A TVG participa en 7 novos proxectos de cine: 4 longametraxes, unha cinta de animación e 2 documentais - CRTVG
A TVG participa en 7 novos proxectos de cine: 4 longametraxes, unha cinta de animación e 2 documentais
A canle pública apoiará as películas ‘Rondallas’ e ‘Romaría, ‘As defensas ‘ e ‘Mil ourelas’, así como a cinta de animación ‘Chicae lobo’
A Galega participa tamén en dúas longametraxes documentais, ‘Xalundes e ‘Todo é cárcere’
Santiago, 30.12.2024.- Televisión de Galicia pecha o ano cunha nova aposta polo audiovisual galego coa participación en sete novos proxectos cinematográficos, dos que cinco son películas –unha de animación- e dous son proxectos documentais. Poderanse ver tanto na TVG como na plataforma dixital: www.agalega.gal.
No canto das longametraxes dúas delas son películas de alto presuposto nas que participan outras canles públicas coma TVE ou TV3. É o caso do proxecto do recoñecido produtor Ramón Campos, ‘Rondallas’, unha película costumista e apegada á identidade galega nunha vila mariñeira, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo; e de ‘Romaría’, na que a directora Carla Simón percorre a paisaxe da costa galega cara a procura das súas orixes familiares.
A terceira longametraxe, ‘As defensas’, será a ópera prima de Lucía Estévez, que dirixe e escribe unha historia que relata o descubrimento persoal en torno a tres eixos: a familia, o amor e a danza no Vigo dos anos oitenta. TVG tamén participará en ‘Mil ourelas’, ficción ambientada nos Ancares lucenses e que emprega dispositivos documentais integrados de xeito natural, facendo fincapé en tres importantes nocións da cultura popular: comunidade, transmisión e transcendencia.
Ademais, a longametraxe de animación seleccionada pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG é ‘Chica e lobo’, historia de suspense e fantasía con claras referencias ao anime xaponés e ao cómic francés. A cinta, producida por Xosé Zapata, será dirixida por Roc Espinet.
Os dous proxectos documentais apoiados nesta convocatoria son ‘Xalundes’, no que o director Xacio Baño transforma a lenda do Monte Medulio nunha escusa para aprender a mirar cara a montaña; e o proxecto ‘Todo é cárcere’, de Fílmika Galaika, que será dirixido por Eloy Enciso. Trátase dun documental creativo de memoria histórica que propón unha viaxe polo territorio español a partir dos lugares nos que existiron campos de concentración e que destaca por contrapoñer os relatos sobre o día a día daquela reclusión co estado e usos deses espazos hoxe en día.
Toda a información sobre esta resolución e as cintas apoiadas está dispoñible no Portal de Transparencia.