'Latitude galega' chega hoxe a Bos Aires, a capital do tango e o asado - CSAG
'Latitude galega' chega hoxe a Bos Aires, a capital do tango e o asado
A reporteira Alba Mancebo coñecerá este destino da man de cinco galegos

Santiago, 20.1.2026.- ‘Latitude galega’ visita este martes (22:40 h) Bos Aires, un dos destinos preferentes da emigración galega ata mediados do século XX. A cidade máis importante da Arxentina, de 3 millóns de habitantes, destaca polas súas rúas de estilo europeo, polo seu porto, un dos principais de América do Sur, e por ser a capital do tango e do asado.
A reporteira Alba Mancebo coñece a capital arxentina da man de cinco galegos: Martín, un comercial de Ourense; Marta, unha mestra de Vigo; Evaristo, un xubilado de Vimianzo; Paula, unha estilista de Vigo; e José, un carpinteiro de Lalín.
‘Latitude galega’ é un programa de viaxes que achega ao espectador diferentes lugares do mundo, da man dos galegos que alí viven. Ao longo de trece entregas, os reporteiros Alba Mancebo e Perico Balado recorren os cinco continentes para coñecer galegos e galegas que viven fóra e descubrir, canda eles, a gastronomía, a cultura e a paisaxe do seu lugar de adopción, poñéndoo sempre en relación con Galicia.
