papel queda reservado á experiencia sénior?
• E finalmente, o cuarto, preguntarase pola retención do talento: teñen os medios públicos capacidade real de competir polo mellor perfil no horizonte de 2035?
Tripla alianza institucional para afrontar o futuro do xornalismo público
A xornada coincide coa celebración en Santiago da xuntanza da Comisión de Transformación e Innovación de FORTA, coordinada este primeiro semestre de 2026 pola CSAG. Esta colaboración entre a Corporación, a USC e FORTA establece un novo paso na vía de investigación permanente coa USC e alimentará un paper avalado pola USC e FORTA que pretende achegar unha aproximación ao perfil profesional sénior dos medios públicos no 2035.
A estrea da miniserie ‘Maxine’, o filme ‘+Cuñados’ e o concerto de SonDeSeu, entre as propostas desta semana en AGalega.gal

Santiago, 18.5.2026.- A plataforma AGalega.gal incorpora esta semana estreas en que conviven o suspense, o humor galego e a música tradicional do país. Entre as propostas novas sobresae o martes ‘Maxine’, unha miniserie británica de tres capítulos baseada nun caso real que afonda nun dos episodios máis mediáticos e estarrecedores da crónica negra do Reino Unido.
A produción, dispoñible en versión orixinal subtitulada en galego, céntrase na investigación arredor de Maxine Carr e da súa relación con Ian Huntley, condenado polos asasinatos das nenas Holly Wells e Jessica Chapman. Cun ton de thriller e unha forte carga psicolóxica, a serie analiza tamén o impacto social e mediático dun caso que conmocionou o país.
A semana deixa tamén espazo para o humor coa chegada o luns de '+Cuñados’, a continuación da comedia galega de éxito protagonizada polos peculiares cuñados que, dous anos despois do seu golpe de sorte, seguen intentando branquear medio millón de euros a través dun negocio de polbo. O regreso dunha banda portuguesa en pleno Entroido acabará desencadeando unha nova sucesión de situacións absurdas, persecucións e problemas que rematan cun cadáver na ponte internacional de Tui.
Outro dos pratos fortes chegará o venres co concerto SonDeSeu XXV aniversario, un espectáculo especial co que a orquestra folk de Galicia celebra os seus 25 anos de traxectoria, acompañada de artistas de referencia da música galega, como Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní. A cita reivindica a música tradicional galega e a súa proxección internacional nun concerto homenaxe á historia e evolución da formación.
Completa a oferta semanal o filme ‘Case imposible’, unha comedia romántica en que Charlotte Field, secretaria de Estado dos Estados Unidos, e Fred Flarsky, un xornalista que acaba incorporándose á súa campaña presidencial polo seu peculiar sentido do humor. O filme estará dispoñible desde este xoves e durante sete días na plataforma.
Ademais destas estreas, AGalega.gal continuará incorporando ao longo da semana novos contidos e programas da grella da TVG, consolidando unha oferta audiovisual diversa, accesible e en constante actualización.