'Na Gloria', a nova comedia da CRTVG, con Cristina Castaño e Dani Rovira, preséntase este mércores en Culleredo - CRTVG
'Na Gloria', a nova comedia da CRTVG, con Cristina Castaño e Dani Rovira, preséntase este mércores en Culleredo
A serie estrearase proximamente, e en exclusiva, en AGalega, a nova plataforma dixital da CRTVG
Retranca, costumismo surrealista e humor absurdo son as claves da ficción, que retrata o choque entre o mundo urbano e o rural e se dirixe ao público familiar
Santiago, 07.02.2024.- Hoxe preséntase en Culleredo, onde se está a rodar estas semanas, a nova serie da CRTVG: ‘Na Gloria’, unha comedia dirixida ao público familiar que proximamente se converterá na primeira grande estrea de ficción, e en exclusiva, de AGalega, a nova plataforma OTT da CRTVG.
A serie preséntase este mércores ás 19:00 h no pazo de Vilaboa de Culleredo, coa presenza do elenco da serie, protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga.
‘Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez. A trama desenvólvense na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño contará coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.
Esta comedia de 15 capítulos, dirixida ao público familiar, retrata o choque de dous mundos: o dos 'urbanitas', que idealizan as bondades do campo, e o dos ‘ruralitas’, que soñan coas oportunidades que lles foron negadas.