CSAG Viva - CSAG
CSAG Viva
Na Semana do 8M, a TVG programa contidos e cine para dar voz a referentes femininas e impulsar o debate pola igualdade

Santiago, 02.03.2026.- Nesta semana que se celebra o Día da Muller, o 8M, os medios públicos galegos propoñen unha intensa programación de contidos informativos e de entretemento arredor da igualdade na TVG, a G2 e a plataforma AGalega.gal. Durante toda a semana os magazines ‘O Termómetro’, ‘Quen Anda Aí?’ e ‘Hora Galega’ darán voz a cuestións como o feminismo entre a mocidade, o papel da muller no ámbito laboral ou a violencia de xénero, así como á visibilización de referentes femininos.
E o prime time da segunda canle, a G2, dedicarase cada día estes contidos: o luns emitirase a miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, sobre a traxectoria da que foi a primeira muller española correspondente internacional, voz informativa das dúas guerras mundiais e da Revolución rusa. De martes a xoves emitirase a miniserie galega ‘Dalia, a modista’, historia que mestura intriga, amor e superación persoal, ambientada na posguerra nun contexto de fortes diferenzas sociais. A grella completarase con ‘Historias a pé de páxina’, con protagonismo feminino, e cunha selección de programas de entrevistas como ‘Elas’, ‘Din que non falan’, ‘En feminino singular’ e ‘Galegos’. Xa o sábado programarase a miniserie documental ‘Hitler, Garbo... e Araceli’ e o domingo estrearase na G2, e en AGalega.gal, o filme ‘O soño da sultana’, a primeira longametraxe europea de animación en formar parte da Sección Oficial do Festival de San Sebastián.
Cine na TVG
Na primeira canle, o xoves 5 emitirase a multipremiada película ‘O corno’, dirixida por Jaione Camborda e gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. E o venres 6, despois de ‘Luar’, estrearase a comedia dramática ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’, que cuestiona, a través da sátira e do humor ácido, os roles tradicionais e os estereotipos de xénero. Os dous filmes, que reforzan a aposta por historias con perspectiva feminina, quedarán dispoñibles despois na plataforma AGalega.gal.
Estrea da webserie ‘A moza que abortou e o contou’ en AGalega.gal
A plataforma AGalega.gal habilitará unha sección para reunir estas estreas das canles e unha coidada selección de títulos relacionados coa igualdade. Así mesmo, este luns estrea a webserie ‘A moza que abortou e o contou’, galardoada co Premio do Xurado Novo no Carballo Interplay 2025. A serie aborda a historia de Cora, quen comunica á súa familia que interrompeu voluntariamente o seu embarazo durante a cea de Nadal, desencadeando un intenso debate interxeracional.
Con esta programación especial, a CSAG reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade, a defensa dos dereitos das mulleres e a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva, en coherencia cos principios que rexen o servizo público audiovisual de Galicia.
'Expediente Oculto' analiza o crime de Yulissa e pon o foco nos perigos dos retos virais

Santiago, 2.3.2026.- ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) analiza este luns o crime de Yulissa. O cadáver dunha muller sen identificar aparece en 2015 nunha vide da Pobra do Caramiñal. Unha investigación policial, en tempo récord, destapa un cruel asasinato motivado por unha débeda mínima. O corpo de Yulissa Altagracia foi torturado cun desaparafusador antes de que os seus asasinos lle deran unha coitelada fatal.
A viaxe de ‘Expediente Oculto’ deste luns continúa en Santa Mariña de Augas Santas, na localidade ourensá de Allariz, un enclave termal marcado pola lenda dunha mártir que mantén vivo o misterio. Segundo conta a lenda, unha moza cristiá do século II foi perseguida polo pretor romano Olibrio. Tras sobrevivir a brutais torturas e ao lume, é decapitada e a súa cabeza rebota tres veces, facendo brotar tres mananciais milagreiros que dan nome ao lugar. Este emprazamento recibe cada ano ata 20.000 visitantes
No apartado sobre temas de actualidade, porase o foco nos retos virais e nos seus perigos. E para afondar nestes tres eixes, a presentadora Patricia Abet contará coa colaboración de Berta Rodríguez, Jorge Melchor, Begoña Rodríguez, Carlos Tresandí, Juan Pablo Sangiao, e José Antonio V. Taín.
‘Decorado’, participada por TVG, gaña o Premio Goya á mellor película de animación

Santiago, 1.3.2026.- A cinta ‘Decorado’ logrou facerse co Goya á mellor película de animación na gala do cine español celebrada este sábado en Barcelona e suma un novo gran éxito na súa traxectoria. Dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, ‘Decorado’ é unha fábula distópica, que combina humor e terror para construír unha alegoría sobre o control social e o artificio da vida contemporánea.
A película, que conta coa participación da Televisión de Galicia, está producida por Chelo Loureiro (Abano Producións), Iván Miñambres (Uniko), José María Fernández de Vega (The Glow) e Nuno Beato (Sardinha em Lata). ‘Decorado’ suma este premio Goya aos galardóns recollidos desde a súa estrea, nos premios Forqué e nos festivais “Fantastic Fest”, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, en Austin (Texas, EEU.UU.), e no Animation Is Film, de California.
As grandes triunfadoras da noite foron ‘Sirât’, do galego Oliver Laxe que obtuvo seis premios Goya e ‘Los domingos’ con cinco. A 40 edición dos Premios Goya foi presentada por Luis Tosar e Rigoberta Bandini no Auditori Fórum CCIB de Barcelona.
Televisión de Galicia segue apostando polo cine galego e confirmando cada ano a súa participación en novos proxectos. ‘Decorado’ foi unha das cintas seleccionadas na convocatoria de apoio ao cine do 2024. Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, ‘Decorado’ é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata. O proxecto conta co respaldo de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.
Televisión de Galicia e Radio Galega, recoñecidas polo seu apoio á VIG-BAY no 25º aniversario da carreira

