O Breogán-Tenerife abre este xoves as retransmisións da Radio Galega, que rematan o luns co Deportivo-Éibar - CRTVG
O Breogán-Tenerife abre este xoves as retransmisións da Radio Galega, que rematan o luns co Deportivo-Éibar
O domingo sesión continua co Betis-Celta e o Rácing de Ferrol-Rácing de Santander
Santiago, 07.11.2024.- Cinco días vai durar a semana deportiva da Radio Galega. Este xoves, o baloncesto é o protagonista desde o Pazo de Lugo, onde o Breogán e o Tenerife teñen que completar o partido suspendido no comezo do segundo cuarto pola humidade existente na pista de xogo. A partir das oito e media do serán, Paco Santos, Alfonso Pardo e Carlos Cotovad encargaranse da narración. Ao remate comezará a edición nocturna de ‘Ao Contraataque’, coas entrevistas aos principais protagonistas.
O venres, Roberto Carlos Carballo conducirá ‘Galicia en goles’ e analizará desde as oito e media do serán o calendario deportivo da fin de semana, ademais de atender o Castelló-Ourense, correspondente á Primeira Federación de baloncesto. O programa tamén estará na gala do deporte de Vigo, coa homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos que competiron o pasado verán nos Xogos de París.
O sábado, a partir das dúas e media, Xoán Galán conducirá máis de nove horas de emisión, con atención especial aos derbis das categorías da Federación de fútbol: Celta Fortuna-Ourense C. F. e Bergantiños-Compostela. Outro dos puntos de directo será o pavillón do Sar, onde o Obradoiro recibe o Tizona Burgos na Primeira Federación de baloncesto.
Xa o domingo, o equipo deportivo da Radio Galega estará en antena de xeito ininterrumpido de doce menos cuarto do mediodía ata as doce da noite. A sesión matinal centrará os esforzos no Deportivo-Real Sociedade, da Primeira feminina, e no Arenteiro-Amorebieta, da Primeira RFEF. Desde as dúas, o estadio Benito Villamarín será o punto principal co Betis-Celta, da Primeira División, e a continuación principiará na Malata o encontro de Segunda entre o Rácing de Ferrol e o Rácing de Santander. O Barcelona B-Lugo e o derbi Coruxo-Pontevedra completan a oferta futbolística do domingo. A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para analizar os resultados dos nosos equipos.
Por último, o luns o ‘Galicia en goles’ pechará a xornada co Deportivo da Coruña-Éibar, da Segunda División, desde o estadio de Riazor. O programa comezará ás oito do serán, coa previa máis completa, e a partir das dez e media da noite Pedro Pablo Alonso no ‘Ao Contraataque’ recollerá as declaracións dos adestradores e entrevistará na zona mixta aos futbolistas máis destacados.
#GaliciaEnXogo
O sábado, ás once da noite, o ‘Galicia en goles’ reserva a última hora de emisión para o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. A primeira media hora estará enfocada cara ao mundo do motor e, ás once e media, a atención estará centrada na actividade dos atletas galegos que soñan con alcanzar a participación nos Xogos Olímpicos do 2028.
Baloncesto en AgalegaAudio.Gal
O domingo, a plataforma AgalegaAudio.Gal retransmitirá os dous partidos da Liga ACB de baloncesto con presenza galega. A partir das cinco menos cinco da tarde, o Coliseum da Coruña acollerá o Basquet Coruña-Tenerife e ás seis e media da tarde incorporarase o Breogán-F. C. Barcelona, desde o Pazo de Lugo.
Audios dos partidos galegos nas televisións
Esta xornada as narracións da Radio Galega aparecerán nas opcións de audio das televisións con dereitos nos seguintes partidos: Breogán-Tenerife, Betis-Celta, Rácing de Ferrol-Rácing de Santander, Basquet Coruña-Tenerife e Breogán-F. C. Barcelona.