Xabarín.gal estrea 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego - CRTVG
Xabarín.gal estrea 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego
Colorida e divertida, ten como obxectivo que os nenos e nenas que se achegan por primeira vez ao audiovisual coñezan a vida natural próxima a eles
O domingo presentarase no Culturgal, en Pontevedra, onde se proxectarán dous capítulos e a cativada coñecerá os protagonistas da serie
Santiago, 29.11.2024.- A plataforma infantil Xabarin.gal estrea hoxe en exclusiva ‘Bibopalula’, a primeira serie de animación musical en galego, coproducida pola CRTVG, que este mesmo domingo tamén se presentará no Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebra en Pontevedra.
Producida por Undodez e a Televisión de Galicia e dirixida por Laura Mahía e Andrés Mahía, trátase dunha serie musical deseñada para ver múltiples veces por espectadores principiantes, de ata 4 anos. Colorida, divertida e ambientada nun bosque amable, ‘Bibopalula’ componse de historias de cinco minutos protagonizadas por paxaros que teñen un grupo musical e en que a natureza -e os seus ciclos- ocupa sempre un lugar principal.
Este grupo musical, chamado a Banda do Bosque, está formado pola pega Pegui, o merlo Merli, o paporrubio Robin e o peto Carpin. A eles uniranse en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces de intérpretes galegos coñecidos polo público como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán. Cada capítulo remata cun vídeo dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.
‘Bibopalula’ busca presentarlles a vida natural próxima a nós ás nenas e nenos que se achegan por vez primeira ao audiovisual. Na súa primeira temporada, a serie conta con 55 capítulos de 5 minutos de duración, dos que os 20 primeiros están dispoñibles desde este venres en Xabarin.gal.
Presenza en Culturgal
Despois da súa estrea na plataforma infantil dos medios públicos galegos, a serie chegará este domingo, 1 de decembro, a Culturgal. A partir das 11:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra proxectaranse dous capítulos e as máis pequenas e pequenos coñecerán un dos protagonistas da serie, que repartirá un agasallo moi especial a todos os asistentes. Xosé A. Touriñán será o encargado de presentar o acto.
Proximamente, ‘Bibopalula’ viaxará tamén a outros territorios, onde se adaptará a outras linguas grazas a diferentes operadores.