'A liga dos cantantes extraordinarios' celebra este mércores as súas semifinais - CRTVG
'A liga dos cantantes extraordinarios' celebra este mércores as súas semifinais
Neste emocionante programa decidirase que tres concursantes quedan fóra da competición e que tres outros acompañan as dúas primeiras finalistas, elixidas a semana pasada
Santiago, 4.12.2024.- O programa ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (23:00 h) chega hoxe ás semifinais. Dúas concursantes xa están clasificadas para a gran final da vindeira semana e hoxe non compiten, pero o resto de compañeiros loitarán por conseguir un lugar.
O concurso presentado por María Mera deixa así atrás once programas onde os aspirantes acumularon puntos e desa clasificación saíron as primeiras dúas finalistas. O resto dos concursantes están hoxe cos nervios a flor de pel, xa que tres deles incorporaranse á final xunto a elas e outros tres quedarán fóra do soño de converterse en gañador.
Pola contra, Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa, os membros do xurado, respirarán esta noite un pouco ao saber que o público e os padriños tamén participarán na elección dos concursantes que pasan á final.
Será un programa decisivo con moitas sorpresas da man dos seis protagonistas que quedan na loita do gran agasallo, sen esquecer un obxectivo: coroarse como o ‘mellor cantante galego’ e lograr o premio de cantar nunha espectacular gala coas caras máis coñecidas do panorama verbeneiro galego.