div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O atentado da discoteca Clangor de Santiago protagoniza o documental 'Viaxe á fin da noite santiaguesa' na plataforma dixital AGalega

Poderase ver en exclusiva na plataforma dixital da canle pública desde este xoves

Forma parte da serie documental ‘Historias de aquí’, en que tamén está dispoñible ‘Os sen nome’, unha peza sobre o accidente aéreo acontecido na Coruña en 1973

crtvg.gal 21/02/2024 16:01

Santiago, 21.02.2024.-    ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, da serie documental ‘Historias de aquí’, é o novo título que se estrea este xoves, en exclusiva, na plataforma dixital da canle pública, AGalega. Esta peza achégase ao atentado producido na discoteca compostelá Clangor en 1990.

O documental viaxa ao 10 de outubro dese ano. Aínda que é mércores, moitos estudantes universitarios quedan para saíren pola noite en Santiago de Compostela. A cidade vive o apoxeo universitario e as sensacións de euforia e liberdade enchen rúas, pubs e Clangor, o templo desta movida. Paula e Ana atópanse con Fran e Miguel. Apenas se coñecen, pero teñen ganas de pasalo ben. A última parada é Clangor. Cando está soando a primeira canción da sesión do disc-jóckey, as súas vidas vense truncadas para sempre. En ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, os protagonistas falan da súa vida universitaria, das súas ilusións e da percepción de inmortalidade na noite en que a inocencia morreu e, con ela, a movida compostelá.

‘Historias de aquí’ é unha serie que fusiona o documental e a ficción para dar unha perspectiva única sobre acontecementos, personaxes icónicos e fitos culturais que deixaron unha pegada imborrable na nosa memoria colectiva. Cada caso está dividido en dous episodios de 30 minutos. Neles, as voces dos expertos e dos protagonistas enlazan cunha ficción que non só as complementa, senón que lles proporciona un enfoque distinto. ‘Historias de aquí’ conta historias tráxicas, coma o accidente aéreo de Montrove -xa dispoñible na plataforma AGalega- ou momentos irrepetibles, como o da movida viguesa ou o achado duns aneis medievais con supostos poderes milagreiros, e que se irán estreando en exclusiva na nova canle dixital da CRTVG.

Primeiro mes de vida de AGalega

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. En total, sumando estas tres novas canles, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou teléfono) á smart tv a través do duplicador de pantalla, e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade