div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A curtametraxe 'Nena' e a microserie 'A arte de ser mal pai', estreas destacadas esta semana en Agalega.gal

A produción de X. A. Touriñán e Jairo Iglesias, que narra a vida dunha familia que cambalea tras a morte dunha muller, estará dispoñible na plataforma a partir do xoves
O venres chegará á canle dixital da CRTVG a multipremiada ficción dirixida por Jorge Boquete, que achega os tres últimos días xuntos dun pai e unha filla antes de que ela marche vivir a Londres

crtvg.gal 28/01/2025 10:00

Santiago, 28.01.2025.-    A partir deste xoves estará dispoñible para os usuarios de AGalega.gal a curtametraxe ‘Nena’, un proxecto dos directores X. A. Touriñán e Jairo Iglesias, estreada en 2023. Xunto cun reparto excepcional con actores coma Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Xosé A. Touriñán, a curtametraxe narra a vida dunha familia de cinco membros que cambalea tras a morte dunha muller. A situación racha o núcleo familiar e carga ás costas dunha nena de doce anos a supervivencia dun avó máis preocupado polos cartos ca por ela, dun tío con corazón de neno e dun pai desfeito polo loito. 

Por outra parte, o venres 31 de xaneiro estréase na plataforma dixital da CRTVG a multipremiada microserie ‘A arte de ser mal pai’, de Jorge Boquete. César, o protagonista,  é un pai separado, sen traballo e sen máis aspiración que ver a súa filla Clara cando lle toca. A súa exmuller acepta un traballo en Londres que o obrigará a separarse da súa filla. César enfróntase aos tres últimos días que pasará con ela en moito tempo. Tres días de sentimentos contraditorios, emocións contidas e descubrimento persoal, en que pai e filla conectarán como nunca antes fixeron. Esta serie dixital percorreu festivais de todo o mundo e obtivo galardóns de prestixio no Serializados Fest e no Carballo Interplay, dous dos certames máis recoñecidos dentro da industria.

Entre as novidades desta semana en AGalega.gal están tamén a serie documental ‘Candorcas: xogos perigosos’, que se estrea este martes e analiza o cambio de comportamento das candorcas no Atlántico e a súa interacción cos veleiros no eixe entre Fisterra e Xibraltar, e o programa ‘Dando a nota’, que pretende visibilizar a historia das diversas agrupacións musicais xuvenís en Galicia e que se incorpora ao catálogo da plataforma o mércores. 

Ademais, desde este luns está dispoñible un novo capítulo do reality máis atrevido da plataforma da CRTVG, ‘Salvaxe’. Os concursantes enfrontaranse nesta novena entrega a novos retos e decisións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade