O Rácing de Ferrol-Tenerife pecha este luns a xornada de Liga na Radio Galega - CRTVG
O Rácing de Ferrol-Tenerife pecha este luns a xornada de Liga na Radio Galega
Desde mañá ata o xoves, o ‘Galicia en Goles’ retransmitirá sete partidos de Copa do Rei
Santiago, 28.10.2024.- Esta semana vai estar chea de fútbol na programación da Radio Galega. O luns, desde as 20:00 h, o ‘Galicia en Goles’ ofrece unha edición especial ata as 22:30 h, coa retransmisión do partido da Segunda División entre o Rácing de Ferrol e o Tenerife, que pecha a xornada da fin de semana. Ao remate comezará unha nova edición de ‘Ao Contraataque’, en que os oíntes poderán escoitar as roldas de prensa dos adestradores e as opinións dos futbolistas máis destacados desde a zona mixta da Malata.
A partir do martes entra en acción a competición da Copa do Rei. De 19:00 a 22:00 h, a audiencia estará informada do que pase no Vero Boquete, co Compostela-Alavés, e no Luis Ramos, onde o Ourense C. F. visita o Guijuelo. Logo, e ata as 00:00 h, estará en antena ‘Ao Contraataque’, coa mesa de debate dos especialistas e as opinións dos protagonistas.
O mércores, a partir das 19:30 h e ata as 00:00 h, o protagonismo será para tres citas: Bergantiños-Marbella, Pontevedra-Levante e San Pedro-Celta de Vigo. Dos tres equipos galegos sobre o céspede, quen máis doado o ten é o conxunto de Claudio Giráldez, posto que se vai enfrontar a un equipo da Preferente de Andalucía.
Por último, o xoves é o día reservado ao modesto San Tirso, da Preferente Galicia, que traslada a Riazor o enfrontamento ante o Espanyol, da Primeira División. O calendario galego nesta primeira eliminatoria da Copa do Rei complétase coa visita do Rácing de Ferrol ao Cuarte de Zaragoza, un club que compite na Terceira de Aragón. A emisión do ‘Galicia en Goles’ comezará ás 19:00 h e rematará contra a medianoite.
Xa o venres festivo, o baloncesto será o protagonista co derbi galego feminino na Malata, entre o Universitario de Ferrol e o Ensino de Lugo, a partir das 20:30 h. Na fin de semana, o Cartaxena-Deportivo converterase no encontro destacado do sábado, e o domingo o interese pasará polo Castellón-Rácing de Ferrol. Os seareiros do Celta terán que agardar ata o luns 4 de novembro para ver en acción o seu equipo na Liga, desta volta recibindo o Xetafe no estadio municipal de Balaídos.
Todas as emisións de ‘Galicia en Goles’ e ‘Ao Contraataque’ chegarán a través da FM da Radio Galega e as plataformas AGalega.gal e AGalegaAudio.gal.