div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG emitirá este venres, desde a Cidade Deportiva Afouteza, o amigable de pretemporada entre o Celta e o Gil Vicente

O partido entre o Ourense C. F. e o Rácing de Ferrol poderase ver o sábado en directo a través da G2

A Liga Euskotren e Eusko Label seguen esta fin de semana o seu transcurso coas Bandeiras de Getxo e de Lekeitio, que tamén ofrecerán en directo os medios públicos galegos

crtvg.gal 26/07/2024 12:00

Santiago, 26.07.2024.-   A CRTVG volverá entregarse unha semana máis ao deporte galego, destacando este venres a retransmisión en directo desde Mos, a través da G2 e da plataforma AGalega.gal, do partido amigable de pretemporada entre o R. C. Celta de Vigo e o Gil Vicente F. C. O equipo da Primeira División da Liga Portuguesa, que quedou en duodécima posición na temporada 2023/2024 tras sumar 36 puntos, chega ao encontro con tres vitorias e un empate na fase de preparación da liga. Por outro lado, o equipo galego abordará o enfrontamento despois de empatar 2-2 co Benfica, gañar 4-0 ao Vizela e remontarlle un 0-1 ao Spórting de Xixón. O partido, que terá lugar na Cidade Deportiva Afouteza, dará comezo ás 18:00 h.

O sábado 27, a G2 e AGalega.gal trasládanse a Euskadi para a retransmisión da Bandeira de Getxo, no marco das ligas Euskotren e Eusko Label de traiñeiras. A edición feminina, que comezará ás 17:25 h, celebra 16 con Orio Orialki como vixentes campioas. Polo outro lado, a edición número 46 da proba masculina, que comezará ás 18:20 h, conta con grande alternancia de equipos vencedores.

Tamén o sábado, a partir das 20:00 h, os espectadores poderán seguir en directo o enfrontamento amigable entre o Ourense C. F. e o Rácing de Ferrol no Couto. O equipo auriense ascendeu a Primera RFEF de maneira directa tras sumar 73 puntos e comezou a pretemporada enfrontándose a outro equipo recentemente ascendido, o Real Club Deportivo da Coruña, co que perdeu 0-4. O equipo ferrolán, que logrou ilusionar unha cidade enteira tralo seu competitivo primeiro ano na Liga Hypermotion, leva nesta pretemporada unha vitoria contra o Galicia Mugardos e un empate contra o Bergantiños.

O domingo volverá ser un día completo e emocionante para o deporte galego, comezando pola emisión ás 11:25 h da Bandeira de Lekeitio, da Liga Euskotren e Liga Eusko Label de traiñeiras. Donostia Arraun Lagunak, campioas da anterior edición femenina de Lekeitio, lideran a clasificación temporal tras celebrarse a metade das bandeiras da competición. A edición número XXXIX da competición masculina (12:20 h) estará protagonizada polo intento de Bermeo Urdaibai de superar o tempo logrado en 2023.

A partir das 12:00 h, AGalega.gal viaxará ata Pontevedra para a retransmisión da Bandeira de Tirán, no marco da Liga Galega de Traiñeiras. A última edición da proba masculina foi liderada polos boirenses C. R. Cabo da Cruz.

A fin de semana deportiva rematará coa retransmisión a través da G2 e de AGalega.gal do GP de Bélxica de MXGP. A primeira manga da competición comezará ás 14:00 h e continuará a apaixonante batalla a tres bandas polo título entre o lugués Jorge Prado, que non foi capaz de recortar máis distancias en República Checa, o esloveno Tim Gajser e o neerlandés Jeffrey Herlings. A segunda manga comezará ás 17:00 h.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade