div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A NOSA HISTORIA A TRAVÉS DO TEMPO

A NOSA HISTORIA A TRAVÉS DO TEMPO

2023

    • ‘O corno’, participada pola TVG, é a primeira película en galego gañadora da Concha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián. A súa directora e guionista, Jaione Camborda, é a primeira muller española en recibir este galardón.

    • O 16 de febreiro, co gallo do programa 300  o ‘Land Rober Tunai Show’ converteuse no primeiro programa de televisión en directo en España en crear un espazo no Metaverso para a interacción co público.  

    • En outubro, a CRTVG recibiu por quinto ano consecutivo o indicador Ardán como ‘Empresa Igual en Xénero’ concedido  polo servizo de información empresarial desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. A CRTVG está entre o 4% das 37.000 compañías galegas analizadas merecedoras deste recoñecemento a empresas “que presentan altos valores de igualdade desde unha perspectiva de xénero no eido laboral medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións.”

    • A CRTVG pecha por 14 ano consecutivo en superávit, mostrando unha capacidade de equilibrio na  xestión que permitiu cancelar a débeda bancaria no ano 2013.

    

2022

    • CRTVG, primeiro operador de España en emitir un programa en TDT, radio, Twitch e YouTube de xeito simultáneo. O 28 de xaneiro, a Corporación fixo unha integración pioneira coa emisión do especial #Tanxufesta, que foi seguido por preto de 300.000 persoas.

    • Primeiro medio público autonómico en lanzar unha convocatoria para a elaboración de proxectos nativos dixitais co obxectivo de apoiar a produción dirixida a redes e aos distintos soportes transmedia.   

    • O martes 29 de marzo, coincidido co 37 aniversario do inicio de emisións da radio pública galega, a Radio Galega estrea o “Estudio 5”, o novo estudio multimedia. A vangarda do proxecto fixo que este novo concepto de radio híbrida formara parte dos “casos de estudo” na reunión internacional de CIRCOM 2023.   

    • O 16 de febreiro a CRTVG lanza ‘Sinxelo’. Un proxecto en colaboración coa Universidade de Vigo, pioneiro en España, que achega contidos en formato de “lectura sinxela” adaptados para persoas con algunha clase de discapacidade cognitiva.  

    • Primeiro premio internacional para un programa de entretemento da TVG: o espazo do prime time ‘Malicia noticias’ resultou gañador na categoría de mellor programa de humor no Celtic Media Festival, superando producións da BBC Escocia, S4C Gales e BBC Irlanda.    

    • ‘DígochoEu’ acada o Premio da Cultura Galega 2022.    

    • A primeira edición dos Premios #DígochoEu reúne 700 escolares na Cidade da Cultura. O espazo da TVG convértese nunha referencia da comunidade educativa para o uso da lingua galega.    

    • ‘Operación Marea Negra’, a primeira serie participada pola TVG en estrearse na plataforma Amazon Prime.   

    • A CRTVG lanza un proceso de consolidación de emprego para o 100% do cadro de persoal.

 

2021     

    • O 10 de maio a TVG convértese na primeira autonómica de España en lanzar unha canle as 24/7 en directo a través de Youtube.

    • A TVG, a primeira canle pública de España de televisión en retransmitir un directo empregando a tecnoloxía 5G. Foi no informativo ‘Telexornal mediodía’ do 23 de xullo a través dunha conexión efectuada desde o Monte do Gozo.     

    • O 22 de outubro nace RadioGalegaPodcast.gal, a primeira plataforma dixital de Podcast da Radio Galega.   

    • En maio, a Corporación emite por primeira vez en Twitch, creando ao seu redor a maior comunidade dun medio de comunicación en galego nesta nova plataforma.

 

2020

    • O 1 de xaneiro nace #DígochoEu, proxecto creado polos servizos informativos da TVG para promover a aprendizaxe e mellora do galego. O programa esténdese ás redes sociais e á Radio Galega. O #DígochoEu convértese nun fenómeno cultural sen precedentes con centos de miles de seguidores nas redes sociais e millóns de reproducións.  

    • A CRTVG lanza a campaña de comunicación integral ‘Coidémonos’ para axudar á cidadanía durante a Covid-19. O slogan é adoptado polas canles da FORTA durante a pandemia.

    • O 8 de abril a CRTVG lanza un paquete de medidas para defender o sector audiovisual galego ante a crise da Covid-19. O Observatorio Audiovisual Europeo recolle que a CRTVG é a única cadea en España que contou con medidas para impulsar o sector audiovisual e creativo na crise provocada polo coronavirus.     

    • En abril, a ficción galego-portuguesa ‘Auga Seca’ é a primeira produción da TVG en acceder á plataforma HBO. A CRTVG segue estendendo a lingua e o audiovisual galegos polos mercados internacionais. En agosto, estréase na mesma plataforma ‘Vidago Palace’.     

    • En maio, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) conclúe que a CRTVG é a canle que máis inviste en contidos audiovisuais -cine e series- de entre todas as televisións autonómicas, segundo o seu informe feito público sobre o cumprimento da obrigación de financiar obra audiovisual europea correspondente ao ano 2018.     

    • A CRTVG recibe un dobre indicador Ardán outorgado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo: ‘Empresa igual en xénero’ e ‘Empresa Global’, concedido este último a menos do 5% das empresas analizadas que “presentan valores elevados en magnitudes directamente relacionadas co proceso de internacionalización”.

 

2019

    • No mes de setembro, os medios públicos galegos estrean a nova redacción dixital, o corazón dun proxecto que sitúa a CRTVG á vangarda tecnolóxica europea e que supón un cambio de filosofía de traballo para adaptarse ás novas tecnoloxías e ás novas realidades de consumo televisivo, especialmente a nivel informativo.

    • O 26 de marzo a Televisión de Galicia empeza a emitir nas súas dúas canles en HD sendo a única canle de España en ofrecer esta calidade en toda a súa oferta de TDT.    

    •  ‘O sabor das margaridas’, coproducida pola TVG, é a primeira serie en galego en Netflix. Estréase en marzo e un mes despois da súa saída entra no top 10 de series de fala non inglesa máis vistas no Reino Unido.    

    • O 17 de maio, o día das Letras Galegas foi a data escollida pola CRTVG para lanzar o servizo G24. A primeira plataforma web e de redes creada cunha estrutura 24/7 de información en galego nos medios públicos.      

    • TVG estrea en decembro ‘Un país en 360’, que incorpora por primeira vez a estereoscopía e o 360º nun concepto multiplataforma, nunha iniciativa pioneira en España que difunde a riqueza natural e monumental de Galicia.     

    • ‘O que arde’, de Oliver Laxe, e participada pola TVG, primeira película en galego en gañar no festival internacional de Cannes o premio “Un Certain Regard”.

 

2018

    • Nacen as AcciónsG da CRTVG, a súa estratexia de Responsabilidade Social Corporativa no marco Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. As #AcciónsG foron recoñecidas como a “Mellor Práctica na Comunicación de Responsabilidade Social Empresarial” nos Premios da Comunicación e o Marketing de Galicia, e como “Boa práctica” polo Pacto Mundial da ONU en España.  

    • O 11 de setembro a CRTVG entra como membro de pleno dereito na xunta directiva da agrupación Celtic Media, composta por operadores internacionais como a BBC ou a irlandesa RTE.      

    • En setembro nace Radio Picariña, a primeira canle dixital de música da historia da Radio Galega dedicada aos máis pequenos.   

    • O  4 de setembro nace #Cultura365, o primeiro proxecto integral de información cultural da historia da CRTVG. Consta de información cultural específica na TVG, na Radio Galega e na nova canle dixital (diariocultural.gal) os 365 días do ano.

 

2017

    • A CRTVG lanza en marzo a primeira experiencia en España en slow TV co proxecto 'Destino Santiago', con máis de 500 horas de directo. Os medios públicos emiten máis de doce horas diarias e ininterrompidas de programación en streaming, cubrindo distintas etapas do Camiño Francés a Santiago.   

    • Televisión de Galicia relanza Enserie.gal, un espazo de streaming en que os espectadores poden ver íntegras as series de ficción producidas ou emitidas polos medios públicos galegos.     

    • Estrea da serie de época ‘Vidago Palace’, a primeira coprodución de ficción realizada entre a TVG e a RTP portuguesa.

     

2016

    • Nace a Corporación de Radio e Televisión de Galicia da fusión da TVG e a Radio Galega cumprindo coa Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia (Lei 9/2011).  

    • O histórico programa ‘Labranza’, informativo semanal da TVG que achega toda a información relativa ao agro galego, cumpre 25 anos.     

    • Os informativos en lingua de signos da TVG cumpren 25 anos: o 29 de abril de 1991, TVG emitiu o primeiro informativo en lingua de signos.     

    •  A CRTVG acolle na sede central de San Marcos tres eventos internacionais: un seminario sobre redaccións innovadoras; a xuntanza do Comité Executivo de CIRCOM Regional, a Asociación Europea de Televisións Rexionais; e un seminario das emisoras de radio públicas europeas sobre músicas do mundo.     

    • Televisión de Galicia aposta pola distribución internacional, con producións como ‘Serramoura’ e a venda de ‘Hospital real’, ‘Códice’ ou ‘O faro’, entre outros títulos.     

    • Nace Xabarín TVG, aplicación para dispositivos móbiles desde a que se pode acceder ás series de animación en galego do espazo ‘Xabarín Club’.

 

2015

    • ‘Luar’, un programa único en Europa, cumpriu a súa emisión n.º 1.000. Nas 24 temporadas ininterrompidas, polo espazo de entretemento pasaron máis de 50.000 artistas e máis de 200.000 persoas como público.   

    • Créase o Portal de Transparencia da CRTVG con seccións de información institucional, de actividade corporativa, de responsabilidade social e un bloque que centraliza a interacción cos usuarios.     

    • O ‘Telexornal serán’ amplía  a súa emisión en lingua de signos, na sua redifusión na segunda canle.     

    • En novembro, a CRTVG pasa a ostentar a secretaría xeral de CIRCOM, a maior asociación de televisións rexionais europeas.

 

2014     

    • Os medios públicos galegos forman parte desde o 25 de xullo do grupo de pioneiros do dominio.gal, con televisiondegalicia.gal, radiogalega.gal e crtvg.gal, converténdoos nun referente de compromiso coa lingua galega na Internet.     

    • No comezo da temporada 2014-2015, TVG incorpora á grella o programa semanal de actualidade ‘Contraportada’.

 

2013

    • Nace ‘Pasouoquepasou.crtvg’, o arquivo en liña da TVG, desde o que se pode gozar dos fondos patrimoniais do Arquivo histórico da Corporación.    

    • TVG pon en marcha o Plató 300 na súa sede de San Marcos, un espazo polivalente desde o cal se emiten arredor de 70 horas semanais para TVG e a segunda canle.    

    • TVG e Radio Galega enfróntanse a un dos seus retos de máis envergadura, o operativo especial sobre a traxedia ferroviaria de Angrois (Santiago), na noite do 24 ao 25 de xullo. A dura e ampla cobertura da canle foi recoñecida co premio Iris da Academia Española das Ciencias e as Artes da Televisión.  

    • TVG organiza a 31 Conferencia Anual de CIRCOM en Compostela, en que participan 300 delegados de televisións públicas de 25 países europeos.

   

2012

    • Nace ‘O buzon da Galega’ como parte das políticas de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG. Trátase dunha canle de comunicación bidireccional coa audiencia, e cada ano crece no seu número de comunicacións directas.

