A Televisión de Galicia será medio oficial do Atlantic Fest 2024 - CRTVG
A Televisión de Galicia será medio oficial do Atlantic Fest 2024
Serán tres días de música en directo na praia da Concha de Vilagarcía, do 19 ao 21 de xullo, coa actuación, entre outros, de MIKA, Luis Fercán, Cariño ou Los Planetas
Na temporada 23/24 a TVG foi a canle de España con maior tempo de programación dedicado a actividade musical
A plataforma AGalega.gal comezou esta pasada semana no PortAmerica coa experiencia de ofrecer en streaming parte das actuacións, unha experiencia que se repetirá tamén noutros eventos
Santiago, 10.07.2024.- A CRTVG volve ser este verán ‘medio oficial’ do Atlantic Fest, que se celebrará na praia da Concha de Vilagarcía de Arousa do 19 ao 21 de xullo. Convertido nun dos grandes eventos musicais do verán galego, o festival foi presentado este mércores nun acto no Pazo da Golpelleira, en que participou o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.
O festival contará con artistas como MIKA ou Crystal Fighters e coa a actuación especial de Los Planetas, celebrando o trixésimo aniversario do seu álbum ‘Super 8’. Soarán tamén Silvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Depedro, Andrés Suárez, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Elefantes, Cariño, Luis Fercán, The Parrots, Gazella e Rocío Saiz.
Ao longo do ano, a CRTVG apoia e colabora cun amplo número de eventos culturais por toda a xeografía galega, e viaxará este verán ata ‘onde estás ti’, como reza a súa campaña de estío. Deste xeito, estará presente en festivais musicais, de cinema, artes escénicas ou do eido audiovisual, como xa fixo no PortAmérica, retransmitindo en streaming o festival a través da plataforma AGalega.gal. A TVG pechou a temporada 23/24 como a canle de España con máis tempo de programación dedicado á música. É tamén a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5%, e a que máis cota de pantalla acada en España sobre programas culturais.