Lei de Creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (1984) - CRTVG
Lei de Creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (1984)
Lei 9/1984, de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia e Modificación da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo). Segundo establece o artigo 34.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins.
Por outra parte, a disposición transitoria sexta do Estatuto establece que no tocante á televisión, a aplicación do apartado 3 do artigo 34 supón que o Estado outorgará en réxime de concesión á Comunidade Autónoma de Galicia a utilización dunha terceira canle, de titularidade estatal, que se debe crear especificamente para a súa emisión no territorio de Galicia, nos termos da citada concesión.
A esta terceira canle refírese, segundo a doutrina, o artigo 2.2 da Lei 4/80, do 10 de xaneiro de 1980 (Estatuto de Radiodifusión e Televisión), cando sinala que o Goberno poderalles conceder ás Comunidades Autónomas, previa autorización por Lei das Cortes Xerais, a xestión directa dunha canle de televisión de titularidade estatal que se cree especificamente para o ámbito territorial de cada Comunidade Autónoma. O apartado 3 do mesmo artigo 2 deixa finalmente establecido que a organización e o control parlamentario da terceira canle rexional, así como da radiodifusión e televisión no mesmo ámbito territorial, articularase orgánica e funcionalmente de acordo cos criterios establecidos nos artigos 5.º a 12.º e 26.º do devandito Estatuto da Radiodifusión e Televisión, e segundo a Lei da Comunidade Autónoma.
Este é, pois, o obxectivo da presente Lei: crear un Ente de Dereito Público ao que lle corresponde a regulación e xestión dos servizos de radiodifusión e televisión, competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, determinando a estrutura orgánica do devandito Ente, a forma de designación e cesamento dos seus membros, e mailas súas funcións, así como tamén a creación dunha Comisión do Parlamento de Galicia, con funcións de control e de acordo coas previsións do seu regulamento.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.º2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.
CAPÍTULO PRIMEIRO
NATUREZA E FUNCIÓNS
Artigo 1
1.-Créase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co carácter de entidade de dereito público, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, á que lle corresponde a xestión directa dos servizos públicos de radiodifusión e televisión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, encargo que levará a cabo consonte ao seguinte:
1.1. Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas por dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro.
1.2. Para o desenvolvemento das misións de servizo público recomendadas, actuando baixo o obxectivo de rendibilidade social e eficiencia económica, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberá promover activamente os principios de programación sinalados nesta lei, fomentar a produción audiovisual propia de Galicia, ofrecer programacións e emisións que coadxuven á proxección cara ao exterior de Galicia e de información ás comunidades galegas do exterior.
1.3. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando todas as formas e medios de distribución, expresión e linguaxe, así como as novas técnicas de produción e de difusión de programas de comunicación audiovisual, e desenvolvendo novos servizos, incluídos os dixitais e en liña, susceptibles de enriquecer ou completar a súa oferta de programación, dentro do marco estatutario de Galicia.
2.- As misións ás que se refire o apartado anterior enténdense sen prexuízo das competencias que lles corresponden ao Parlamento e ao Goberno de Galicia e das que, en período electoral, lles corresponden ás xuntas electorais.». (1)
Artigo 2
A Compañía de Radio-Televisión de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Rexerase polas normas que se conteñen na presente Lei e nas disposicións que se diten para desenvolvela. As devanditas normas integran o dereito propio de Galicia na materia.
Nas súas relacións xurídicas externas, adquisicións patrimoniais e contratación estará suxeita ao réxime de Dereito Privado, sen outras excepcións cás previstas nesta Lei.
CAPÍTULO SEGUNDO
ORGANIZACIÓN
Sección primeira. Órganos.
Artigo 3
A efectos de funcionamento, administración e dirección, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia estruturarase nos órganos seguintes:
a) Consello de Administración
b) Consello Asesor da Compañía e as súas sociedades.
c) Director Xeral
Sección segunda. Consello de Administración
Artigo 4
1.- O Consello de Administración comporase de doce membros, elixidos para cada lexislatura polo Parlamento de Galicia, mediante maioría de dous terzos, entre persoas de acreditado prestixio profesional. Unha ver nomeado o Director Xeral asiste ás súas reunións de acordo co disposto no artigo 10.4.
2.- As vacantes que se produzan cubriranse de acordo co procedemento establecido no apartado anterior.
3.- O cesamento dos membros do Consello de Administración producirase ao final da lexislatura correspondente, se ben seguirán desempeñando as súas funcións ata que os novos tomen posesión dos seus cargos.
4.- A condición de membro do Consello de Administración será incompatible con calquera clase de vinculación directa ou indirecta con empresas publicitarias, empresas de produción ou distribución de películas cinematográficas ou de programas filmados ou gravados en magnetoscopio ou radiofónicos, casas produtoras de discos, cintas magnetofónicas ou similares, así como as dedicadas ao fornecemento ou dotación de programas ou material á Compañía e ás súas sociedades. Tamén será incompatible con todo tipo de prestación de servizos ou relación laboral en activo coa Compañía, con RTVE ou coas sociedades de ambos os dous entes.
Artigo 5
A Presidencia do Consello de Administración será puramente funcional e exercerase de forma rotativa por un período de tres meses polos seus membros. A orde de rotación determinarase tendo en conta a maior idade. Se durante o decorrer da lexislatura cumprise proceder á substitución dalgún Conselleiro, o substituto ocupará, a efectos da quenda rotatoria na Presidencia, o lugar que lle correspondese ao substituído pola súa idade.
Artigo 6
1.- Para que o Consello de Administración se entenda validamente constituído en sesión, cumprirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros.
2.- A adopción de acordos farase por maioría de membros presentes, agás os casos en que a presente Lei esixe unha maioría cualificada.
3.- O Consello de Administración reunirase en sesión ordinaria cando menos unha vez ao mes e tamén en caso de urxencia a criterio do seu presidente ou cando o solicite a maioría absoluta dos seus membros. A convocatoria farase por escrito e incluirá, en todo caso, a orde do día.
4.- Non se poderán tratar asuntos distintos dos incluídos na orde do día, non sendo que medie acordo en senso contrario adoptado por maioría de dous terzos dos membros do Consello.
Artigo 7
1.- Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias:
a) Coidar do cumprimento do establecido na presente Lei.
b) Emitir a súa opinión sobre o nomeamento do Director Xeral.
c) Recibir notificación previa do nomeamento e cesamento dos Directores da Compañía e das súas sociedades.
d) Aprobar, a proposta do Director Xeral, o plan de actividades do ente público, que fixará os principios básicos e liñas xerais de programación, así como o plan de actuación das súas sociedades.
e) Aprobar a Memoria anual relativa ao desenvolvemento das actividades da entidade e das súas sociedades.
f) Aprobar con carácter definitivo os cadros da Compañía e das súas sociedades, así como as súas modificacións.
g) Aprobar o réxime de retribucións da Compañía e das súas sociedades.
h) Aprobar o anteproxecto de presupostos da Compañía e das súas sociedades.
i) Informar dos proxectos de disposicións que en materia de publicidade se propoña ditar o Goberno Galego.
l) Ditar normas reguladoras de emisión de publicidade a través das sociedades da Compañía, tendo en conta o control de calidade da mesma, o contido das mensaxes publicitarias e o axeitamento do tempo da publicidade á programación e ás necesidades dos medios.
ll) Determinar semestralmente a porcentaxe de horas de programación destinadas aos grupos políticos e sociais significativos, fixando os criterios de distribución entre eles, en cumprimento do que se establece no artigo vinte da Constitución.
m) Determinar anualmente a porcentaxe de produción propia que se deberá incluír na programación de cada medio.
n) Coñecer daquelas cuestións que, aínda non sendo da súa competencia, o Director Xeral da Compañía somete á súa consideración.
o) Coñecer periodicamente a xestión presupostaria e emitir o seu parecer sobre a mesma.
2.-Estes acordos adoptaranse por maioría simple, a non ser os referidos nos apartados b), d), f), g) e ll), que se adoptarán por maioría de dous terzos. Con respecto ao apartado b), se non se acada a maioría indicada, entenderase que o Consello de Administración se abstén de emitir a súa opinión sobre tal nomeamento, dándose por cumprido o trámite. Polo que se refire ao apartado d), será suficiente a maioría absoluta dos membros do Consello de Administración, unha vez que transcorrese un mes sen recaer acordo por maioría cualificada de dous terzos. Polo que toca ao apartado h), e no caso de non se acadar acordo por maioría de dous terzos, o anteproxecto de presuposto remitarase á Xunta no prazo legal facendo constar o senso do voto de cada un dos membros do Consello de Administración.
Artigo 8
O Consello de Administración designará un Secretario de Actas que, sen voz nin voto, terá as funcións que regulamentariamente se lle asignen, sen que poida recaer en persoa que forme parte do devandito Consello.
Sección terceira. Consello Asesor.
Artigo 9
As sociedades da Compañía de Radio-Televisión de Galicia teñen un Consello Asesor, composto polos seguintes membros.
a) Tres vogais de cada empresa, elixidos polos representantes dos traballadores segundo criterios de proporcionalidade. A representatividade e a proporcionalidade enténdense referidas ao grao de implantación das seccións e dos grupos de carácter sindical ou independentes en cada empresa dependente da Compañía.
b) Tres vogais representantes da Administración autonómica, designados pola Xunta de Galicia.
c) Tres vogais, designados un polo Consello da Cultura Galega, un pola Universidade, e outro polos medios de comunicación designados polo Parlamento.
d) Un representante designado por cada unha das Deputacións Provinciais.
e) O Consello Asesor será convocado cando menos semestralmente para cada unha das sociedades polo Consello de Administración e emitirá opinión ou ditame cando lle fosen expresamente requiridos por este e, en todo caso, en canto ás competencias que sobre programación corresponde ao Consello de Administración nos termos do artigo 7 desta Lei.
Sección cuarta. Director Xeral
Artigo 10
1.-O Director Xeral da Compañía será o órgano executivo da entidade pública e terá que ser nomeado pola Xunta, oído o Consello de Administración.
2.-Sen prexuízo das causas de cesamento establecidas na presente Lei, o seu mandato coincidirá coa lexislatura do Parlamento de Galicia en que foi nomeado. Cando o seu mandato remate coa lexislatura, continuará á fronte do seu cargo ata a designación do novo Director Xeral.
3.-O cargo de Director Xeral estará afectado polas mesmas incompatibilidades que as sinaladas para os membros do Consello de Administración. Tamén se considerará causa de incompatibilidade a vinculación con entidades públicas ou privadas de medios de comunicación.
4.-O Director Xeral asistirá ás reunións do Consello de Administración con voz e voto, pero carecerá deles cando trate de asuntos que lle afecten persoalmente.
Artigo 11
Corresponderalle ao Director Xeral:
a) Cumprir e facer cumprir o disposto na presente Lei e nas demais normas que regulen a Compañía, así como os acordos do Consello de Administración nas materias que sexan competencia deste órgano colexiado.
b) Someter á aprobación do Consello de Administración coa suficiente antelación, o plan anual de traballo, a Memoria económica anual e os anteproxectos de presupostos da Compañía e das súas sociedades.
c) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos da Compañía e das súas sociedades e ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao funcionamento das competencias do Consello de Administración.
d) Actuar como órgano de contratación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.
e) Autorizar os pagamentos e gastos da entidade e das súas sociedades, sen prexuízo de que as normas que regulen estas dispoñan a facultade de delegación.
f) Organizar a dirección e nomear con criterios de profesionalidade o persoal directivo da Compañía e das súas sociedades, notificando con carácter previo os citados nomeamentos ao Consello de Administración.
g) Ordenar a programación de conformidade cos principios básicos aprobados polo Consello de Administración.
h) Ostentar a representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e, en consecuencia, comparecer en xuízo e en toda clase de actuacións, conferindo ao efecto os oportunos apoderamentos.
Artigo 12
1.-A Xunta de Galicia poderá cesar o Director Xeral, oído o Consello de Administración, mediante resolución motivada, por algunha das seguintes causas:
a) Imposibilidade física ou enfermidade superior na súa duración a seis meses continuos.
b) Incompetencia manifesta ou actuación contraria aos criterios, principios ou obxectivos aos que se refire a presente Lei.
c) Condena por delito doloso.
2.-Así mesmo, a Xunta poderá cesar o Director Xeral a proposta do Consello de Administración, fundada nalgún dos supostos anteriores e adoptada por maioría de dous terzos.
CAPÍTULO TERCEIRO
XESTIÓN
Sección primeira. Xestión pública
Artigo 13
1.-A xestión dos servizos públicos de Radiodifusión e Televisión no ámbito da Comunidade autónoma galega correspondente á Compañía de Radio-Televisión de Galicia rexerase polas disposicións da presente Lei e normas complementarias que a desenvolvan e realizarase mediante a adscrición dos servizos comúns que regulamentariamente se establezan.
2.-Dos recursos e pretensións que se deduzan contra os acordos que diten os órganos de goberno da Compañía coñecerá a xurisdición que en cada caso corresponda sen necesidade de formular reclamación previa en vía gobernativa.
Sección segunda. Xestión mercantil
Artigo 14
1.-A xestión dos servizos públicos de Radiodifusión e Televisión levarase a cabo mediante as sociedades públicas con forma de sociedades anónimas que a Compañía de Radio-Televisión de Galicia está facultada para crear. Estas sociedades rexeranse polo dereito privado sen máis excepcións que as establecidas na presente Lei.
2.-O capital das anteriores sociedades será duplicado na súa totalidade, integramente subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia, pertencerá á Compañía e non poderá ser enaxenado, hipotecado, gravado, peñorado nin cedido en forma onerosa ou gratuíta.
3.-Os Directores das sociedades serán nomeados e separados polo Director Xeral da Compañía, previa notificación ao Consello de Administración, e serán os administradores
4.-Os estatutos de cada sociedade deberán sinalar as facultades que en materia de autorización de gasto, ordenación de pagamentos e contratación corresponden ao Administrador único de cada sociedade a as que se reserve o Director Xeral.
5.-A adquisición de emisoras privadas de radiodifusión por parte da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, quedará condicionada á subrogación na titularidade da concesión administrativa de frecuencia e potencias.
Artigo 15
A Xunta de Galicia, a proposta do Director Xeral e de acordo co Consello de Administración da Compañía, poderá crear sociedades filiais nas áreas de comercialización, produción, comunicación e outras análogas para acadar unha xestión máis eficaz. Estas sociedades filiais que se creen poderán ser de capital integramente subscrito e desembolsado pola Comunidade Autónoma e estarán sometidas ao réxime xurídico a que se refire o artigo anterior e concordantes.
CAPÍTULO CUARTO
PROGRAMACIÓN E CONTROL
Sección primeira. Principios de programación
Artigo 16
Os principios que han de inspirar a programación dos medios xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia son os seguintes:
a) O respecto á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia e a promoción e difusión da Cultura e Lingua Galega, así como a defensa da identidade da nacionalidade galega.
b) O respecto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das
informacións.
c) A separación entre as informacións e opinións, a identificación de quen sustente estas últimas e a súa libre expresión, cos límites do apartado 4 do artigo 20 da Constitución.
d) O respecto ao pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico.
e) O respecto ao honor, á fama, á vida privada das persoas e cantos dereitos e liberdades
recoñece a Constitución.
f) A protección da xuventude e da infancia.
g) O respecto aos valores da igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución.
Sección segunda. Dereito de antena
Artigo 17
1.-A ordenación dos espazos de radiodifusión e televisión de Galicia farase de xeito que a eles poidan acceder os grupos políticos e sociais máis significativos. Para tal fin, o Consello de Administración, de acordo co Director Xeral, terá en conta criterios obxectivos, como representación parlamentaria, implantación política, sindical, social, cultural e ámbito territorial de actuación.
2.-O Goberno Galego poderá facer que se emitan indicando a súa orixe, declaracións e comunicados oficiais necesarios para o interese público. Por razóns de urxencia, apreciadas polo Goberno, estas declaracións e comunicados terán efecto inmediato.
3.-A Xunta de Galicia poderá establecer periodicamente as obrigas que se deriven da natureza do servizo público da Compañía de Radio e Televisión de Galicia e, previa consulta ao Consello de Administración, facelas cumprir.
Sección terceira. Dereito de rectificación
Artigo 18
O dereito de rectificación e o seu procedemento regularase segundo o previsto nas normas xerais que rexen a materia.
Sección cuarta. Período electoral
Artigo 19
Durante as campañas electorais aplicarase o réxime especial que establezan as normas electorais, correspondendo a aplicación e o control das mesmas á Xunta electoral competente, que cumprirá a súa misión a través do Consello de Administración e do Director Xeral da Compañía.
Sección quinta. Control parlamentario directo
Artigo 20
Correspóndelle ao Parlamento de Galicia o control da actuación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.
A Comisión Permanente de Control da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades, constituída de conformidade co que dispoña o Regulamento da Cámara, exercerá o control da actuación da CRTVG e as súas sociedades, de tal xeito que non impida o funcionamento dos medios, velando polo cumprimento efectivo da función de servizo público, definida e encomendada á CRTVG no artigo 1, apartado 1, desta lei.
Para estes efectos, a CRTVG remitiralle, con carácter anual, á devandita Comisión parlamentaria un informe sobre a execución da función de servizo público encomendada, referido ao conxunto das súas actividades, programacións, servizos e emisións.(1)
CAPÍTULO QUINTO
PRESUPOSTO E FINANCIAMENTO
Artigo 21
O presuposto da Compañía de Radio-Televisión de Galicia axustarase ao que dispoña a Lei de Xestión Económica e Financeira Pública de Galicia, sen prexuízo das especialidades previstas nas presente Lei.
Artigo 22
1.-As sociedades xestoras dos servizos públicos de Radiodifusión e de Televisión terán presupostos separados, que se axuntarán aos Xerais da Comunidade Autónoma para a súa ulterior aprobación polo Parlamento de Galicia.
2.-As sociedades filiais creadas ao amparo do artigo 15 da presente Lei, estarán suxeitas a igual réxime presupostario.
3.-Os presupostos a que se refiren os anteriores apartados elaboraranse e xestionaranse con observancia do principio de equilibrio presupostario.
4.-Sen prexuízo do presuposto da Compañía e do separado de cada unha das súas sociedades, establecerase un presuposto consolidado coa finalidade de evitar déficits de caixa e de permitir unha cobertura destes mediante o superávit das entidades e sociedades integradas no presuposto consolidado. Por virtude da presente Lei autorízase o réxime de minoración de ingresos sobre o presuposto da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.
Artigo 23
A contabilidade das sociedades a que se refiren os artigos precedentes axustarase ás normas que para as sociedades e entidades de capital pública se conteñan na Lei de Xestión Económica e Financeira Pública de Galicia.
Artigo 24
1.- O Director Xeral da Compañía renderá contas periodicamente da xestión someténdose
ao control parlamentario a que se refire o artigo 20 da presente Lei.
2.- Nos termos que estableza a Lei reguladora correspondente, o Consello de Contas
informará o Parlamento de Galicia da xestión económica e presupostaria da Compañía, das súas sociedades xestoras e das sociedades filiais que no seu caso se creen.
3.-O control financeiro da Compañía e das súas sociedades xestoras e filiais efectuarase,
en todo caso, a través de procedementos de auditoría, sen suxeición ao sistema de intervención previa. No demais, aplicaranse as disposicións que regulen a xestión económica e financeira pública de Galicia.
Artigo 25
1.-A Compañía de Radio-Televisión de Galicia financiarase con cargo aos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma e mediante os ingresos e rendementos das súas actividades. As sociedades xestoras e as filiais farano mediante subvencións consignadas nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma, mediante a comercialización e venda dos seus produtos, e,
limitadamente, mediante unha participación no mercado da publicidade.
2.-No caso da televisión haberá que estar, ademais, ao sinalado no parágrafo terceiro da Disposición Transitoria sexta do Estatuto de Autonomía para Galicia.
CAPÍTULO SEXTO
PATRIMONIO
Artigo 26
O patrimonio da Compañía e das sociedades de capital integramente da Comunidade Autónoma ás que se refire a presente Lei, terá a consideración de dominio público, como patrimonio afecto ao servizo público correspondente e, polo tanto, gozará na orde tributaria das exencións pertinentes.
A titularidade do patrimonio a que se refire o parágrafo anterior atribúese, en todo caso, á Administración autonómica, correspondéndolles á Compañía e ás súas sociedades, en concepto de adscrición de uso, a súa xestión, conservación e administración para o cumprimento dos seus fins específicos.
Aplicaranse as disposicións da Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en todo o que se refire ao réxime xurídico dos bens e dereitos patrimoniais ou demais que lle sexan edidos, adscritos ou incorporados ao seu patrimonio independente.
CAPÍTULO SÉTIMO
PERSOAL
Artigo 27
1.-As relacións de carácter laboral na Compañía de Radio-Televisión de Galicia e nas súas sociedades ás que se refire a presente Lei regularanse polo preceptuado na lexislación laboral, con suxeición ao principio de autonomía das partes.
2.-A pertencia ao Consello de Administración ou ao Consello Asesor regulados nesta Lei, non dará lugar ao nacemento de dereitos de carácter laboral sobre a Compañía e das súas sociedades.
3.-A situación dos funcionarios que se incorporen á Compañía ou ás súas sociedades rexerase polo que dispoñan as normas que, sobre a función pública, dite a Comunidade Autónoma de Galicia, con arranxo ás bases definidas pola lexislación estatal.
4.-O ingreso con carácter fixo na Compañía e nas súas sociedades só poderá facerse mediante as oportunas probas de admisión, establecidas e convocadas polo Director Xeral de acordo co Consello de Administración e con arranxo aos principios básicos definidos pola lexislación estatal.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Mentres non teña lugar a constitución do Consello Asesor a que se refire a presente Lei, as súas funcións exerceraas o Consello Asesor de Radio e Televisión Española en Galicia. O Consello de Administración deberá quedar constituído dentro dos 30 días seguintes ao de designación dos seus membros. En todo o non previsto nesta Lei o Consello de Administración establecerá o seu réxime de funcionamento.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira
A presente Lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda
Facúltase á Xunta de Galicia para ditar as disposicións regulamentarias que se requiren en desenvolvemento da presente Lei, sen prexuízo das facultades regulamentarias autónomas recoñecidas nesta Lei e as instrucións e circulares que a Compañía de Radio-Televisión de Galicia poida ditar para o correcto e coordinado funcionamento das sociedades que agrupe.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 1984
Gerardo Fernández Albor
Presidente
(1) Modificado pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.