    • En 2012, a CRTVG publica o seu primeiro Informe de Progreso, a través do Pacto Mundial das Nacións Unidas, e explicita o seu compromiso co organismo internacional.     

    • A TVG recolle en Suecia o premio á Mellor Ficción Europea pola serie ‘Matalobos’ da asociación CIRCOM.

 

2011

    • A CRTVG é a primeira canle pública autonómica en adherirse ao Pacto Mundial das Nacións Unidas, e publica a súa primeira memoria anual de Responsabilidade Social Corporativa.      

    • A TVG intervén en abril na 29 Conferencia Anual de CIRCOM, celebrada en Romanía.  En novembro do mesmo ano, participa por primeira vez na reunión do Consello Europeo de CIRCOM que tivo lugar en Malmö (Suecia).

 

2010

    • En 2010, a TVG conmemora o seu 25 aniversario cunha serie de actos que culminaron coa Gala 25 de Xullo, celebrada no Pazo de Congresos de Santiago.

    • O 6 de novembro de 2010, a TVG e a Radio Galega son sinal pool para todo mundo da visita de S.S. o Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela. O evento acada rexistros históricos de audiencia, chegando a niveis do 52% de cota de pantalla. Calcúlase que máis de 23 millóns de persoas viron en España imaxes producidas pola TVG. O sinal foi facilitado a unhas 130 televisións doutros países.    

    • En 2010, comeza a emitirse o primeiro e multipremiado informativo cultural diario da TVG, ‘ZigZag diario’.

 

2009

    • O 2 de febreiro inaugúrase a segunda canle da Televisión de Galicia, a G2, cunha emisión firme e de forma regular.

    • A TVG emite con tecnoloxía dixital desde máis de 40 centros emisores e reemisores que lle facilitan unha cobertura próxima superior ao 85% da poboación, cobertura que acada o 98% en abril de 2010.

    • En abril, estréase ‘Matalobos’, serie de grande acollida que en clave de thriller policial se introduce no mundo do narcotráfico.

    • Por primeira vez na súa historia, a TVG realiza, desde agosto de 2009, a transmisión da temporada da UEFA Champions League, dentro do programa ‘Zona Champions’.

 

2008

    • No ano 2008 prodúcese o lanzamento da serie ‘Padre Casares’, ficción de éxito que sería reproducida noutras canles da FORTA.

    • O espazo semanal de información agraria da TVG ‘Labranza’ chega, en xullo de 2008, aos 1.000 programas en antena e aos 19 anos de vida ininterrompida.

 

2007

    • En xullo, a TVG pon en marcha agalega.info, nova páxina na Rede dos Servizos Informativos, desde a que o usuario pode acceder ás noticias e a todos os espazos informativos que se emiten na canle pública.  

    • Ponse en marcha a primeira edición do Premio ‘Diario Cultural de Teatro Radiofónico’ da Radio Galega, en colaboración co Centro Dramático Galego.

    

2006

    • En outubro de 2006, estréase ‘A Casa de 1906’, primeiro programa de telerrealidade feito na TVG, en que dúas familias galegas viven durante dous meses nunha contorna da Galicia de hai cen anos.

    • En setembro, preséntase un novo deseño para www.crtvg.gal, de acordo co cambio integral da súa imaxe corporativa. Nesta nova etapa, o portal da Galega presenta unha extensa oferta de radio e televisión á carta.

 

2005

  • A CRTVG apoia e visibiliza con programación especial a candidatura de Patrimonio Inmaterial Galicia-Norte de Portugal na UNESCO baixo o lema ‘As tradicións orais galego-portuguesas’ en colaboración coa asociación Ponte nas ondas.

    • En febreiro estréase a serie ‘Libro de familia’, ficción que conta a historia de tres sagas nunha vila galega nos anos 60 e que se converteu nunha das series de éxito da historia da TVG.

 

2004

    • O 24 de marzo de 2004 a TVG pon en marcha un novo sistema de automatización do seu estudio de continuidade.

    • En marzo nace Radio Galega Música, que emite en FM, dixital, Internet e TDT (Televisión Dixital Terrestre).   

    • Son Galicia Radio bota a andar o 17 de maio de 2004 emitindo a través de Internet e da TDT.

    • A TVG incorporouse o día de fin de ano de 2004 a unha nova plataforma de distribución de televisión parella á banda ancha de Internet. Trátase da inclusión das emisións da canle internacional Galicia Televisión en Imagenio.

     

2003

    • En xaneiro, a TVG presenta o seu “Plano de Cine, TV Movies, Series e Programas para Televisión de Galicia, S.A”, co que se establece un concurso público de petición de ofertas para a realización de produtos audiovisuais, sendo a TVG a única canle de televisión en España que desenvolve este tipo de concorrencia pública de ofertas para produtos audiovisuais.

  • TVG redeseña e relanza ‘Supermartes’, o exitoso formato de concurso e entretemento de tres horas de directo, en emisión desde 1992, e un dos programas máis queridos da pantalla.​​​​​​​    

 

2002

    • TVG e Panasonic asinan en maio o acordo de adxudicación da dixitalización para os Servizos Informativos, na que se inclúe o subministro de máis de 200 equipos de DVCPRO50, así como unha rede de servidor con estacións non lineais para informativos.

    • En marzo de 2002 comeza a emisión da TVG a través de Internet mediante a tecnoloxía Windows Media, engadindo ao servizo xa existente a codificación para conexións de banda ancha.

 

2001

    • En abril do 2001, a Televisión de Galicia e Radio Galega reinician as súas emisións para Europa, a través do satélite Hispasat.

    • A TVG comezou a emitir con tecnoloxía dixital terrestre desde os Centros Emisores do Pedroso (Santiago), A Bailadora (Ares-Ferrol), Domaio (Moaña) e Tomba (Pontevedra), en marzo de 2002.

 

2000

    • Ao longo do ano inaugúranse novas cámaras web en Fisterra, Cabeza de Manzaneda, Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baiona, Tui e Sanxenxo.

    • O 19 de maio ás 18:30 horas, a web da CRTVG puxo a funcionar a primeira webcam móbil do mundo, que desde un helicóptero ofreceu imaxes da cidade da Coruña co gallo do partido final da liga de fútbol 99/00.

     

1999

    • A TVG estrea imaxe corporativa o 20 de xaneiro de 1999.

    • A TVG regulariza as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat en xaneiro .

    • Radio Galega inicia as súas emisións regulares cara a América polo satélite Hispasat o 22 de febreiro de 1999.

     • O 23 de abril entran en funcionamento os novos enderezos electrónicos da TVG e da Radio Galega.

 

1998

    • A canle autonómica iniciou as emisións para Europa en dixital o día 7 de marzo de 1998 a través do satélite Eutelsat Hod Bird-3.

    • O día 7 de xullo de 1998, ás 21 horas e 27 minutos, realizou a primeira conexión de satélite cunha unidade móbil de enlaces propia. Sería na emisión do ‘Telexornal segunda edición’ desde a Expo de Lisboa.

    • O Teletexto da CRTVG iniciou a emisión de novas o día 24 de xullo de 1998, véspera do Día de Galicia.

    • A TVG iniciou as súas emisións regulares cara a Europa polo Eutelsat Hot Bird-3, o día 1 de decembro de 1998.

    • A TVG iniciou emisións cara a América a través do satélite Hispasat o 1 de decembro de 1998.

    • Radio Galega iniciou as emisións dixitais pola plataforma Vía Digital o 16 de xuño, e vía Eutelsat para toda Europa o 24 de decembro.

      • A web da CRTVG foi seleccionada en xaneiro como gañadora do premio Nuevos Lenguajes de Periodismo.

