div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Luar' despide este venres temporada cunha homenaxe á canción do verán

O programa (21:40 h) xuntará no escenario os máximos representantes dos grandes temas que lles puxeron a banda sonora aos meses de máis calor, como Los Diablos, King África e The Refrescos, entre outros

csag.gal 31/07/2026 02:00

Santiago, 31.07.2026.-     O programa ‘Luar’ despide hoxe a temporada por todo o alto, facéndolle unha homenaxe, como non podía ser doutro xeito, a unha das cousas máis importantes do verán: a música. Con este fin, o espazo da TVG xuntará no escenario os máximos representantes deses grandes temas que lles poñen a banda sonora aos meses de máis calor. Así pois, os espectadores gozarán este venres coas mellores cancións do verán do pasado e do presente.

‘Luar’ comezará lembrando o gran Georgie Dann, o rei indiscutible da canción do verán, e contará tamén coas actuacións de Los Diablos, autores de éxitos inesquecibles do pop español como ‘Un raio de sol’ e ‘No pares de bailar’.

Tamén estará no escenario o explosivo King África. Coas súas amplas túnicas multicolor, as súas lentes de sol e, sobre todo, a súa curiosa voz atiplada, o artista arxentino conquistou os veráns de medio mundo. En España acadou un éxito inesperado no ano 2000 coa canción ‘Bomba’, seguida doutros éxitos como ‘Salta’, que cantará hoxe.

Outros imprescindibles de calquera verán que se prece, que hoxe visitarán o programa, son The Refrescos. A banda madrileña de pop-rock e ska e o seu hit ‘Aquí no hay playa’ craváronse para sempre na mente dos españois nos 80 e, case 40 anos despois, non hai festa estival en que non soe este singular e colosal éxito do que esta noite poderá gozar a audiencia galega.

Outra artista, de sobra coñecida pola audiencia galega, que actuará este venres no programa é Verónica Romero, cuxa carreira musical despuntou tras o seu paso, hai xa 25 anos, pola primeira edición de ‘Operación Triunfo’.

Ademais, este último ‘Luar’ da temporada contará coa presenza do novo dúo galego Tapa d’Orella, integrado polos coñecidos artistas Pappaquino e Willow GHZ. Con este novo proxecto consolidan un estilo propio que mestura música urbana, electrónica e unha estética moi ligada á cultura dixital galega. O grupo destaca pola súa capacidade de conectar coa audiencia moza, pola súa creatividade e polo uso das redes como espazo de creación colectiva. 

Non hai verán sen verbenas, e non hai verbenas sen orquestras. Por iso, o programa contará esta noite coa animación da orquestra Principal. Tamén pasarán polo escenario o grupo musical galego Amizades, coñecido polo seu estilo de habaneiras e repertorio latino; a agrupación de música e danza tradicional Queiroa e o Mago Antón Noriega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade