div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

‘Galicia en goles’ retransmite esta fin de semana as fases de ascenso no fútbol e no fútbol sala

O ciclismo será protagonista no Porriño e en Moaña

crtvg.gal 12/06/2025 12:00

Santiago, 12.06.2025.-  A noite do venres está reservada ao fútbol sala na primeira edición da semana de ‘Galicia en goles’. A partir das oito e media do serán, Paco Santos conduce a cobertura do segundo partido polo ascenso á Primeira División de fútbol sala entre o Málaga e o Parrulo Ferrol. O equipo galego sumou o primeiro punto da eliminatoria goleando na Malata e está a corenta minutos de regresar á elite. Así e todo, en caso de sufrir unha derrota na pista andaluza, tería a semana que vén unha nova oportunidade, e desta volta, ante a súa afección. A primeira xornada do Rally de Ourense e os cuartos de final do trofeo de fútbol cadete Ourense Provincia Termal completan a axenda da xornada.

O sábado, desde as dúas e vinte da tarde e ata as doce da noite, Roberto Carlos Carballo e Rodrigo Pérez Pardo atenderán ao comezo no Palau da final da liga masculina de hóckey a patíns entre o Barcelona e o Liceo. O fútbol estará presente coa final da Copa de Lugo en Castro de Ribeiras de Lea entre o Taboada e o Chantada, ademais da final de veteranos en Santiago de Compostela entre o Rácing de Ferrol e o Sárdoma. A canteira tamén terá cobertura, xa que no estadio do Couto xogaranse as semifinais do torneo cadete no que compiten seis clubs: Celta, Pabellón, Real Madrid. Atlético de Madrid, Athlétic de Bilbao e O Porto. O comezo das finais de ascenso á Primeira de fútbol sala feminino coa participación do Vilalba e o Bembrive e o campionato galego de fondo en estrada desde O Porriño pecharán a tarde de retransmisións.

O domingo, a edición matinal situará a audiencia no campo da Madroa, en Vigo, onde os futbolistas dos equipos de integración do Celta e do Deportivo xuntaranse con presentadores coñecidos da Radio Galega e da Televisión de Galicia no partido de celebración dos 40 anos da nosa corporación. O evento integrase dentro do torneo que organiza Míchel Salgado, ex-xogador do Celta, Real Madrid e selección española. Durante a mañá, o Lugo B-Antas pola Copa de Lugo feminina e o desafío Delio Fernández de ciclismo en Moaña terán cadanseu punto de directo. Xa pola tarde, desde as dúas e vinte e ata as doce da noite, o fútbol de ascenso terá ampla presenza, co Pulpileño-Sarriana, Beluso-Cambados e Céltiga-Atios. Cando remate a xornada, contra as dez da noite, os especialistas de ‘Ao contraataque’ analizarán todo o sucedido cos nosos equipos e debaterán sobre a apertura do Mundial de clubs nos Estados Unidos.

#GaliciaEnXogo

O sábado, de once a doce da noite, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará en antena cos espazos especializados. A primeira media hora será para o motor e a celebración do Rally de Ourense, puntuable para o campionato de España. Ao remate chegará a actualidade da crónica olímpica, co día a día dos galegos que preparan os Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade