div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A TVG estrea a súa nova serie para cativos 'Bechos' co obxectivo de aprender a coidar a natureza

Esta animación é unha das obras seleccionadas na convocatoria de proxectos dixitais que a TVG destina ao sector audiovisual galego

Todos os capítulos de ‘Bechos’ poderán verse a través da canle de YouTube da TVG a partir deste venres

Xosé A. Touriñán ou Patricia Castrillón son algúns dos actores que lle poñen voz aos protagonistas

crtvg.gal 27/11/2023 10:53

Santiago, 24.08.2023.- A Televisión de Galicia presenta mañá a súa nova serie de animación infantil, ‘Bechos’, dentro do festival o Castelo Conta. 

A sección matinal do evento acollerá a estrea da nova serie de debuxos da TVG que está destinada para os máis pequenos da casa, para un público de un a seis anos. Esta estrea contará coa presenza da xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, Alba Mancebo, e cun dos protagonistas dos debuxos, o actor Xosé Antonio Touriñán, que lle presta a voz ao xabarín Xurxo. Tras a estrea, a TVG lanzará de forma simultánea os dez capítulos de cinco minutos de duración a través da súa canle de YouTube, para que toda cativada poida gozar da serie completa a partir deste venres 25 agosto. 

 

'Bechos’ e o medio ambiente

‘Bechos’ é un proxecto infantil divulgativo con contido animado sobre o medio ambiente. Pretende sensibilizar os máis novos sobre as cuestións medio ambientais inmediatas e actuais visibles en Galicia e máis aló. Para iso ‘Bechos’ recolle as aventuras de catro amigos: Catuxa, Xurxo, Xiana e Margarida. Os protagonistas son catro animais moi presentes en Galicia, que trasladarán aos espectadores máis cativos historias universais. Xurxo é un xabaril preguiceiro e de gran corazón, ao que lle gusta e durmir e a torta de landras; a raposa Catuxa, espelida e imaxinativa, é a líder do grupo; a vaca Margarida, quere ser unha gran aventureira, pero é a que pon a prudencia, e a toupa Xiana, busca ser sempre o centro de atención e impoñer o seu criterio, con todo, sempre está aí para os seus amigos. 

O parque é o lugar onde Xurxo, Catuxa, Xiana e Margarida quedan para xogar todos os días. Os catro amigos non perden ocasión de pasalo ben, compartir e vivir aventuras en contacto coa natureza. Cada un ten o seu xeito de entender a diversión, pero xuntos conseguen que cada día sexa o mellor día do mundo. Con eles aprenderemos o respecto pola natureza, a necesidade de reciclar e o valor da amizade por riba de todas as cousas.


No elenco, amais de Touriñán, ‘Bechos’ conta con Patricia CastrillónLaura CantoLaura MahíaSanti JulMarita Martínez e Antía Touriñán.

 

Produto da convocatoria de proxectos dixitais da TVG 

A serie ‘Bechos’, que nace do maxín da produtora Undodez, forma parte dos contidos seleccionados na convocatoria de proxectos dixitais en lingua galega da CRTVG en apoio do sector audiovisual. Esta convocatoria pioneira en España lanzada en 2022 e repetida en 2023, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos.

Con estes proxectos, a Corporación quere promover a creatividade e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais, con propostas seleccionadas de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade