Á busca de novas parellas, 'O amor está en Galicia' chega hoxe á Estrada cunha dobre entrega - CSAG
Á busca de novas parellas, 'O amor está en Galicia' chega hoxe á Estrada cunha dobre entrega
O programa (22:45 h) reúne oito solteiros con perfís moi diferentes, entre verbenas, baile e conversacións sobre o amor, a idade e a convivencia

Santiago, 27.05.2026.- A Estrada será este mércores o punto de encontro de persoas que chegan desde distintos lugares de Galicia coa esperanza de atopar unha conexión real. Haberá perfís moi distintos, historias persoais potentes, segundas oportunidades e tamén algunhas preguntas inevitables: pode nacer algo entre dous descoñecidos? Importa tanto a idade? E que pasa cando unha cita chega coa idea clara de casar, pero a outra non quere sentirse controlada?
No primeiro programa, Laura Otero, de 42 anos, de Marín e traballadora en Radio Caldas, coñecerá a Juan Manuel Traba, de 37 anos, mariñeiro de Fisterra coñecido como O Conexo. Ela defínese como presumida, histriónica e con ganas de casar; el chega como un home festeiro, pouco amigo do control e con ganas de atopar unha muller extravertida, alegre e faladora.
Tamén haberá unha nova oportunidade para Michelle Lago, de 27 anos, cociñeira de Carnota, que volve ao programa disposta a deixarse sorprender. A súa cita será Daniel Pérez, de 24 anos, da Estrada, freelance audiovisual e de márketing, alegre, optimista, intensiño e afeccionado ao anime, aos videoxogos e á fotografía.
Na segunda entrega, a noite collerá ritmo de verbena. O programa poñerá o foco no baile, nas diferenzas de idade e neses tabús que ás veces aparecen cando a muller é maior que o home. Mikel Mariño, de 33 anos, técnico de Movistar de Mondariz, recoñece que non pode pasar un día sen bailar e que lle atraen as mulleres maiores. A súa cita será Belén Casal, de 39 anos, da Coruña, vinculada á organización de eventos e á hostalaría, verbeneira, bailonga e coa súa filla como prioridade absoluta.
A última cita estará protagonizada por David Daga, de 51 anos, de Tui, técnico de laboratorio e showman de cruceiros, e Silvia Domínguez, de 47 anos, de Cuntis, traballadora de axuda a domicilio. Ela chega despois de superar unha relación complicada e busca alguén que lle dea o seu lugar; el presume de poder poñer a bailar a calquera e de combinar dúas facetas moi distintas: a de artista e a de técnico de laboratorio.
Ao longo das dúas entregas, os presentadores de ‘O amor está en Galicia’, Paco Lodeiro e Laura Boado, percorrerán espazos emblemáticos da Estrada como a Praza da Constitución, o Palco da Música, a Praza da Inmaculada e as inmediacións da igrexa de San Paio. A vila tamén estará presente a través de referencias á Festa do Salmón, á Rapa das Bestas de Sabucedo e á vida social que se move arredor das verbenas e das salas de baile.