Santiago, 27.02.2026.– Televisión de Galicia e Radio Galega foron recoñecidas polo seu apoio constante á VIG-BAY, o histórico medio maratón que cada primavera desde hai 25 anos une deporte, paisaxe e emoción nun percorrido único entre Vigo, Nigrán e Baiona.
A popular proba, referente do atletismo galego, celebrou este venres o aniversario cun acto en Vigo que reuniu os colaboradores, patrocinadores e medios de comunicación que fixeron posible a súa evolución e consolidación ao longo de dúas décadas e media.
Xoán Galán, xefe de Deportes da Corporación, recolleu a distinción en nome da CSAG, agradecendo o recoñecemento e reafirmando o compromiso da radio e televisión públicas co deporte galego e cos grandes eventos que promoven valores de participación, saúde e comunidade.
Durante este tempo, os medios públicos galegos acompañaron cada edición da carreira, levando ás pantallas e ás ondas non só a competición deportiva, senón tamén as historias de superación, esforzo e espírito colectivo que definen a VIG-BAY. Un labor de difusión que contribuíu decisivamente a reforzar a súa proxección e a convertela nunha das citas deportivas máis queridas do calendario do atletismo galego.
AGalegaAudio.gal estrea este xoves o pódcast 'Historia dun crime', un relato sonoro dos sucesos que conmocionaron Galicia

Santiago, 26.02.2026.- AGalegaAudio.gal estrea este xoves ‘Historia dun crime’, un pódcast narrativo de true crime que reconstruirá algúns dos sucesos máis impactantes acontecidos en Galicia nos últimos anos, cun enfoque rigoroso e documentado.
Con guión e locución de Cristina García, esta nova produción aposta por unha narración coidada que combina investigación xornalística, documentos xudiciais oficiais e fondos sonoros do arquivo da Radio Galega para ofrecer un relato completo e ordenado dos feitos.
Con deseño sonoro de David Varela e arquivo de son de Ramiro Santos, ‘Historia dun crime’ propón unha viaxe aos feitos tal e como quedaron probados, desde o momento en que se produce o crime ata o desenvolvemento da investigación policial e, cando proceda, o desenlace xudicial.
En cada episodio, Cristina García mergullarase nun caso real, detallando as circunstancias do crime e ofrecéndolles aos seguidores do xénero true crime unha aproximación baseada en datos contrastados e contextualizados, afastada da especulación e centrada no rigor informativo.
O primeiro capítulo, titulado ‘O crime de Pazos’, que estará dispoñible este xoves, trasladará os oíntes a Verín no ano 2015. O que semella inicialmente un intento de roubo nun domicilio da aldea de Pazos, en que unha muller sofre unha brutal agresión, acaba derivando nun desenlace moito máis tráxico. A través dunha reconstrución detallada, o episodio ofrecerá todas as claves para comprender o sucedido.
‘Historia dun crime’ continuará con estreas quincenais, abordando casos como ‘O crime dos Mouriño’, ‘O crime de Ana Enjamio’ ou ‘O crime de Elisa Abruñedo’, entre outros, porque hai historias que deixan pegada, sucesos que conmocionan vilas enteiras e casos que, co paso do tempo, seguen xerando preguntas.
Todos os episodios estarán dispoñibles en AGalegaAudio.gal e nas principais plataformas de pódcast.
Comeza a rodaxe da comedia 'Coworkinaos', a primeira coprodución de ficción entre a TVG e a TPA

Santiago, 24.2.2026.- Este martes arrincou en Asturias a rodaxe de ‘Coworkinaos’, unha serie de comedia con moita retranca ambientada na contorna rural asturgalega. É ademais a primeira coprodución de ficción entre as canles públicas galega e asturiana.
O inicio da rodaxe celebrouse en Morcín (Asturias), cunha visita aos estudios e unha presentación en que Lucía Herrera, directora de antena da RTPA, e Montse Besada, xefa de Contidos da CSAG, deron a coñecer coñecer os detalles da serie destacaron a relevancia desta alianza para o impulso do sector audiovisual galego e asturiano e abrir novas vías de colaboración.
A serie, gravada en galego e asturiano, retrata con humor e ironía, a vida cotiá nun coworking rural inspirado na realidade do teletraballo e no retorno ao campo. Seis personaxes principais de distintas xeracións e con distintas miradas sobre o traballo e a vida compartirán espazo e crearán situacións de tensións, diversión e moito enredo.
O elenco reúne talento galego e asturiano, reforzando o carácter transfronteirizo do proxecto, con Elena Seijo, Esther Estévez e Anxo Branco, pola parte galega, e a Eduardo Antuña, Félix Corcuera e María Cotiello, pola asturiana. Xuntos formarán unha peculiar ‘familia’ improvisada en que chocan egos e expectativas, dando lugar a situacións próximas e moi recoñecibles.
‘Coworkinaos’ enmárcase na convocatoria ‘Asturias e Galicia crean ficción’, creada para impulsar a produción de proxectos conxuntos nun modelo compartido capaz de xerar contidos con identidade propia e vocación de proxección máis aló de cada territorio. A CSAG e a RTPA dan así un paso estratéxico na súa colaboración, avanzando nun modelo de coprodución que fortalece os lazos culturais e lingüísticos e abre novas oportunidades para o sector nas dúas comunidades autónomas.
As producións 'Aquarium' e 'Chichi e máis eu' encabezan as estreas semanais de AGalega.gal

Santiago, 23.2.2026.- A plataforma AGalega.gal continúa ampliando a súa oferta audiovisual cunha nova quenda de estreas que combinan ficción e documental. As novidades da semana estarán marcadas especialmente pola chegada da curtametraxe ‘Aquarium’, do documental ‘Chichi e máis eu’, así como de tres novas longametraxes.
O martes 24 estréase a curtametraxe ‘Aquarium’, dirixida por Margharita Morello e ambientada nun futuro distópico. A protagonista, Electra, traballa nunha empresa de márketing e dedica o seu tempo libre ao deseño de roupa. O seu ascenso a directora de departamento esperta os celos dunha compañeira, que sabota o seu traballo e provoca o seu despedimento.
O documental ‘Chichi e máis eu’ (mércores 25 ), percorre a vida e obra de Xesús ‘Chichi’ Campos, pioneiro do cómic galego, loitador antifranquista, galerista e humorista. A través da mirada do seu fillo -que tiña once anos cando o artista faleceu-, o filme reconstrúe a traxectoria dunha figura singular e esquecida da cultura galega, dando resposta ás preguntas que quedaron pendentes durante décadas.
A programación complétase coa incorporación de tres longametraxes dispoñibles durante 30 días: ‘O fantasma do Open’ (xoves 26), comedia dramática británica inspirada na historia real do golfista afeccionado Maurice Flitcroft; ‘Débeda de honor’ (venres 27), wéstern ambientado na Nebraska de 1855, e ‘A madriña’ (sábado 28), thriller centrado nunha intérprete de árabe na brigada de estupefacientes da policía, que ve como a súa vida dá un xiro inesperado tras acabar cun cargamento de droga nas súas mans.
Con estas estreas, AGalega.gal reforza unha programación diversa que combina cinema internacional, produción autoral e memoria cultural galega.
'A boas horas!', un espectáculo en directo para revolucionar as madrugadas da fin de semana na Radio Galega

Santiago, 20.02.2025.- A Radio Galega estrea este sábado ‘A boas horas!’, un novo formato de entretemento que chega para darlles unha volta ás madrugadas da fin de semana cunha proposta fresca, dinámica e 100 % en directo.
O programa emitirase desde o estudio multimedia de San Marcos de 01:00 a 06:00 horas, tanto na Radio Galega como na G2, transformando a franxa nocturna nun espazo de humor, música e participación.
Á fronte estará o actor e humorista Toño Casais, que asumirá o papel de mestre de cerimonias nun formato inspirado nos grandes late night, adaptado á linguaxe, ao ritmo e á esencia da radio. Durante cinco horas, o guión convivirá coa improvisación e coa interacción constante coa audiencia.
O espazo contará tamén coa participación do televisivo Isi e da reporteira Alexandra Tojo, conformando un equipo aberto ao xogo e á sorpresa, en que cada noite será distinta. ‘A boas horas!’ combinará monólogos de actualidade, entrevistas pouco convencionais, dobraxes humorísticas, versións musicais en clave cómica, xogos en directo e rankings imposibles, ademais de espazos de participación sentimental.
A audiencia terá un papel protagonista a través de chamadas telefónicas, mensaxes de voz e redes sociais, reforzando o vínculo coa radio en directo e convertendo o programa nunha auténtica experiencia compartida. Con esta aposta, a Radio Galega reivindica a forza do directo e a capacidade da radio para acompañar, sorprender e divertir, convertendo as madrugadas da fin de semana nun gran escenario de humor e improvisación.
'Xente nova, leña verde', novo pódcast de AGalegaAudio.gal para desmontar estereotipos sobre a Xeración Z

Santiago, 19.02.2026.- AGalegaAudio.gal incorpora este xoves á súa grella de contidos ‘Xente nova, leña verde’, un novo pódcast elaborado por Iago Castro e dirixido á mocidade galega da Xeración Z. O espazo ofrecerá un total de seis episodios, cunha periodicidade quincenal.
As persoas coñecidas como ‘zetas’, nadas entre 1995 e 2010, viven unha etapa decisiva marcada polos estudos, os primeiros empregos e a construción da identidade adulta, nun contexto atravesado pola dixitalización e o cambio constante. A pesar diso, a Xeración Z segue a ser obxecto de tópicos e prexuízos, unha visión simplificadora que pouco reflicte a súa realidade diversa e complexa.
Precisamente para rachar con esas visións nace ‘Xente nova, leña verde’, un programa que busca desmontar estereotipos e ofrecer un espazo propio en que a Xeración Z galega poida verse reflectida e identificada. O pódcast propón unha achega honesta e directa ás súas preocupacións, expectativas e formas de entender o mundo.
Ao longo das súas seis entregas, o proxecto percorrerá temas que atravesan a vida da mocidade actual, desde o impacto de Internet e a cultura dixital -co arranque en ‘Ser un meme de por vida’, con @aleixosf e Marta Pérez- ata os debates máis recorrentes sobre o emprego e a precariedade, presentes en ‘Os novos non queredes traballar’, con Merce Silva e María Candamo.
A serie tamén se deterá na relación co pasado recente e coa identidade xeracional en ‘A nostalxia da zeta’, con Aida Barros e Ainhoa Otero, así como na carga emocional e nas esixencias sociais que pesan sobre a xente nova, tratadas en ‘Sentir presión’, con Lucía Rial e Iago Roel.
Outros episodios abordarán cuestións tan necesarias como a maneira en que falamos dos corpos, en ‘Falamos mellor do noso corpo e do alleo?’, con Anabel Lens e Alejandro Quinto, e tamén a volta ao esencial, ás orixes e ao vínculo co territorio en ‘Volver ás raíces’, con Luís do Río e María.
Con este novo proxecto sonoro, AGalegaAudio.gal reforza a súa aposta polos contidos de proximidade e pola creación de espazos que lles dean voz ás novas xeracións, contribuíndo a un diálogo interxeracional máis realista.
Marcial Mouzo despídese este sábado dos oíntes do 'Pensando en ti' da Radio Galega

Santiago, 13.02.2026.- A voz de Marcial Mouzo soará por última vez este sábado á noite desde o estudio do programa ‘Pensando en ti’, na Radio Galega. O veterano e querido comunicador despídese así da audiencia e inicia unha nova etapa tras 41 anos de traxectoria na emisora pública galega.
‘Pensando en ti’ leva en antena desde 1996 e está consolidado como o programa líder das madrugadas en Galicia. Emitido en directo de luns a venres, entre a 1:00 e as 6:00 horas, converteuse durante todo este tempo nun espazo de referencia para milleiros de persoas que atoparon nel compañía, diálogo e escoita activa nas horas máis silenciosas do día.
Ao longo destas décadas, o programa acompañou xeracións de galegas e galegos que traballan ou permanecen espertos durante a noite: desde fogares, rúas, taxis e camións ata panaderías e outros oficios nocturnos. As historias persoais, confidencias e conversacións compartidas fixeron de ‘Pensando en ti’ moito máis que un espazo radiofónico: unha auténtica comunidade de oíntes.
Baixo a dirección e condución de Marcial Mouzo, ese vínculo medrou ata converterse nun fenómeno social que transcendeu as ondas. Durante anos, milleiros de seguidores participaron nos tradicionais encontros de verán organizados arredor do programa, a Romaría do ‘Pensando en ti’, reforzando unha relación próxima e duradeira que marcou unha etapa singular na historia da radio en Galicia.
O ‘Pensando en ti’ tamén foi e é moito máis que un programa de radio de acompañamento e de escoita, é un programa que foi referencia en momentos informativos que fixeron historia con conversas con protagonistas que chamaban desde todas partes do mundo, como foi o caso, por exemplo, dos atentados do 11-S en Nova York.
‘Pensando en ti’ continuará en antena de luns a venres, de 1:00 a 6:00, coa condución de Pepe Capelán. Pola súa parte, Marcial Mouzo seguirá ligado á Televisión de Galicia a través do programa ‘Quen Anda Aí?’, iniciando agora un merecido descanso nas noites tras máis de tres décadas acompañando a audiencia na madrugada.
O Entroido vívese en AGalega.gal con contidos especiais e estreas como 'Vienna Blood' e o humor de 'Galicia crime'

Santiago, 9.2.2026.- AGalega.gal afronta os vindeiros días cunha programación marcada polo Entroido e por importantes novidades no seu catálogo. A plataforma acaba de estrear unha nova sección especial dedicada a esta celebración, en que se recompila toda a actualidade do Entroido 2026, xunto cunha ampla selección de pezas divulgativas sobre as súas tradicións máis singulares. Este espazo actualizarase a diario con novos contidos, reportaxes e materiais especiais, converténdose nun punto de referencia para vivir e coñecer en profundidade unha das festas máis representativas da cultura galega.
No ámbito da ficción internacional, o martes 10 chegará á plataforma a serie de suspense ‘Vienna Blood’, dispoñible en versión orixinal subtitulada en galego. Ambientada na Viena de comezos do século XX, a produción segue as investigacións dun novo médico discípulo de Sigmund Freud que colabora coa policía na resolución de complexos crimes, combinando os primeiros conceptos da psicanálise co método clásico policial.
Unha das grandes apostas da semana será a incorporación, o mércores 11, do documental ‘O país dos mixtos’, que recupera a historia do Couto Mixto, territorio singular situado na raia entre Galicia e Portugal e formado polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus. O filme afonda na memoria dunha comunidade con identidade propia e privilexios únicos durante máis de cinco séculos, ofrecendo unha valiosa mirada histórica e cultural sobre este enclave tan especial.
O xoves 12 será o momento para o humor galego coa estrea da webserie ‘Galicia crime’, protagonizada polo detective Dowson e o sarxento Pillei, dous peculiares policías de Carballork que combaten o crime nunha Galicia disparatada e americanizada. Ese mesmo día incorporarase tamén á carta o programa ‘Somos animais’, tras a súa emisión na TVG.
Outra cita destacada será o luns 16 coa chegada de ‘CeibaRimas. O freestyle en galego existe’, un programa especial en catro capítulos que recolle a gran final da principal competición de rap improvisado en galego, con batallas, actuacións e entrevistas que amosan a forza da cultura urbana galega.
A programación complétase con novas estreas cinematográficas, que estarán dispoñibles durante 30 días: o venres 13 chegará o thriller francés ‘Non llo digas a ninguén’, gañador de catro Premios César; o sábado 14 proporase o filme romántico de época ‘A lume lento’, e o martes 17 incorporarase o wéstern ‘O cazador de recompensas’.
'Bágoas na chuvia', a memoria emocional do cine, estrea este xoves en AGalegaAudio.gal

Santiago, 5.2.2026.- AGalegaAudio.gal estrea o mes de febreiro cun novo podcast: ‘Bágoas na chuvia’, un espazo sonoro dedicado ás bandas sonoras do cine que deixaron pegada na nosa memoria emocional. Un podcast de Isidro Cea para escoitar, lembrar… e sentir o cine a través da súa música.
Inspirado na célebre reflexión de Roy Batty en ‘Blade Runner’, ‘Bágoas na chuvia’ propón escoitar a música como quen recupera lembranzas que falan do tempo, da beleza efémera e das historias ben contadas. Cada melodía é unha emoción; cada partitura, un recordo que se resiste a desaparecer.
Cunha publicación quincenal, cada xoves Isidro Cea levará a audiencia por unha viaxe sonora a través do cine, explorando estilos, xéneros e épocas en que a música foi clave para construír emoción, identidade e imaxinario colectivo.
James Horner e as súas bandas sonoras, protagonistas este xoves
O episodio deste xoves está dedicado a un dos compositores máis recoñecibles e emocionais da historia do cine, James Horner. A través das súas bandas sonoras, o programa percorre melodías cheas de épica, tenrura e aventura, debuxando o retrato dun autor cun estilo inconfundible que marcou xeracións enteiras. Os autores do cine contemporáneo, o cine de ciencia ficción e o de fantasía completan esa viaxe.
‘Bágoas na chuvia’ é toda unha experiencia sensorial, íntima e evocadora, que convida a deter o tempo e deixar que a música leve os oíntes de volta a momentos inesquecibles da gran pantalla. Cada melodía convértese nunha emoción. Cada partitura, nun recordo que se resiste a desaparecer porque antes de que todo se perda… como bágoas na chuvia, queda a música.
AGalegaAudio.gal, a plataforma de referencia en galego
AGalegaAudio.gal é a plataforma de referencia da radio en galego en que se atopa toda a programación da Radio Galega, así como un amplo abano de podcasts, videopodcasts e contidos nativos exclusivos de humor, cine, historia, ficción, cultura, deporte, música, etc. A plataforma é gratuíta e está a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta. Pódese descargar desde Google Play, Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes (dispoñible para descargar en versión iOS e Android).
Un documental galego sobre Cela e Alberti, a miniserie 'Efémeras' e a webserie de Pedro Brandariz lideran as estreas semanais de AGalega.gal

Santiago, 18.1.2026.- A produción galega e a ficción internacional protagonizan as novas estreas de AGalega.gal esta semana, cun especial protagonismo para o documental galego ‘Á destra e á sinistra’, a miniserie británica da BBC ‘Efémeras’ e a webserie de humor ‘Peter Brandon’, creada e protagonizada por Pedro Brandariz. Estas incorporacións amplían a oferta de ficción, cinema e documental da plataforma, que continúa ofrecendo á audiencia todo o contido da grella da TVG.
Entre estas estreas cómpre salientar o documental galego ‘Á destra e á sinistra’ (mércores 21), que afonda na correspondencia entre Camilo José Cela e Rafael Alberti. A través deste diálogo epistolar entre dous escritores ideoloxicamente afastados, a obra ofrece unha reflexión sobre o contexto literario e social da época e rende homenaxe á literatura como espazo de encontro máis alá das diferenzas.
Outra das propostas recomendadas é a miniserie británica ‘Efémeras’ (venres 23), unha especie de carta de amor ás amizades masculinas e ao que estas significan, realizada pola BBC. Esta produción de dous capítulos, que aborda con sensibilidade e intensidade os límites da amizade, relata a historia real do novelista Andrew O’Hagan, que escribiu o libro homónimo (‘Mayflies’) despois de que seu amigo da infancia morrera aos 51 anos. Os protagonistas desta serie dramática, Tully e Jimmy, amigos de toda a vida, enfróntanse á súa proba máis dura cando Tully, enfermo terminal, decide poñer fin á súa vida en Suíza coa axuda do seu amigo. A situación complícase cando a muller de Tully descobre os seus plans e se opón firmemente á decisión.
A primeira novidade da semana chega o luns 19 coa estrea da webserie ‘Peter Brandon’, de Pedro Brandariz. Nela, o cómico galego, a piques de facer 40 anos, atravesa unha crise persoal e profesional marcada pola falta de ilusión e pola necesidade de conectar cun público máis novo. Co obxectivo de reinventarse, decide crear un novo alter ego, Peter Brandon, co que aspira a redefinir o seu humor e deixar unha nova pegada artística.
A plataforma AGalega.gal suma, amais, novos títulos do cinema internacional. O martes 20 incorporarase o filme ‘O legado’, un drama ambientado na baía de Arcachón, en que un recoñecido ostricultor sofre un intento de asasinato que o deixa gravemente ferido. As súas tres fillas reúnense ao seu carón nun momento en que o futuro da granxa familiar, L’Héritage, queda no aire. A longametraxe estará dispoñible durante 30 días.
O xoves 22 será a quenda do thriller ‘Conspiración’, protagonizado por Jerry Fletcher, un taxista neoiorquino obsesionado coas teorías conspirativas que parecen condenalo a vivir nun mundo de fantasía. Porén, unha serie de acontecementos inesperados comezan a darlle a razón e, xunto a Alice, unha axudante do fiscal, verase envolto nunha perigosa trama que cuestiona todo o que parecía absurdo. O filme estará dispoñible durante 7 días.
E finalmente, o sábado 24 estrearase o filme ‘Pais e nais’, unha comedia dramática danesa protagonizada por Ulrik e Piv, unha parella que intenta integrarse no grupo de familias da nova escola da súa filla. O que comeza como un intento por encaixar convértese nun retrato incómodo e irónico das dinámicas sociais contemporáneas, cheas de egos, hipocrisía e inseguridades. A película estará dispoñible durante 30 días.
Con estas estreas, AGalega.gal reforza a súa programación semanal cunha oferta diversa e de calidade, sen deixar de ofrecer á audiencia todo o contido habitual da grella da TVG.
'Saúde e Rock and Roll' chega a Radio Galega Música

Santiago, 12.01.2026.- Os clásicos do rock e do pop coas historias que hai detrás das cancións chegan a Radio Galega Música os venres ás 22:00 h. Da man de Ricardo Alonso, cada semana, o programa ‘Saúde e Rock and Roll’ levaranos de viaxe pola historia dos grandes himnos do rock a través das anécdotas e curiosidades que hai detrás dos clásicos da música rock e pop e que seguen marcando xeracións.
O espazo é xa accesible na plataforma dixital e agora tamén en Radio Galega Música os venres ás 22:00 h.
AGalegaAudio.gal é a plataforma de referencia da radio en galego en que se atopa toda a programación da Radio Galega, así como un amplo abano de podcasts, videopodcasts e contidos nativos exclusivos de humor, cine, historia, ficción, cultura, deporte, música, etc. A plataforma é gratuíta e está á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta. Pódese descargar desde Google Play, Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes (dispoñible para descargar en versión iOS e Android).
Rodrigo Vázquez regresa este luns á TVG á fronte dunha nova temporada de 'Atrápame se podes'

Santiago, 9.1.2026.- A sobremesa da TVG estrea este luns unha nova temporada de ‘Atrápame se podes’, un dos concursos máis recoñecibles da canle, que regresa cun formato dinámico, cheo de ritmo e coa complicidade dun presentador moi querido pola audiencia galega, Rodrigo Vázquez.
De luns a venres, arredor das 15:40 horas, o comunicador ourensán ponse de novo á fronte deste concurso de cultura xeral, en que cinco concursantes compiten en roldas eliminatorias polo cobizado bote, que nesta nova etapa parte de 10.000 euros. Axilidade mental, rapidez e estratexia son as claves dun formato que mantén a súa mecánica clásica e que combina preguntas individuais e en parella para poñer a proba os coñecementos dos participantes.
En ‘Atrápame se podes’ os cinco concursantes rivalizan semanalmente nun formato composto por cinco fases. As eliminacións comezan a partir da segunda rolda e, en cada programa, só un deles logrará chegar á proba definitiva, o ‘minuto final’. Nela deberá responder correctamente cinco preguntas para optar ao bote, que irá aumentando programa a programa ata que alguén consiga gañalo. Como principal novidade, o concurso premiará con 100 euros cada resposta correcta na fase do ‘minuto final’, aínda que non se complete o reto completo.
Durante as primeiras emisións desta nova etapa, Rodrigo Vázquez animará tamén a audiencia a participar no programa, abrindo o proceso de cásting para novos concursantes. As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 618 388 087 cos seus datos de contacto.
Preto de cumprir as 1.000 emisións na súa anterior etapa na TVG, ‘Atrápame se podes’ entregou o maior premio da historia da canle pública galega, 101.800 euros, que acadou o coruñés Iván Pantín.
Televisión de Galicia leva os telexornais do luns ao paseo do Parrote na Coruña

Santiago, 05.01.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) realiza este luns unha despregadura especial con motivo da xornada das Cabalgatas de Reis, unha das citas máis significativas do calendario festivo en Galicia, especialmente para o público infantil e familiar.
Os Telexornais do mediodía e da noite emítense hoxe en directo desde un dos puntos máis céntricos da Coruña, no Parrote, fronte á Porta Real, como parte da aposta da CSAG por levar os informativos á rúa e achegar a información á cidadanía nos grandes eventos de interese social que se viven en vilas e cidades de toda Galicia.
O ‘Telexornal mediodía’ foi presentado por Carlos Amado, mentres que o ‘Telexornal serán’ correrá a cargo de Pablo Muñoz. Emítense desde un estudio móbil de última xeración, concibido para facilitar a mobilidade dos informativos e a súa realización desde diferentes puntos do territorio galego, reforzando un modelo de medios públicos próximos, dinámicos e en contacto directo coa realidade social.
A despregadura complétase coa emisión, desde o mesmo emprazamento, do programa ‘A tarde’ da Radio Galega, presentado por Antón Rebollido, con contidos especiais vinculados ás celebracións de Reis que se desenvolven en toda Galicia. Está prevista a participación de convidados relacionados coa seguridade, a cultura, a creación artística e o ámbito infantil, así como actuacións musicais e espazos divulgativos, nunha proposta pensada para todos os públicos.
No que vai de tempada, desde o pasado mes de setembro, a TVG levou os seus telexornais a distintos puntos do territorio galego, con emisións especiais desde Lugo, A Toxa, Ourense e Tui, coincidindo con acontecementos informativos, culturais e sociais de especial relevancia.
Eva Iglesias, Aitana del Mar, Arturo Fernández e Eddy Insua despedirán o ano coa audiencia galega

Santiago, 24.12.2025.- A Televisión de Galicia prepárase para vivir unha noite máxica de Fin de Ano cunhas badaladas moi especiais. Eva Iglesias, Aitana del Mar, Arturo Fernández e Eddy Insua serán os encargados de acompañar todos os galegos na chegada de 2026, tomando as uvas en directo desde a emblemática praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Os catro presentadores, caras moi familiares da canle pública, chegan a esta cita tras conquistar os fogares galegos a través de programas tan queridos como ‘Luar’, ‘Land Rober +Show’, ‘Sala G’ ou o máis novo en chegar, ‘Pulso activo’. A súa proximidade e carisma serán os ingredientes perfectos para recibir o novo ano por todo o alto.
Un pouco antes da medianoite do 31 de decembro, Xosé Ramón Gayoso daralles paso desde o estudio da ‘Gala de Fin de Ano’ da canle, para retomar xusto despois o especial de música e festa que a TVG programa para a última noite do ano.
O presentador Rodrigo Vázquez volve á TVG polo Nadal nos especiais de 'Atrápame se podes'

Santiago, 19.12.2025.- O presentador galego Rodrigo Vázquez regresa polo Nadal á súa casa, á Television de Galicia, na que se deu a coñecer e desenvolveu boa parte da súa carreira. Vázquez volve á Galega para presentar os especiais de Nadal de ‘Atrápame se podes’.
Desde o luns 22 de decembro, Rodrigo Vázquez presentará de luns a venres (15:45 h), xusto antes do ‘Quen Anda Aí?’, unha edición solidaria de ‘Atrápame se podes’, en que personaxes famosos concursarán e doarán os premios a causas solidarias. Entre eles, estarán presentadores, actores e humoristas, todos rostros ben coñecidos para os espectadores da TVG. Na semana de Reis Magos os protagonistas serán nenos e nenas, nunha edición moi especial do concurso, pensada para a audiencia máis familiar.
O formato contará con cinco roldas eliminatorias con preguntas de cultura xeral e o premio dedicarase cada día a unha organización social diferente. Cada xornada poranse en xogo 1.500 euros, que se poden entregar íntegros ou acumularse parcialmente, de xeito que o bote pode ir crecendo cada día. No caso da edición infantil, os premios non serán en metálico, senón en forma de agasallos para os participantes.
Concursos de Nadal, unha gran cea para Noiteboa e moita música acompañarán os galegos desde a TVG estas festas

Santiago, 19.12.2025.- A retransmisión do sorteo da Lotaría de Nadal, o luns 22, dará comezo á programación especial de Nadal da Televisión de Galicia. Ás 08:30 h, e con Pablo Muñoz e Nuria Castro como presentadores, comezará un especial con ampla cobertura por toda Galicia na busca de posibles afortunados e puntos de directo no salón de lotarías en Madrid.
Ese mesmo luns chega á pantalla a gran novidade do Nadal. Rodrigo Vázquez volve á TVG e ponse á fronte dun dos concursos máis agardados da Galega, ‘Atrápame se podes’, nunhas edicións especiais de Nadal. O concurso terá como protagonistas caras coñecidas da canle, durante as semanas de Nadal e Fin de Ano, e contará cos máis pequenos da casa durante a semana de Reis.
Na Noiteboa, os espectadores da TVG pasarán a velada con ‘A Gran Cea’. María Mera e César Romero serán os anfitrións da noite, en que participarán os concursantes, os padriños e o xurado de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’.
Na tarde do 25 de decembro, máis entretemento da man do espazo ‘Nadal Challenge’, no que se buscará a casa coa mellor decoración das catro provincias galegas. Media ducia de vivendas competirán por recibir o premio do programa presentado por Cristina Andrade: un cheque de 1.000 euros. E pola noite comezará un experimento musical único: ‘Sala G. O mellor dúo da historia’, un espectáculo presentado por Arturo Fernández en que os grandes nomes da música compartirán escenario co talento galego actual. Serán tres programas especiais, o 25, o día de Aninovo e o 8 de xaneiro, con dúas semifinais e unha gran final e coa participación de seis parellas musicais en cada unha delas.
Para despedir 2025, a música dos 90 será protagonista na ‘Gala de Fin de Ano’ presentada por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar. Contará coa actuación de artistas destacados desa década como Marta Sánchez, Azúcar Moreno, Los Limones, OBK, Rebeca, La Década Prodigiosa e Los Manolos. Boris Izaguirre e Lalo Penelas, o ‘chapuzas’ do ‘Luar’, terán unha presenza destacada no programa. Esa noite, en directo e desde a praza do Obradoiro, a TVG retransmitirá as 12 badaladas coas que se lle dará a benvida ao 2026, da man de Eva Iglesias con outros tres acompañantes que se anunciarán nestes días.
Para o serán do 1 de xaneiro, resérvase o especial ‘Nada é para sempre’, que recompilará as actuacións musicais máis emblemáticas e curiosas dos 40 anos de historia da TVG. Coa narración de Kiko Novoa, a voz das mañás da Radio Galega, os espectadores verán artistas internacionais, nacionais e galegos, e escoitarán os temas máis coñecidos dos cantantes e grupos que máis triunfaron.
Na tarde do 5 de xaneiro, chegará a tradicional retransmisión da cabalgata de Reis, nesta ocasión desde as rúas da Coruña, nun programa que conectará tamén con outras cidades e vilas galegas. Esa noite e ao día seguinte, 6 de xaneiro, emitiranse no prime time senllas edicións especiais do reality show de baile ‘Bailamos Celebrity’, cos famosos dándoo todo na pista de baile e nunha festa en que só pode gañar unha parella.
Directos, música, humor, tradición, ilusión e solidariedade, na Radio Galega
A Radio Galega tamén prepara unha programación especial para acompañar a audiencia este Nadal, con directos, música, humor, tradición e moita ilusión. Como no caso da TVG, as propostas para estas datas comezarán co sorteo da Lotaría e incluirán un especial de ‘Fondos Reservados’ para a Noiteboa e outro titulado ‘Saúde e rock and roll’ para o día de Nadal, que permitirá lembrar e reivindicar o espírito natalicio dos grandes roqueiros de sempre.
Ademais, ‘Seres’, o programa da medianoite da Radio Galega, presentado por Rubén Riós, emitirá o día 24 unha edición especial realizada no comedor social da asociación Vida Digna, en Vigo, cun obxectivo claro: poñer o foco na compaña, na escoita e na dignidade, nunha noite en que ninguén debería sentirse só nin soa.
O 30 de decembro, a ficción sonora volverá ocupar un lugar destacado coa recuperación do radioteatro en ‘Galicia por Diante’. Xa o mércores 31, a RG despedirá o ano coa retransmisión en directo das badaladas desde o Obradoiro. Finalmente, o luns 5 de xaneiro, a emisora acompañará ás Súas Maxestades de Oriente na Cabalgata de Reis da Coruña.
Máis contidos para a cativada en Xabarin.gal
A plataforma dixital prepara estreas para este Nadal, con contidos de animación para toda a familia. A proposta especial arranca este venres coa estrea da serie ‘Os Bolechas cantan ao Nadal’, á que seguirán unha edición de Nadal das ‘Aventuras de Paddington’, ‘Betty Atómica’, ‘O abominable meniño das neves’ e ‘O neno e a besta’. A última semana do ano estará dedicada a Wallace e Gromit, cunha selección das súas curtametraxes máis emblemáticas e premiadas.
Xabarin.gal celebra o Nadal cunha chea de estreas e animación para toda a familia

Santiago, 18.12.2025.- Este Nadal, Xabarín.gal convértese no espazo de referencia para o entretemento familiar en galego cunha programación especial cargada de novidades pensadas para todas as idades. Xunto ás estreas destas datas, a plataforma infantil e xuvenil da CSAG lembra que toda a familia pode seguir gozando en galego de series moi populares, como ‘A patrulla canina’, ‘As aventuras de Paddington’, ‘Ladybug’, ‘As Tartarugas Ninja’, ‘Sonic Boom’, ‘Shin Chan’ ou ‘Doraemon’, dispoñibles de maneira continuada.
A programación especial arranca este venres coa estrea da serie ‘Os Bolechas cantan ao Nadal’, unha viaxe musical polas tradicións galegas destas festas. Braulio percorre diferentes puntos da xeografía para descubrir cantares de Reis e costumes populares que se manteñen vivos grazas ao labor de asociacións culturais e agrupacións musicais. Ese mesmo día ampliarase tamén a sección de músicas do Xabarín cun novo espazo dedicado ás ‘Cancións dos Bolechas cantan ao Nadal’.
O luns 22 de decembro chegará a Xabarin.gal un especial de Nadal das ‘Aventuras de Paddington’, acompañado da creación dunha sección especial de Nadal con contidos temáticos para gozar durante todas as festas. Ao día seguinte, o martes 23, estrearase a serie ‘Betty Atómica’, protagonizada por Betty, unha nena de dez anos que combina a súa vida cotiá cos deberes dunha heroína espacial. Xunto ao piloto alieníxena Sparky e ao robot X-5, forma parte dunha organización secreta que ten como misión salvar a galaxia, nunha serie chea de acción, humor e aventura.
O mércores 24 será a quenda do especial ‘O abominable meniño das neves’, unha historia baseada nun relato de Terry Pratchett que aposta pola empatía e a convivencia a través da relación entre unha avoa, o seu neto e unha sorprendente criatura das neves. Este contido emitirase tamén na G2 o día 25.
O venres 26 estrearase o filme de anime ‘O neno e a besta’, do director Mamoru Hosoda, unha emocionante historia de aprendizaxe, amizade e crecemento persoal ambientada nun mundo fantástico, recoñecida en numerosos festivais internacionais. Recibiu o premio da Academia Xaponesa á mellor película de animación en 2016.
A última semana do ano estará dedicada a Wallace e Gromit, cunha selección das súas curtametraxes máis emblemáticas e premiadas. Así, o luns 29 porase á disposición ‘A aventura espacial’; o martes 30, ‘Os pantalóns trabucados’, e o mércores 31, ‘Polos pelos’. Estas curtametraxes, que tamén se emitirán pola segunda canle da TVG en días posteriores, gañaron numerosos premios internacionais.
Xa no novo ano, o venres 2 de xaneiro, aterrará en Xabarin.gal o filme xaponés ‘Belle’, unha reinterpretación moderna de ‘A Bela e a Besta’ ambientada nun mundo virtual, que explora a identidade, o dó e a beleza interior na era dixital. Esta película recibiu múltiples premios e candidaturas en festivais en 2021 e 2022.
A programación complétase o luns 5, véspera de Reis coa curtametraxe ‘Wallace e Gromit: un asunto de pan ou morte’, unha historia chea de intriga e comedia arredor dun misterioso caso que ameaza o novo negocio de panadaría de Wallace. Candidata aos Óscar e gañadora dun BAFTA á mellor curtametraxe de animación, emitirase na G2 o día 6.
Como última novidade, o venres 9 volverá un clásico do Xabarín: a serie ‘Sarxento Keroro’, unha comedia de animación en que unha ra alieníxena e o seu peculiar exército chegan desde o planeta Keron coa intención de invadir a Terra, pero acaban vivindo situacións tan absurdas e divertidas que a conquista queda sempre en segundo plano.
Con esta programación especial, Xabarín.gal reafirma a súa aposta por un Nadal cheo de animación, humor e historias para compartir en familia, combinando estreas destacadas con series e personaxes xa imprescindibles para varias xeracións.