Alba López proclámase gañadora da quinta edición de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' - CRTVG
Alba López proclámase gañadora da quinta edición de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'
Na gran final, emitida onte na TVG, a concursante natural de Arteixo recibiu a máxima puntuación por parte do público e do xurado, e foi segunda na dos padriños
En segunda posición quedou a cubana Yamohe e a terceira finalista foi a ourensá Cristina Eirós
Santiago, 12.12.2024.- Alba López, unha das concursantes preferidas desde o principio, proclamouse onte gañadora da quinta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. A de Arteixo conseguía a vitoria tras recibir a máxima puntuación por parte do xurado, formado por Iago Pico, Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa. Alba tamén recibiu a máxima puntuación por parte do público, e quedou segunda na puntuación dos padriños.
Os catro padriños das grandes orquestras galegas (Lito, da Panorama; Blas, da París de Noia; Diego Barbazán, da Olympus, e Noly, de Los Satélites) decidiron dar a súa máxima puntuación a Yamohe, outra das favoritas, que quedou de segunda tras a suma de todos os puntos. Terceira quedou a concursante Cristina Eirós.
A final de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ tivo tres fases e contou coa participación de cinco finalistas: Costas, de Fornelos de Montes; Carlos Cereijo, de Begonte; Yamohe, de Cuba; Cristina, de Ourense, e Alba, a gañadora, natural de Arteixo. Nas dúas primeiras fases quedaron apeados do concurso Carlos Cereijo e Costas.
Na gran final do programa da TVG tamén actuaron nun divertido medley os tres concursantes non finalistas: Tamy, enfermeira que vive en Salvaterra de Miño; o cantante venezolano-galego Luís Febres e o divertido Iván Iglesias, de Tui. Tamén participou na gala o cantante Daniel Gigirei, gañador da cuarta edición da Liga, que interpretou o tema co que o ano pasado conseguiu a vitoria e lle fixo entrega do trofeo á súa sucesora.
A gañadora, Alba López, será a protagonista dunha gran gala coral con toda a familia de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. Esta quinta edición do concurso serviu, unha vez máis, para unir a familia das orquestras coa da televisión e descubrir novos talentos. O programa presentado pola carismática e polifacética María Mera foi case todos os días foi líder de audiencia na súa franxa horaria, con gran fidelidade e cifras de visionado espectaculares tamén nas redes.