As curtas escolares de animación do certame 'Nós tamén creamos!', xa dispoñibles na plataforma Xabarin.gal - CRTVG
As curtas escolares de animación do certame 'Nós tamén creamos!', xa dispoñibles na plataforma Xabarin.gal
Alumnos de educación infantil e primaria de sete centros recolleron este venres en Santiago os seus galardóns nun acto celebrado no CGAC
O concurso de curtas de animación en galego, elaboradas coa técnica de stop-motion, leva doce anos fomentando a creatividade en lingua galega
Santiago, 08.11.2024.- Alumnos de educación infantil e primaria de sete centros escolares galegos recolleron este venres os seus premios como gañadores do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos! 2024’, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e OQO editora. Todas as curtas premiadas e as do resto dos 24 centros participantes están realizados coa técnica stop-motion e están xa dispoñibles na plataforma infantil da CRTVG, Xabarin.gal.
O primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de educación Infantil foi para o proxecto Caracola, da EEI do Vao (Pontevedra) e déuselle un accésit a Quen levou o pemento de Padrón das EEI de Escravitude, de Pontecesures. O premio para 1º e 2º de educación primaria foi parar ao audiovisual Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares, de Nigrán (Pontevedra), mentres que a distinción en 3º e 4º de educación primaria recaeu en Quen levou a Lúa?, do colexio CEIP A Igrexa-Calo, de Teo (A Coruña). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Chocolata, do CEIP Plurillingüe Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras (Ourense).
Finalmente, na categoría de 5º e 6ª de primaria, o primeiro galardón foi para o traballo O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra). A maiores, distinguiuse cun accésit á curtametraxe A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña).
No acto participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero; e a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández Sánchez.
Xabarin.gal ofrece preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís en galego
AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app.
Dentro de Xabarin.gal atópanse preto de 3.500 contidos infantís e xuvenís, en galego, tanto de ficción como de animación, e entre os traballos desta 12ª convocatoria de curtas de animación 'Nós tamén creamos!'.