'Luar' celebra a saída do sol cun programa en que será protagonista a música de Lucía Pérez, Roser, Antonio Luz e Alberto Cunha - CSAG
'Luar' celebra a saída do sol cun programa en que será protagonista a música de Lucía Pérez, Roser, Antonio Luz e Alberto Cunha
Polo escenario do programa (21:40 h) tamén pasarán esta noite Yennia, a orquestra Saudade e o grupo tradicional Armadanzas de Laraño

Santiago, 20.02.2026.- Despois de tantas semanas de incesantes borrascas e de tanta chuvia, ‘Luar’ celebra hoxe a saída do sol cun programa en que se darán cita a mellor música, cun amplo cartel de artistas, e o mellor humor.
O espazo da TVG recibirá nesta ocasión a visita dunha das cantantes galegas de máis éxito dos últimos anos: Lucía Pérez, cuxa traxectoria estivo sempre marcada por unha vibrante evolución artística. A artista do Incio interpretará ‘Porque no’, o seu novo sinxelo, un himno de apoderamento, reafirmación persoal e celebración dos seus 20 anos de carreira musical.
Tamén está convidada a programa desa noite a cantante Roser, que saltou á fama hai máis de dúas décadas tras a súa participación nun concurso musical. Desde entón puxo catro álbums no mercado, cos que conseguiu dous discos de ouro, e ofreceu centos de concertos, en que destacan especialmente as coreografías. A súa última proposta é ‘Hola Raffaella’, un divertido espectáculo con todos os éxitos de Raffaella Carrá, dos que hoxe interpretará ‘Fiesta’ e ‘Que dolor’.
Outro dos convidados deste venres será o ourensán Antonio Luz, un músico eminentemente autodidacta, fillo de emigrantes, que medrou entre a paixón polo flamenco e a música tradicional galega, dous estilos que fusiona na súa proposta.
‘Luar’ tamén contará coa presenza do polifacético artista vigués Alberto Cunha, que conta cunha longa traxectoria no mundo do espectáculo, con máis de tres décadas dedicadas á música e ao humor. Coñecido polo seu carisma, o seu talento vocal e a súa capacidade para conectar co público, participou en numerosas producións musicais e en numerosos programas de televisión.
Ademais, esta noite pasarán polo escenario Yennia, exconcursante de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, a orquestra Saudade e Armadanzas de Laraño, un grupo que traballa na recuperación de bailes e música de toda Galicia.
O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar non se despedirá sen ofrecer unha nova entrega do concurso ‘Recantos’, en que hoxe lles tocará actuar a Jenny, procedente de Lugo Norte, e a Uxía, representante da comarca Terras de Compostela.