div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

'Antes de Nós', filme participado pola TVG e primeira cinta sobre a figura de Castelao, chega aos cines o venres

Os cines Cantones acolleron a preestrea da cinta onte mércores

Baixo a dirección de Ángeles Huerta, este drama histórico protagonizado por Xoán Fórneas e Cris Iglesias amosa a faciana máis persoal do galeguista
 

crtvg.gal 22/05/2025 11:14

Santiago, 22.05.2025.- ‘Antes de Nós’, longametraxe participada pola Televisión de Galicia e primeira sobre a figura de Castelao, chega aos cines este venres 23 de maio. ‘Antes de Nós’ é o segundo filme de ficción de Ángeles Huerta e narra a faciana máis persoal de Alfonso R. Castelao. A cinta descobre momentos únicos do icónico galeguista xunto á súa muller Virxinia Pereira, clave para entender a figura do político. 

Os cines Cantones da Coruña acolleron o mércores a preestrea da película nunha  presentación que contou coa presenza do equipo da película, a súa directora Ángeles Huerta, a produtora Zaza Ceballos, e o guionista Pepe Coira, así como personalidades do ámbito cultural, político e audiovisual. En representación da CRTVG, asistiu o director de Proxección Social, Xaime Arias
 
‘Antes de Nós’ é un drama histórico que explora a vida de Castelao antes de converterse no recoñecido home público, enfocándose en dous momentos clave: o seu traballo como médico durante a pandemia da gripe de 1918 e a súa viaxe á Bretaña en 1929, despois da morte do seu fillo.  Xoán Fórneas e Cris Iglesias encarnan a parella protagonista, que encabeza un elenco formado tamén por Nancho Novo, Aldám Santos Vilela, Manuel Cortés, Isabel Vallejo, Adrián Ríos, Miquel Insúa, Sergio Zearreta e Victoria Teijeiro, entre outros.
 
A rodaxe levouse a cabo en distintos escenarios de Galicia, como Rianxo, Compostela, A Estrada, Muros e Pontevedra. ‘Antes de Nós’ está producida por Retrincos AIE e conta coa participación da TVG e co apoio da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), e a colaboración das Deputacións de Pontevedra, Lugo e Ourense, así como do Concello de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade