A serie 'O círculo Bletchey' e o programa 'Nos meus tempos', entre as estreas deste Nadal en AGalega.gal - CRTVG
A serie 'O círculo Bletchey' e o programa 'Nos meus tempos', entre as estreas deste Nadal en AGalega.gal
A ficción británica, dispoñible desde este luns, conta a historia de catro mulleres que traballaron nun centro de desencriptación durante a Segunda Guerra Mundial, mentres que o novo espazo dixital, que se estrea o día 24, propón unha curiosa contenda entre xeracións
Durante os vindeiros días irán chegando á plataforma dos medios públicos a serie de anime ‘Os Cabaleiros do Zodíaco’, a comedia francesa ‘C’est la vie’ e as películas de ‘Doraemon’ e ‘Shin Chan’, ademais dos especiais de Nadal da TVG
Santiago, 23.12.2024. - O Nadal chega tamén a AGalega.gal, a plataforma dixital dos medios públicos galegos, que durante as vindeiras dúas semanas ofrecerá unha morea de estreas e tamén porá á disposición os programas especiais que se ofrecen estes días na Televisión de Galicia.
Este luns estréase ‘O círculo Bletchey’, unha serie británica que conta a historia de catro mulleres que traballaron en Bletchley Park, o centro de desencriptación de códigos do exército británico durante a Segunda Guerra Mundial. Susan, Millie, Lucy e Jean, descontentas co fracaso da policía tras unha serie de crimes, volven reunirse anos máis tarde para investigalos pola súa conta. Poranse a disposición todos os capítulos na plataforma AGalega.gal.
O 24 de decembro, día de Noiteboa, chegará a AGalega.gal o programa dixital ‘Nos meus tempos’, que propón unha curiosa contenda entre xeracións. Nel, os espectadores descubrirán canto sabe a cativada dos tempos dos seus avós e viceversa.
O día 31 poderase ver a Gran Parada da Noite Intercéltica de Lorient, que atrae milleiros de visitantes ao encontro céltico máis importante do mundo, mentres que o 1 de xaneiro estrearase a serie de anime ‘Os Cabaleiros do Zodíaco’, da que estarán a disposición os cinco primeiros capítulos, así coma todas as temporadas de ‘Pratos Combinados’.
A oferta de cinema de AGalega.gal ampliarase o venres 3 de xaneiro coa comedia francesa ‘C´est la vie’. O filme conta a historia de Max, que leva organizando centos de vodas durante varios anos e agora está a preparar unha de moito luxo nun ‘chateau’ francés antigo. Max coordinou todo para que a celebración fose un éxito total: os camareiros, a orquestra, o menú, o picadiscos, a decoración final... Pero o resultado pende dun fío e cada momento de felicidade e emoción pode converterse en desastre ou caos.
O domingo 5, véspera de Reis, estrearase unha nova sección en ‘Xeración Zeta’ coas películas de ‘Doraemon’ e ‘Shin Chan’. A partir deste día, os seguidores destas ficcións de animación poderán ver os seguintes títulos: ‘Doraemon e as mil e unha aventuras’, ‘Doraemon e o segredo do labirinto’, ‘O nacemento de Doraemon’, ‘Doraemon e a fábrica de xoguetes’, ‘Doraemon e o tren do tempo’, ‘Shin Chan 3 minutos para salvar ao mundo’, ‘Shin Chan perdidos na xungla’, ‘Shin Chan a ritmo de samba’, ‘Shin Chan os adultos contraatacan!’ e ‘Shin Chan e o pequeno samurai’.
Durante estas festas, os espectadores poderán ver tamén dúas recentes estreas de AGalega.gal: os filmes ‘Matria’, a premiada longametraxe de Álvaro Gago, protagonizada pola actriz María Vázquez, no papel que a catapultou a nivel nacional, e ‘Heidi’, coa entrañable historia da orfa que vai vivir co seu avó aos Alpes. Esta última película estará dispoñible ata o 13 de xaneiro.
Ademais, os xoves 26 de decembro e 2 de xaneiro publicaranse novas entregas do programa dixital ‘Sen saída’, e durante os vindeiros días iranse poñendo á disposición dos usuarios programas especiais de Nadal da Televisión de Galicia como ‘A Gran Velada’, ‘Nadal Challenge’, ‘O Prato Nacional’, ‘A Gran Gala do Supermartes’, ‘A Cabina dos Desexos’, a ‘Gala de Fin de Ano’ e ‘Estrelas Máxicas’, entre outros.