 

1997

    • O 24 de xullo de 1997 instalouse a primeira cámara web na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Desde entón foise incrementando o número de cámaras instaladas nas principais cidades e vilas e nalgúns dos puntos de maior interese turístico de Galicia, entre elas o Camiño de Santiago. O servizo está dispoñible no portal crtvg.gal.

    •  O 14 de febreiro de 1997, a TVG asina un acordo de colaboración coa canle CNN para enviar información sobre Galicia e para a inclusión na programación das súas emisións vía satélite.

    • A TVG inicia a emisión da súa propia canle vía satélite cara a América o 1 de abril de 1997 ás 17 horas.

    • O día 21 de xullo de 1997 inicia o seu funcionamento en probas o novo control central robotizado da TVG.

    • A TVG é a primeira canle de Europa e a sétima no mundo en ofrecer as súas emisións regulares pola Internet en tempo real. Comeza  ás cero horas do día 17 de maio de 1997, Día das Letras Galegas.

    • Radio Galega realiza a súa primeira emisión dixital, de xeito experimental, o mércores 16 de abril desde o emisor do monte do Pedroso en Santiago de Compostela.

    • Radio Galega emite en son estéreo por Internet desde o 20 de marzo de 1997 ás 20:40 horas.

 

1996

    • A TVG realiza por primeira vez a gravación dun programa en formato Pal Plus (16/9), no Torneo Campión de Campións de squash celebrado en Santiago de Compostela en novembro.

    • A marca de audiencia da TVG produciuse o sábado 7 de decembro de 1996 durante a transmisión do encontro de fútbol entre o Real Madrid e o Barcelona. O chamado "partido do século" foi seguido a través da canle autonómica por 745.000 espectadores.

    • A TVG inicia as súas emisións regulares cara a América vía satélite a través da canle Galeusca o día 31 de decembro de 1996 ás 14 horas locais.

    • Radio Galega é a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través de Internet. Foi o 20 de agosto de 1996.

    • Os medios públicos contan o 25 de xullo de 1996 cun servidor propio en Internet, sendo unha das primeiras empresas públicas de comunicación en ter presenza na rede.

 

1995

    • Os medios públicos navegan por primeira vez por Internet en xullo de 1995. Os informativos da TVG e da Radio Galega, datos das dúas empresas e un vídeo son ofrecidos aos usuarios da rede.

    • A Televisión de Galicia emitiu por primeira vez un teletexto en galego o 11 de outubro de 1995, iniciando as súas emisións regulares o 15 de decembro de 1995.

    • A TVG emitiu por primeira vez en sistema Pal Plus, a pantalla de formato longo, coma a do cinema (16 :9), en outubro de 1995. Fíxoo co apoio da Unión Europea a través do Plano de Acción para Servizos Avanzados de TV.

    • TVG emite por primeira vez na súa historia en sistema NICAM-Dual-Estéreo para toda Galicia a principios de 1995.

 

1994

    • A TVG é a primeira canle autonómica que emite regularmente vía satélite. Fíxoo co programa ‘Galeguidade’ o 29 de decembro de 1994.

    • A TVG emite por primeira vez a través da rede de fibra óptica de telefonía o 25 de novembro de 1994; foi dende Silleda e ofreceulles aos seus espectadores imaxes do IV Salón da Enerxía e Desenvolvemento Rural.

 

1992

    • O Servizo de Radio Exterior da Radio Galega créase en outubro de 1992 e para achegar programas en lingua galega a través de 20 emisoras de nove países.

 

1991

    • Nace programa radiofónico ‘Diario cultural’, o contedor informativo do eido da cultura da emisora pública.

     

1985

    • A TVG inicia as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as súas instalacións de San Marcos na parroquia de Bando, no Concello de Santiago de Compostela. A súa programación regular comezou o 29 de setembro de 1985 con 39 horas de emisión á semana.

    • Radio Galega inicia as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día do aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro. A programación regular comezaría o 29 de marzo de 1985 e desde entón emite as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade