'A Radio Conta', proxecto en que participa a Radio Galega, dedica este ano o seu programa ao apoio do traballo coas persoas migrantes - CSAG
'A Radio Conta', proxecto en que participa a Radio Galega, dedica este ano o seu programa ao apoio do traballo coas persoas migrantes
O programa gravarase na Coruña, este sábado 27 de decembro
Nesta edición, a iniciativa xirará arredor da diáspora, un elemento esencial e profundamente arraigado na identidade galega, que servirá como eixe central da programación

Santiago, 24.12.2025.- O programa solidario ‘A Radio Conta’ dedicará a súa 13ª edición o vindeiro sábado 27 (17:00 h, Fundación Barrié da Coruña) a apoiar o traballo da asociación sen ánimo de lucro ACCEM, que traballa na inserción social e laboral de persoas migrantes. Esta cita xa tradicional do Nadal coruñés reunirá sete radios da cidade públicas e privadas: Radio Galega, RNE, Cadena SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE e Radio Marca.
A temática do programa deste 2025 será a diáspora, un elemento fundamental na identidade galega, marcada durante todo o século XX polo desexo de centos de milleiros de persoas de buscar no estranxeiro a prosperidade que non atopaban na súa terra.
Na gravación participarán a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o director de cinema Xan Leira, os actores Luis Iglesia e Santiago Fernández, o comunicador Iván Pérez Amil, o ‘cazador de eclipses’ Óscar Blanco, os humoristas Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Leti da Taberna, o músico gañador de cinco premios Emmy José Manuel Cancela, a xornalista Mónica Rebolo e o profesor Henrique Rabuñal.
Durante o programa homenaxearase a Sito Sedes, profesional da TVG e cantante de Los Satélites, falecido en 2024.