'Código 092' acompaña esta noite os axentes da Policía Local de Santiago nas súas intervencións - CSAG
'Código 092' acompaña esta noite os axentes da Policía Local de Santiago nas súas intervencións
Os espectadores asistirán ao desaloxo dun local de ocio nocturno e á detención dun condutor que circulaba baixo os efectos das drogas e co carné retirado

Santiago, 16.11.2025.- Televisión de Galicia ofrecerá este domingo unha nova entrega de ‘Código 092’ (21:55 h), unha docuserie que leva o espectador ao corazón da acción da Policía Local en distintas cidades galegas, amosando o lado máis real e imprevisible dun servizo público que nunca se detén.
O programa acompañará hoxe os axentes da Policía Local de Santiago no primeiro xoves universitario do ano. Así, os espectadores asistirán ao desaloxo dun local de ocio nocturno por duplicar o límite da súa capacidade, e á intervención con varios mozos sorprendidos consumindo substancias ilegais na rúa.
‘Código 092’ tamén amosará como os axentes de Compostela interveñen un condutor que circulaba baixo os efectos das drogas, co carné retirado e nun vehículo con modificacións non homologadas.