Todos os encontros europeos do Baxi Ferrol, na Galega desde este mércores - CRTVG
Todos os encontros europeos do Baxi Ferrol, na Galega desde este mércores
A G2 e AGalega.gal ofrecerán os 6 partidos da Eurocup feminina de baloncesto que enfrontarán tamén na fase de grupos o club ferrolán contra o Brno da República Checa e o Sportiva Azores luso
O primeiro encontro das ferrolás na Malata contra o Galatasaray turco poderase ver este mércores, ás 20:00 horas
Santiago, 8.10.2024.- Os medios públicos galegos ofrecerán, en directo, os partidos do Baxi Ferrol na Eurocup feminina de baloncesto. A primeira retransmisión da competición será este mércores, ás 20:00 horas desde A Malata, contra o Galatasaray turco, un dos conxuntos máis potentes do seu grupo.
A G2 e AGalega.gal, que mañá acompañan ás ferrolás no seu debut no grupo J da competición regular europea, emitirán tamén os restantes encontros nos que o Baxi Ferrol se medirá nesta fase de grupos, co Brno da República Checa e co Sportiva Azores luso. A Galega emitirá os seis partidos que as xogadoras da cidade naval enfrontarán cos tres clubs de baloncesto. Os partidos disputaranse en mércores, entre o 9 de outubro e o 27 de novembro.
As xogadoras de Lino López compiten este ano en dous torneos moi esixentes, como son a Liga Feminina Endesa e a competición europea, á que chegaron tras unha fase previa impecable. Todo un fito histórico para as xogadoras ferrolás, que compiten nun campionato que reúne algúns dos mellores equipos europeos desta disciplina. Co Baxi Ferrol-Galatasaray arranca mañá unha ilusionante temporada de baloncesto nos medios públicos galegos.