Tratamento da discapacidade nos medios de comunicación - CRTVG
Tratamento da discapacidade nos medios de comunicación
QUE É O CERMI? Comité de Entidades Representantes de persoas con Discapacidade de Galicia
O CERMI Galicia é o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia. A súa función é representar e defender ás persoas con discapacidade de Galicia.
Constituíuse o 17 de febreiro de 1999, chegando a un acordo 4 organizacións autonómicas de persoas con discapacidade:COGAMI, FADEMGA-FEAPS Galicia, FAXPG e ONCE. Máis tarde tamén se uniron FEAFES Galicia, DOWN Galicia, AUTISMO Galicia e FEGADACE.
Segundo os últimos datos, en Galicia hai 260.360 persoas con discapacidade.
NORMAS BÁSICAS PARA TRATAR A DISCAPACIDADE NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN (TELEVISIÓN, RADIO, INTERNET, XORNAIS)
Os medios de comunicación (televisión, radio, internet, xornais), falan de diferente maneira das persoas con discapacidade. Por iso, é necesario que todos os xornalistas traten igual o tema da discapacidade.
As conclusións dos xornalistas reunidos no I Encontro sobre "Periodismo e Discapacidade" en 2004, (coñecida como Declaración de Salamanca) son un exemplo de boas prácticas á hora de falar das persoas con discapacidade:
- O artigo 1 da Declaración de Dereitos Humanos (documento onde se recollen os dereitos das persoas) di que "todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos". Para isto é necesario que os medios de comunicación, axuden a que as persoas con discapacidade poidan disfrutar dos seus dereitos.
- As persoas con discapacidade no pasado, foron apartadas da sociedade por: ignorancia, falsas crenzas, prexuízos, cultura,... Estes pensamentos foron difíciles de superar. Todo isto, provocou inferioridade, illamento e exclusión das persoas con discapacidade así coma dificultade para defender os seus dereitos.
- As persoas con discapacidade son, aproximadamente, o 10 por cento da poboación española. Forman un grupo variado que ten problemas moi diferentes, polo que sería un erro pensar que todas as discapacidades son iguais.
- As estatísticas dinnos que é moi difícil para as persoas con discapacidade o acceso ó emprego, á educación, ó ocio ou a cultura, a pesar de que hai medidas que lles axuda.
- Os medios de comunicación dan informacións sobre discapacidade, pero non de forma correcta. Comunican ideas equivocadas que non eliminan os prexuízos.
MEDIDAS PROPOSTAS
Os xornalistas propoñen medidas para que os medios de comunicación dean á sociedade ideas axeitadas sobre as persoas con discapacidade:
- Non presentar ás persoas con discapacidade como vítimas. Hai que centrarse en superar as dificultades que teñen para que se cumpran os seus dereitos (barreiras arquitectónicas, ter un emprego, unha vivenda, atención sanitaria,…)
- Escoitar ás persoas con discapacidade como persoas independentes e protagonistas das súas vidas. É importante que a sociedade os vexa e os escoite. "Nada sobre nós sen nós", é unha frase que debemos ter en conta cando damos información.
- Non utilizar unha linguaxe discriminatoria que dea máis importancia á discapacidade que á persoa. Hai que elixir con coidado as palabras que usemos para definir ás persoas con discapacidade. As palabras como minusválido ou incapaz deben evitarse para que non se vexan como "enfermos".
- Informar de que as persoas con discapacidade teñen unha vida activa, e que non só viven de axudas.
- Incluír ás persoas con discapacidade en todo tipo de información. Non só naquela na que a discapacidade é o tema principal.
- Mostrar as persoas con discapacidade como persoas con dereitos e destacando as súas capacidades. Favorecer que as persoas con discapacidade non se vexan de xeito especial.
- Explicar a situación da persoa con discapacidade e do entorno que o rodea, axuda á xente a coñecer mellor a discapacidade.
- Falar da discapacidade de forma axeitada, sen dar pena, nin presentar á persoa con discapacidade como un heroe.
É MOI IMPORTANTE
Valorar que as persoas con discapacidade se informan.
- Que a presenza das persoas con discapacidade na radio,televisión e xornais sexa máis alta.
- Que a información das páxinas web sexa accesible e adaptada para as persoas con discapacidade.
- Informar sobre cómo inflúen as medidas políticas na vida das persoas con discapacidade. Non só informar sobre as medidas que hai.
- Que as persoas con discapacidade opinen e interveñan nos medios de comunicación cando se fale de: moda, beleza,baile, sexualidade, hábitos de consumo, viaxes, etc.
- Que dende os medios de comunicación se favoreza o cambio da imaxe social das persoas con discapacidade
- Que os xornalistas contribúan a cambiar a forma de pensar dos lectores utilizando as boas prácticas sobre a forma de tratar a Discapacidade.
LEMBRA
Dí ASI | NON DIGAS ASI |
Persoas con discapacidade | os discapacitados |
Persoas xordas | os xordos, xordomudos |
Persoas cegas | invidentes |
Persoa con discapacidade física | inválido, coxo, paralítico |
Persoa con discapacidade intelectual | subnormal, atrasado |
Persoa con síndrome de Down | subnormal, atrasado |
Persoa con enfermidade mental | tolo, demente, trastornado |
Persoa con autismo | autista |
Persoa con sordoceguera | xordo, cego |
Usuario/a de cadeira de rodas | prostrado/a en cadeira de rodas |
Lingua de signos | linguaxe de signos |
Ter, presentar, manifestar unha discapacidade | Padecer, sufrir,...,unha discapacidade |
Persoas sen discapacidade | Persoas normais |
Investimento social | Gasto social |