AGalega.gal estrea este martes 'E logo, quen foi?', unha microserie de intriga sobre ciberseguridade - CRTVG
AGalega.gal estrea este martes 'E logo, quen foi?', unha microserie de intriga sobre ciberseguridade
Os usuarios da plataforma dixital da CRTVG disporán, en exclusiva, de todos os capítulos desde o seu debut
Esta semana lanza tamén a curtametraxe ‘As vacas de Wisconsin’ (xoves 23) e novas entregas de ‘Salvaxe’ e ‘Historias de aquí’, entre outros contidos
Santiago, 20.1.2025.- Esta semana destaca a estrea en AGalega.gal da microserie dixital ‘E logo, quen foi?’. O martes (21 xaneiro), os usuarios poderán gozar desta intrigante produción, de sete capítulos, todos dispoñibles desde a súa estrea. A axente Rodríguez, experta en ciberseguridade, e o seu compañeiro Montenegro investigan un sofisticado roubo de 2 millóns de euros, a través dun correo malicioso que recibiu o contable dunha empresa.
A plataforma dixital da CRTVG trae, amais, propostas variadas que combinan entretemento e cultura, como é a estrea da entrañable curtametraxe ‘As vacas de Wisconsin’ (xoves, 23), en que unha avoa galega comeza unha aventura na busca de música clásica para que a súa vaca dea leite, tras escoitar unha noticia ao respecto da Universidade de Wisconsin.
Desde este luns (20 xaneiro) está dispoñible a oitava entrega de ‘Salvaxe’, contido exclusivo de AGalega.gal, en que os once concursantes deben soportar o frío para superar os retos do reality. Os aspirantes compiten, nesta ocasión, no curro da serra do Forgoselo (A Capela).
Cómpre salientar tamén o lanzamento en AGalega.gal dunha nova edición de ‘Historias de aquí’ (venres, 24), ‘As mil movidas de Vigo’, que se achegará ao Vigo dos anos 80, entre as propostas do naval e o nacemento dunha transformación cultural, a través da música e outras expresións artísticas.
Outras producións das que se poderán gozar esta semana son a longametraxe ‘Testemuña accidental’ (sábado, 25) e o programa ‘Lévame, lévame’ (mércores, 22), ambas as dúas dispoñibles na plataforma dixital despois da súa emisión na TVG a noite anterior.