Bases Concurso CANCIÓN DO VERÁN 2024 - CRTVG
Bases Concurso CANCIÓN DO VERÁN 2024
Bases Concurso CANCIÓN DO VERÁN 2024
BASES CONCURSO A CANCIÓN DO VERÁN 2024
Primeira. Obxecto. A Corporación RTVG organiza un concurso en que premiará a canción do Verán 2024.
Buscamos a banda sonora deste verán e para iso queremos seleccionar a mellor canción entre as propostas que nos envíen de toda Galicia. As cancións, tanto na parte musical coma na letra, teñen que ser inéditas. A letra ten que ser en lingua galega. Teñen que ser totalmente orixinais. A temática da canción é libre.
O aspirante, ao enviar o formulario de inscrición, autoriza expresa e irrevogable á Corporación RTVG para que poida, directa e/ou indirectamente, reproducir e comunicar publicamente a obra musical que resulte seleccionada como gañadora, ben de maneira conxunta ou ben individualmente, e aos efectos enunciativos, pero non limitativos en calquera medio radiofónico e/ou televisivo (analóxicos, dixital, cable, TDT, etc.), tanto para streaming como descargables- de audio e/ou vídeo dixital en Internet e, en todo caso, en calquera medio pertencente á Corporación RTVG que sexa estimado beneficioso para a difusión deste concurso.
Así mesmo tamén poderán enviar xunto coa canción proposta un videoclip.
Tamén se poderán emitir as cancións participantes total ou parcialmente ata un máximo de dúas veces por cada un destes mesmos medios ao obxecto da promoción do concurso.
Ademais, os artistas que envíen as súas cancións para participar no concurso, deberán acreditar a autorización de todos os autores da letra e música da canción que propoñan.
No caso de que o/s participante/s sexa/n menor/es de 18 anos, deberá/n contar coa autorización expresa dos seus titores legais.
Cada participante (grupo ou solista) tan só poderá presentar unha canción.
Non poderán participar no concurso o persoal da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A, os seus respectivos cónxuxes e os familiares ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade.
Segunda. Forma de participación.
Características das propostas:
- Canción cunha duración non superior a 3 minutos, cantada en lingua galega.
Documentación que teñen que presentar os participantes:
- Audio en formato "mp3", e no caso de presentar videoclip, en formato "mp4"
Terceira. Desenvolvemento do concurso.
A canción coa documentación requirida, terá que ser enviada ao correo electrónico canciondoveran2024@crtvg.gal en formato “.mp3” e dentro do prazo de presentación de solicitudes. No correo electrónico deberá constar o seu nome, apelidos, D.N.I., teléfono de contacto e dirección completa tanto do intérprete coma do compositor e/ou letrista, no caso de non ser o mesmo.
Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do gañador do concurso, aínda que existirá unha lista puntuada ata o quinto posto. O xurado estará composto por 5 persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. A composición do xurado será publicada na páxina web www.crtvg.gal.
O xurado, terá en especial consideración á hora de elixir o gañador:
- A orixinalidade
- A calidade técnica
- O acompañamento dun videoclip.
Cuarta. Presentación de propostas.
Dende o xoves 9 de maio ao domingo 9 de xuño de 2024, ambos incluídos.
Quinta. Premio.
O concurso está premiado cunha dotación económica de 1.500 euros, suxeita á correspondente retención do IRPF. A organización resérvase a opción de declarar deserto o premio, no caso de falta de calidade nos proxectos.
O gañador do premio coñecerase o xoves 13 de xuño do 2024. Publicarase na páxina web da Corporación RTVG.
O gañador deberá acreditar, denantes de recibir o premio, que cumpre os requisitos de participación esixidos nestas bases.
En caso de incumprimento destes requisitos, imposibilidade de contactar co gañador ou de rexeitamento do premio por parte deste, será seleccionado como novo gañador o seguinte clasificado.
Sexta. Dereitos Cedidos.
Ademais dos dereitos establecidos na base 1, todos os participantes ceden á Corporación RTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de internet, da canción e do seu videoclip, de ser o caso. Estes dereitos son cedidos para todo o mundo e ata a entrada das gravacións no dominio público, polo tempo máximo establecido na Lei de Propiedade Intelectual.
Sétima. Contido das cancións.
As letras das cancións e o videoclip respectarán os Criterios Reitores da Dirección Editorial da CRTVG, aprobados polo Consello de Administración da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., na súa sesión do 25 de abril de 2018, así como a lexislación relativa ao dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar, á propia imaxe e á protección de menores.
Serán rexeitados os que incumpran dita normativa, así como os que incumpran uns criterios de calidade mínimos.
Oitava.- Aceptación das bases.
A participación no concurso supón a aceptación na súa totalidade das presentes bases que poden ser consultadas polos participantes na páxina web www.crtvg.gal.
O organizador resérvase o dereito de retirar ou modificar a mecánica do concurso á súa enteira discreción, para o cal informará pertinentemente a través dos mesmos medios en que se publicitou o concurso, modificando as bases, se o considerara oportuno.
En caso de controversia ou discrepancia derivada da interpretación destas bases, prevalecerá o criterio da Corporación RTVG.
Novena.- Protección de datos de carácter persoal.
A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) informa que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD) e a Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, a finalidade da recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que o PARTICIPANTE nos facilita durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesario para o desenvolvemento e cumprimento do concurso.
Informámoslle que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. Poderá exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da Corporación RTVG (Bando-San Marcos, s/n. 15820. Santiago de Compostela), ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.
Décima.- Exención de responsabilidade por mal funcionamento da rede.
A Corporación RTVG queda exonerada de toda responsabilidade no caso de mal funcionamento das redes de comunicación telemática que impidan o normal desenvolvemento desta iniciativa por causas alleas e especialmente por actos externos de mala fe. Tampouco será responsable a Corporación RTVG dos problemas de transmisión ou perda de datos non imputables a esta.