div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

As Palmas-Celta, partido da xornada no 'Galicia en Goles' deste sábado

O Deportivo-Málaga protagonizará a edición dominical do espazo deportivo da Radio Galega

crtvg.gal 03/10/2024 17:00

Santiago, 03.10.2024.-    ‘Galicia en Goles’ comeza este venres a sesión de retransmisións da fin de semana na programación da Radio Galega. A partir 20:30 h, Paco Santos conduce a primeira edición, en que terá presenza o balonmán, coa estrea do Porriño ante o Brixen Südtirol de Italia na ida dos trinta e dousavos de final da European Cup.

O sábado, o programa adianta o comezo ás 13:45 h para retransmitir o partido da Segunda División de fútbol entre o Rácing de Ferrol e o Elxe. As dúas últimas derrotas deixan o equipo departamental na zona de descenso, a catro puntos da salvación, e por riba o rival acaba de golear o Málaga na Rosaleda. Logo chegará a ampla despregadura no estadio Gran Canaria, onde o Celta visita o colista da Primeira División, a Unión Deportiva As Palmas. O equipo de Claudio Giráldez buscará os primeiros puntos do curso fora de Balaídos ante un rival que aínda non foi quen de gañar tras oito xornadas desenvolvidas.

As ligas da Federación tamén terán cobertura co seguimento do Barakaldo-Arenteiro, Ponferradina-Celta Fortuna, Ourense C. F.-Unionistas, Fabril-Langreo e Laredo-Coruxo. O derbi da Terceira RFEF entre o Barbadás e a Unión Deportiva Ourense, xunto á Supercopa de hóckey a patíns e as competicións de baloncesto, completan a tarde deportiva.

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h co segundo encontro da European Cup de balonmán entre o Porriño e o Brixen Südtirol de Italia. A partir das 14:00 h, o fútbol tomará o mando co Deportivo da Coruña-Málaga desde Riazor, nunha nova entrega da Segunda División profesional. A partir das 16:00 h, o Lugo-Tarragona de Primeira RFEF e as citas da Segunda RFEF Compostela-Escobedo, Pontevedra-Marino e Salamanca-Bergantiños disporán de cobertura informativa. No polideportivo destaca o Cangas-Villa de Aranda da Liga Asobal de balonmán. Cando remate a xornada, ás 22:00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta no último treito do ‘Galicia en Goles’, que reserva a última hora para falar cos protagonistas da fin de semana na Terceira RFEF.

Baloncesto en AGalegaAudio.gal

O sábado, desde as 18:00 h, os afeccionados do Breogán poderán escoitar de xeito íntegro o partido da segunda xornada da Liga ACB de baloncesto ante o Tenerife, desde o Pazo de Lugo. Mentres, o domingo, ás 13:00 h, será a quenda do Básquet Coruña, que, tras derrotar o Real Madrid no Coliseum, afronta a primeira viaxe do curso visitando o Gran Canaria. As dúas emisións chegarán a través da plataforma AGalegaAudio.gal.

Audios na televisión

Esta xornada, as narracións da Radio Galega estarán dispoñibles nas opcións de audio dos distintos operadores televisivos con dereitos das competicións de fútbol e baloncesto. Os oíntes do ‘Galicia en Goles’ que queiran combinar o son radiofónico coa imaxe televisiva poderán facelo nestes catro partidos: As Palmas-Celta, Rácing de Ferrol-Elche, Deportivo-Málaga e Breogán-Tenerife.

#GaliciaEnXogo

Este sábado, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará en antena no treito final do ‘Galicia en Goles’. A partir das 23:30 h, Toni López actualizará a información dos deportistas galegos que poñen xa como próximo obxectivo o ciclo olímpico dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade