O documental ‘Inside the iranian uprising’ e a película 'Sweet Virginia', nas estreas de AGalega.gal esta semana - CRTVG
O documental ‘Inside the iranian uprising’ e a película 'Sweet Virginia', nas estreas de AGalega.gal esta semana
‘Inside the iranian uprising’, que se estrea o xoves pola tarde, narra os acontecementos en Irán durante as protestas que sacudiron o país no 2023
E o venres 14 amplíase a oferta de cine da plataforma co thriller indie ‘Sweet Virginia’, película aclamada pola crítica estadounidense que fusiona o western co xénero noir
A plataforma AGalega.gal estrea este xoves 13 de xuño o documental ‘Inside the iranian uprising’, que narra os acontecementos en Irán durante as protestas que sacudiron o país no 2023. ‘Inside the iranian uprising’ permite ver desde dentro, e baixo unha nova luz, un réxime baixo unha presión sen precedentes tralas protestas que sacudiron Irán desde a morte dunha moza en custodia policial, cunha colección de imaxes filmadas polos manifestantes, moitas das cales nunca foron vistas previamente.
E o venres 14 amplíase a oferta de cine da plataforma coa estrea do thriller indie ‘Sweet Virginia’, película aclamada pola crítica estadounidense que fusiona o western co xénero noir e retrata unha Norteamérica moi desgastada a través da historia e das relacións de catro personaxes. Esta longametraxe, do director Jamie M. Dagg, amosa a vida de Sam, quen foi campión de rodeos e agora vive apartado nunha vila pequena de Alasca, onde rexenta un motel. Un sanguento atraco na zona, que acaba en asasinato, levarao a unha situación que non espera e chea de segredos e violencia.
Estas dúas incorporacións súmanse aos novos capítulos de series e programas como ‘É pecado’, a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres; o programa ‘Galegos’, que ofrece perfís de persoas sobranceiras da vida política, social e cultural de Galicia; ou os espazos ‘Buscadores de naufraxios’ e ‘Os ríos da vida’.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.