Nostalxia e diversión danse esta noite a man na 'Gran gala do Supermartes', en que catro famosos competirán por un premio solidario - CRTVG
Nostalxia e diversión danse esta noite a man na 'Gran gala do Supermartes', en que catro famosos competirán por un premio solidario
O músico Tonhito de Poi, os presentadores Rafa Durán e Trisha Fernández e a cantante Fátima Pego enfrontaranse ás probas máis lembradas do histórico programa da TVG, e rematarán a velada lixeiros de roupa nas ‘Superprendas’
Este programa especial contará tamén con moita música, a cargo de Rosa López, David Civera, Pili Pampín, Boyanka Kostova, Los Coleguitas e a orquestra Finisterre
Santiago, 28.12.2024.- A nostalxia volve esta noite á Televisión de Galicia coa ‘Gran Gala do Supermartes’ (22:05 h), unha velada que reunirá catro famosos galegos para competir por un premio de 2.000 euros para unha causa benéfica. Os rostros máis valentes da televisión serán o músico e showman Tonhito de Poi, o humorista e presentador Rafa Durán, a cantante Fátima Pego e a presentadora e actriz Trisha Fernández. Esta cita especial estará conducida pola inimitable Lucía Regueiro, que contará coa presenza do presentador Juan Fuentes e, por suposto, do esqueleto máis vivo de Galicia: Atilano.
A esencia do ‘Supermartes’ estará moi presente, posto que volven as probas máis agardadas da historia do programa. Así, lembraranse as mellores cámaras ocultas a no ‘Quieto parado’, haberá moitas mentiras no ‘Mentireiro verdadeiro’ e os famosos terán que dar a nota nas cancións do ‘Asalto á fama’. Acumularán puntos ao longo da noite, pero será nas ‘Superprendas’ onde terán que responder lixeiros de roupa para ver quen gaña a ‘Gran Gala do Supermartes’.
Entre proba e proba, haberá moita música e troula, xa que este programa especial ofrecerá as actuacións de artistas como Rosa López ou David Civera, así como caras coñecidas da música en galego como Pili Pampín, Boyanka Kostova, o grupo Los Coleguitas e a orquestra Finisterre. Ademais, esta noite máxica contará cos trucos do ilusionista e hipnotizador Jorge Astyaro, que xogará coas estrelas e co público.
Haberá moitas sorpresas máis como un touro mecánico, unha proba para meter os fociños e outra na que todo é cuestión de bólas. Todo isto, e moito máis, este 28 de decembro na ‘Gran Gala do Supermartes’.